Rubén Pérez voceiro da Marea de Vigo

Rubén Pérez En Marea Vigo

Rubén é o voceiro da marea de Vigo e secretario de organización de Esquerda Unida. Achegámonos ata o concello da cidade olívica a conversar con el, e coñecer a súa valoración da situación política actual. Velaí vai o que deu de si a nosa charla

O CONCELLO DE VIGO E A XUNTA LIBRAN UNHA BATALLA ABSURDA SOBRE AS COMPETENCIAS EN LUGAR DE OCUPARSE DAS URXENCIAS”

Hai tempo que non tiñamos ocasión de falar. Como che vai a vida, Rubén?

Eu creo que a resposta exacta é trepidante. Vivimos tantos tan intensos procesos políticos en tan pouco tempo, que considero que ese adxectivo é o que mellor a define

Agora imos ter, en principio, un longo período sen procesos electorais?

Si, pero a situación política é moi crítica e a crecente ocupación do discurso social por parte da ultradereita é enormemente preocupante

A crispación e violencia verbal que se percibe pola rúa por parte dese espazo que mencionas está nuns niveis elevadísimos creo eu

Que me vas contar a min que teño sufrido ameazas pola rúa

Contra a túa propia persoa?

A min pola rúa téñenme chamado “Rojo de mierda”..e cousas peores. Esa é a tónica xeral, pero hai determinados debates que se están colando, como por exemplo o tema dos ocupas, que serían impensables se non existise este magma do discurso de extrema dereita. O acoso que están a sufrir determinados membros do goberno non se parece en nada a outras situacións da nosa historia recente. Ten unha profundidade enorme e é unha estratexia consciente. O acoso que está a sufrir Pablo Iglesias en concreto, non o sufriron dirixentes comunistas no franquismo na clandestinidade

Xa que falas do tema dos ocupas. Neste mesmo xornal, entrevistamos á subdelegada do goberno e di que ese suposto problema, en realidade, non existe

É que é así. Non existe

Temos que falar da situación sanitaria. Cal é a túa valoración?

O triunfalismo tanto da Xunta como do Concello non se sostén. Os datos de Galicia son malos e os da nosa cidade son tamén malos. E a Xunta, que ten a responsabilidade sanitaria, mantén unha actitude absolutamente neglixente eludindo responsabilidades no goberno do estado e nos concellos.

Dicíame un mestre amigo meu que estaba “ acojonado” pola volta a clase porque o protocolo que lles pasou a Xunta é basicamente: sálvese quen poida

Estou de acordo co teu amigo. A preocupación sobre este tema é enorme, e para os que temos fillas e fillos máis aínda. O concello de Vigo e a Xunta libran unha batalla absurda sobre as competencias no canto de preocuparse das urxencias. E nesa batalla perden os colexios. Tamén quixera salientar a diferencia entre o exemplo dos colexios públicos e o desastre dos colexios privados relixiosos cuxos protocolos son lamentables.

Agardo que pronto poida haber unha vacina, pero o devir dos acontecementos, neste tema capital para a humanidade, é tan decepcionante, xa que se percibe competencia por acadar un segmento maior de negocio en lugar de cooperación, que a sensación que me provoca e constatar o noso fracaso como especie

A pandemia é un exemplo evidente de crise sistémica. O funcionamento da OMS e da industria farmacéutica non fan máis que reforzar esa situación. O único país que manifestou a súa intención de ofrecer a súa vacina de maneira gratuíta é Cuba. E a propia OMS di que non pode haber vacina de balde¡¡.A situación é enormemente grave acrecentada por unha crise ambiental que pode levar ao noso planeta ao borde do caos

A sensibilidade ambiental para conservar o único planeta que temos semella que é cada vez maior, pero na nos a cidade seica é máis importante acender unha millonada de luces de cores

Ben, pois parece que é a única marca que pode amosar o goberno municipal. E por desgraza esa manifestación de frikismo cada vez ten máis imitadores. Eu creo que o tema das luces de nadal de Vigo, xa cheira a caduco

En Vigo hai pobres?

Vigo é a cidade con máis pobres de Galicia

O goberno de Abel Caballero fai o suficiente para atender as necesidades dos segmentos máis vulnerables da poboación?

Non, rotundamente non. Os datos fiscalizados polo ministerio de facenda din que Vigo inviste pouco máis de 50€ por habitante , fronte por exemplo a Lugo que inviste 90 ou Coruña que inviste 112.Somos unha das cidades cun gasto social per capita máis baixo.

Por que non se ven eses datos?

Porque Caballero ten un emporio mediático gañado a golpe de talonario. As maiorías absolutas constrúense con moitísimos instrumentos

Cal é a vosa posición en relación co tema dos remanentes do Concellos?

A proposta inicial do ministerio de facenda era inasumible. O PP que foi quen orixinou esa situación coa lei Montoro, parecía o grande defensor dos municipios. Nós xa dixemos, malia as modificacións, que ese decreto ía ser imposible gañalo no congreso, e aínda así o ministerio de facenda e Abel Caballero decidiron levalo e escacharse. Agora haberá que pór unha nova proposta enriba da mesa

Utilizar o 100% dos remanentes?

Teño dúbidas. Antes de gastar os remanentes hai que derrogar a lei. A lectura, ao meu xuízo é que o alcalde de Vigo non pode ser presidente da FEMP e que o ministerio de facenda non pode facer unha proposta sen consenso.

En canto a política local quixera coñecer a túa opinión sobre a situación do sector cultural?

É un desastre absoluto. Caballero orienta a súa política cultural focalizándoa cara aos segmentos que maioritariamente lle votan, por iso non existe política cultural orientada á mocidade. O concello fai apartheid cultural, só existen expresións culturais para o votante tradicional do PP/PSOE para o resto 0

Cero, Rubén?

Cero patatero.

Estás dicindo que é o cálculo do interese electoral o que condiciona a política cultural do concello?

Sen dúbida de ningunha clase.

Explícanos o voso plan para un Vigo máis sostíbel?

Nós presentamos un plan para a declaración da emerxencia climática na cidade. Temos un mal transporte público que se está a degradar continuamente. Temos un contrato con Vitrasa polo que se eles non chegan un número determinado de viaxeiros estamos na obriga de compensarlles economicamente. Debemos repensar esquema do transporte público pero o que fai o alcalde non son máis ca fogos de artificio.

Os montes do concello de Mos están en serio perigo pola especulación urbanística. O perigo para os de Cabral xa pasou completamente?

Si, porque o terreo queda clasificado como reserva forestal

Un triunfo marabilloso do movemento veciñal

Abofé que si.

Falemos de Galicia. Unha nova maioría absoluta de Feijoo, Galicia en Común, o voso espazo, desaparece do parlamento. E agora que?

Se durante unha lexislatura, o esperpento maior que viviu o parlamente galego foi En Marea, non se podía esperar gran cousa a verdade. Eu sigo pensando que a única forma posible para derrotar ao PP é a unidade popular. En abril o escenario era moi diferente, pero claro, se da noite para a mañá o noso espazo político foi identificado co goberno, pois todo o desgaste que sufriu o goberno pagámolo nós.

Xa pero, iso que me dis trata de explicar por que, eu quixera saber , agora que?

Eu son SO de Esquerda Unida, que ten 30 anos de historia dos que no parlamento de Galicia estivo 8.Que ninguén se preocupe, nós non temos problema en facer política fóra das institucións, somos unha forza pegada á realidade, non un produto de mercado. Insisto, a nosa aposta pola unidade popular non é para un momento concreto, é unha aposta definitiva. Pronto teremos asemblea nacional galega e asemblea federal e alí tomaremos decisións, que terán que determinar que tipo de unidade popular queremos.

Na asemblea nacional de Esquerda Unida prevés un cambio de caras na dirección?

Eu creo que teremos que renovar toda a dirección

Incluíndo a Eva e a ti?

Esta é unha reflexión persoal. Eva leva moi pouco tempo e creo que debe de continuar. En calquera caso é unha decisión que terá que tomar ela.

No momento presente segues avalando a decisión do espazo de Unidas Podemos de entrar no goberno de España?

Si, rotundamente si.

E a praxe?

Nun goberno, non é como se entra senón como se sae. Eu considero que o Rubicón do goberno vai estar nos orzamentos. Agora ben, non me quero nin imaxinar como sería esta crise se non estivera Unidas Podemos no goberno. Estou seguro que a nosa presenza no goberno explica a maior parte das cousas boas que pasaron nel

A xestión de Yolanda Díaz?

Está sendo impecable

Unidas Podemos está no goberno por convicción do PSOE ou porque non lles quedou máis remedio?

Eu creo que no partido socialista ten dúas almas, e realmente penso que Pedro Sánchez si se cree o do goberno de coalición