A situación do fútbol feminino é unha das eivas máis importantes que observamos nesta viaxe polo fútbol modesto da nosa área de influencia. Os equipos de mulleres son moito menos numerosos que os de homes. E os equipos exclusivamente femininos son practicamente inexistentes. Os dedos dunha man sobran para contar os equipos só femininos que hai en Galicia. Un deles é o Lóstrego. Son un equipo de recente creación, naceron hai 5 anos, pero que experimentaron un crecemento moi importante. En tan pouco tempo son xa arredor de 150 as rapazas que practican este deporte no conxunto que na actualidade xoga no campo de Beade, no Concello de Vigo. Inicialmente eles estiveron en Chaín, en Gondomar, pero o ano anterior decidiron mudarse a esta parroquia viguesa e xogar os seus partidos no campo do San Esteban de Beade. Nós fomos coñecelos e conversamos con Gabi, un rapaz de 40 anos de idade, que se dedica profesionalmente ao sector dos seguros, e que é un dos membros fundadores do equipo e o seu actual coordinador.
Gabi Couñago, coordinador.
“ Hai moita afección ao fútbol feminino, pero é diferente ao masculino. Eu véxoa máis nobre”
Cando naceu o lóstrego?
Nacemos no ano 2020, en plena pandemia.
Ti fuches un dos creadores do equipo. Que motivo vos impulsou a crear un equipo de fútbol feminino?
Todas as persoas que participamos na creación do lóstrego buscabamos facer un equipo no que as rapazas fosen as protagonistas. Todo o que había ata ese momento en fútbol feminino estaba en segundo plano en relación co masculino.
En Galicia hai equipos, ademais do voso, que sexan exclusivamente femininos?
Creo que alén do noso só un en Ourense e o Villalonga.
A afección ao fútbol feminino é tan apaixonada como ao fútbol masculino?
Hai moita afección. Pero é diferente. Tanto no xogo como no público vexo máis nobreza.
Con cantos equipos nacestes?
O primeiro ano tivemos só 3 equipos: O equipo sénior e dous de canteira.
E hoxe, 5 anos despois, cantos tendes?
Temos 7 equipos. Estamos en todas as categorías que hai no fútbol feminino.
Cantas fichas tendes?
Arredor de 150.
Vós comezastes a xogar no campo de Chaín en Gondomar, e o ano pasado cambiastes a Beade, en Vigo. Por que motivo estabades en Chaín? E cal é a razón que vos impulsou a mudarvos a Vigo?
Comezamos en Chaín porque foi o único campo que atopamos con dispoñibilidade para podernos meter nós. Nós en Gondomar estabamos ben pero non tiñamos o apoio da administración que considerabamos mereciamos. O 1º equipo está en categoría nacional e as subvencións que reciben os nosos rivais dos seus concellos, son moi superiores ás que nos daba o Concello de Gondomar. Apareceunos a posibilidade de cambiar a Beade, e aquí estamos.
Estades contentos en Beade?
Si, si que o estamos. Non temos todas as horas de campo que nos gustaría pero sei que fixeron o esforzo de darnos todas as que puideron.
Vai ser o voso campo definitivo?
Nunca se sabe que pasará no futuro. Pero a min si que me gustaría. A situación é perfecta para nós. E a xente do San Esteban de Beade, os propietarios do campo, portáronse moi ben con nós.
De onde son as vosas xogadoras?
O 80% da zona de Vigo. Temos tamén xogadoras das localidades próximas: Gondomar, Nigrán, Ponteareas…
E de que abano de idades?
As máis pequenas son de 8 anos, e as maiores xa pasan dos 30.
Cal é o voso uniforme?
Azul mariño con medias brancas a primeira equipaxe, e amarela a segunda.
Como levades a cuestión económica?
Pois como todos os equipos: financiámonos a través das cotas sos socios, dos patrocinadores e das subvencións. En calquera caso procuramos facer unha xestión responsable dos nosos recursos, e, humildemente, creo que o estamos logrando. É que non queda outra que logralo. Podo dicirche que o noso orzamento deste ano xa supera os 100.000€
Non tendes cantina en Beade?
Si, pero como é lóxico explótaa o San Esteban.
O Concello de Vigo non vos achega ningunha subvención?
De momento non. Estamos intentando reunirnos con eles pero aínda non o logramos.
O 1º equipo en que liga compite?
Na terceira REF. É categoría nacional española.
Onde tendes que disputar os partidos?
Ata este ano iamos fóra de Galicia: Asturias, Cantabria e Castela León. Esta temporada houbo unha modificación e só xogamos a nivel galego.
Que tal vamos este ano nas ligas?
O 1º equipo vai pola metade da táboa, pero estou convencido de que vai rematar nos postos de arriba. No resto de categorías vamos moi ben, así por exemplo o noso filial está pelexando por gañar a liga. Somos dos mellores filiais de Galicia..As cadetes van de segundas, só por detrás das Celtas..as alevíns van primeiras…
Cal é o obxectivo deportivo para o primeiro equipo?
Este ano foi un ano complicado. Por mor da reestruturación perdemos máis de 20.000 € en axudas económicas, e, en consecuencia esta é unha temporada de transición. A curto prazo a nosa idea é ascender a 2º.
É realista pensar no Lóstrego en categoría profesional?
Non, non é realista. Precisariamos unha estrutura profesional que non estamos en condicións de ter.
Tendo en conta a vosa realidade, cal cres que é a categoría natural na que pensas os deberiades consolidar?
Se cadra na que estamos. Pero eu teño ilusión e creo que expectativas realistas de que poidamos chegar a xogar en 2º.A 1º xa esixiría unhas cantidades económicas que nos resultaría enormemente difícil de asumir.
O Lóstrego naceu para quedarse ou ves que poida correr perigo de desaparición?
A idea é que perdure no tempo por suposto. Agardo que cando as persoas que agora estamos ao fronte deamos un paso atrás, haxa xente que poida continuar con este proxecto tan bonito.
Cantas persoas estades na directiva?
Agora estamos 7.
Algún evento de todos estes anos que vos fixera especial ilusión?
Eu creo que levar o día a día dun equipo como o noso xa é especialmente ilusionante, pero por destacar un podo mencionar unha competición que xogamos o ano pasado no estadio de San Mamés, en Bilbao, que foi un momento precioso para as xogadoras.
