1º Asemblea nacional do sindicato “Fervenza”

A finais do pasado mes de Novembro, o sindicato estudantil “Fervenza” celebrou a súa primeira asemblea nacional. Eles son un sindicato de recente creación, naceron en marzo do 2025, e de momento só teñen presenza en Santiago e en Vigo, pero amósanse moi ilusionados en poderen medrar e nun futuro próximo estar en todo o país. Nós falamos con Sara, a moza que exerce de coordinadora da asemblea de Vigo.

Sara Castro, Coordinadora da Asemblea de Vigo

A extrema dereita ten cada vez máis presenza nas aulas da Galiza, principalmente nos institutos”

Cando e por que motivo nace Fervenza?

O sindicato fervenza nace o 9 de marzo de 2025 porque o Movemento Estudantil Galego estaba bastante parado. Levaba anos nos que non había ningunha acción. Hai moitos problemas a causa das políticas educativas incompetentes que temos. Problemas como a vivenda ou a privatización que se está facendo do ensino ou a falta de aulas en galego. Para darlle axuda e voz ao estudantado galego, decidiuse formar Fervenza. Fíxose unha Asemblea Constituínte na que participaron 90 persoas, foi en Santiago de Compostela, e logo este curso académico, en setembro, nace Fervenza na zona de Vigo.

Cales son os vosos obxectivos?

Os nosos obxectivos son axudar ao estudantado nesta realidade socio-política na que cada vez vemos como se minguan máis os nosos dereitos. Polo tanto, nós estamos facendo unha liña moi directa co tema da vivenda. De feito xusto o mes seguinte de constituírse Fervenza, durante ese mes, organizouse unha folga en Santiago, que tivo moitísima acollida.

Foi organizada por vós esa folga?

Si, Foi organizada por nós xunto con Erguer, e tamén organizacións independentes de Santiago.

Que tipo de relación tedes con outras organizacións sindicais de estudantes que puideran estar preto do voso espazo ideolóxico como ERGUER? Que é o que vos diferencia deles?

O que nos diferenza de Erguer é que eles están vencellados a unha forza política concreta. Nós non o estamos, somos un sindicato completamente independente. Si é certo que temos unha base ideolóxica moi parecida. Somos nacionalistas, velamos por unha república galega e pola defensa da cultura e da lingua galega.

Nós creamos asembleas específicas ao redor dun conflito onde debatemos, analizamos as causas e logo, deseñamos unha pauta de actuación que vai moi á par das liñas do Movemento Obreiro. Erguer está como para apoiar causas máis institucionais, pero nós estamos para darlle voz, para escoitalos e precisamente, por iso, somos máis combativos, considero eu.

Tedes presenza en todo o país galego?

Non, comezamos en Santiago e agora en Vigo. Este mes imos comezar a facer campañas por Pontevedra e na Universidade da Coruña, tamén.

Funcionades no ensino medio e universitario, non?

Si, en institutos e na universidade. Nós realmente queremos enfocarnos nos dous sitios, porque ao final todos somos estudantes e temos os mesmos problemas. Vimos de familias proletarias e se non nos unimos e non nos organizamos, non se van solucionar. De feito, iniciamos unha campaña cos institutos da zona de Vigo, no Meixueiro, polas obras no Manuel Antonio. Por estas obras había vertidos tóxicos polos corredores, había po, e resulta que dentro ese po era de amianto e de materiais nocivos que había nas paredes, buracos polo teito polo que entraba a chuvia, clases cheas de andamios, e non podían ir á clase con seguridade.

Puxémonos en contacto coas rapazas que organizaban, fixeron unha coordinadora para falar, para facer concentracións e manifestacións. Convocamos un día de folga nese centro, e convocamos unha concentración diante de inspección educativa. Non se conseguiu parar as obras, pero conseguimos, gracias ao esforzo e a axuda que lle proporcionamos ás rapazas, que as mudaran para a noite e as fins de semana.

Un ou unha estudante que queira formar parte do voso colectivo, a partir de que ano pode facelo? Cantos anos necesita ter?

Con que sexa estudante abonda. Nós estamos para darlle acollida a calquera persoa. Normalmente si que nos estamos enfocando na xente de FP, a partir dos 16 anos pero, calquera estudante de calquera idade pode poñerse en contacto con nós.

Como vos financiades ?

Organizamos festas fóra dos lugares de ensino como o magosto, por exemplo, que fixemos en Santiago. Co que recadamos facemos as nosas faixas e fotocopias para informar das nosas mobilizacións e accións.

Como valorades a situación do idioma galego no ensino medio e universitario? E que medidas serían necesarias, ao voso xuízo, poñer en marcha para mellorala?

Eu estou facendo mestrado de profesorado de lingua galega e temos un problema nos mestrados na Universidade de Vigo con respecto ao galego. Todos os profesores son galegofalantes, pero os apuntamentos só están en castelán. Conseguimos abrir un expediente porque isto está vulnerando o noso dereito de poder estudar en galego. Como a Universidade dá opción de dar o exame en galego, din que non se está vulnerando ningún dereito. Nós iso non o consideramos óptimo, porque un estudo digno é un estudo en galego, ten que ser íntegro en galego. Poñen como escusa que non poden dar clases en galego, porque veñen estudantes de outras comunidades autónomas.

Tamén nos institutos hai esta problemática, aquí a cousa está aínda peor. Hai unhas políticas lingüísticas educativas que, con que os alumnos fagan unha exposición cada trimestre en galego, xa lles chega.

Que actuacións serían necesarias para mellorar esta situación?

En primeiro lugar, habería que abolir o decreto de plurilingüismo, que establece que nos institutos ten que haber un 33% de materias en galego, outro 33% en castelán e outro 33% na outra lingua que normalmente é o inglés. Isto non serve, hai que darlle máis á lingua que máis o necesita, o que hai que facer é dinamizar e normalizar o galego nas aulas. Tamén na sociedade en xeral, temos moitas tiktokers e influencers que revitalizan o uso da lingua nas redes sociais e temos que fomentar o uso das novas tecnoloxías para impulsar o galego na mocidade. Este sería un bo método nas aulas, que o profesorado se implique nese sentido, que valoren estes novos formatos nos que aparece a lingua galega. Habería que facer un currículo educativo adaptado a esa dixitalización. É fundamental, crear unhas leis que amparen, que velen e que fomenten o uso do galego, non só nos institutos, senón, tamén, na nosa vida cotiá.

A extrema dereita ten presenza real nas aulas de Galicia?

Si, parece que non, pero hai bastante reacción da extrema dereita, principalmente e, inda que nos pode sorprender, eu véxoo bastante nos institutos.

Na universidade tamén, pero creo que na universidade é en facultades máis concretas, facultades máis tirando a científico e nas enxeñarías.

Hai máis presencia do fascismo nas enxeñerías ?

Eu penso que si, por lo menos aquí no campus de Vigo, que o teño máis a man. Vemos máis simpatía ao noso sindicato na facultade de filoloxía, na de bioloxía, na de economía e na de dereito, aí si que temos moita implicación.

O discurso de ultradereita está calando moitísimo en todos os sectores, o que dá máis pena é que normalmente está penetrando en xente que ven dun berce proletario.

Como valorades a situación xeral do ensino en Galicia e que medidas entendedes necesarias para mellorala?

No ensino público están a privatizar os mestrados, o de matemáticas agora en Galicia quitouse o único que había, isto obriga ao alumnado a que acceda á universidade privada. Co mestrado de profesorado pasa o mesmo, hai unhas prazas moi limitadas para moitísima demanda. A Facultade de Traballo Social de Santiago, este é semiconcertada e teñen que pagar una matrícula moi elevada, conseguimos que para o 2030 sexa a 0 € porque é unha universidade pública.

Loitar contra a privatización, contra a carestía do transporte público, que é moi caro, e contra a especulación coa vivenda son medidas que tomamos fundamentalmente. E

logo tamén, queremos loitar con ese fascismo que hai nas aulas, intentando crear conciencia cunha memoria histórica estudantil.

O pasado 22 de novembro tivestes en Santiago a vosa primeira asemblea nacional. Que valoración fas do seu resultado?

Unha valoración moi positiva. Falamos das nosas liñas a seguir e agora trasladaremos en Asembleas locais o resultado.

Fervenza ven para quedarse?

Si, temos unha liña de futuro moi marcada e queremos ir, aínda que sexa pouco a pouco, cumprir cos nosos deberes como sindicato estudantil e intentar paliar todos os problemas que hai na sociedade galega nestes tempos. Non lle temos medo ás exixencias e non lle temos medo aos números doutros sindicatos porque, ao final, eles están amparados por partidos políticos. Nós vimos para quedarnos e queremos estar. O noso lema é: se Galiza fora o país dos mil ríos, nos quixésemos ser a súa máis grande Fervenza. O noso obxectivo é ese, ser a máis alta Fervenza de Galicia e, tamén, o noso compromiso é o compromiso de que ferveremos e venceremos tanto no presente como no futuro. Queremos un sindicato estudiantil único, vigoroso, libre e completamente comprometido.