Cristóbal López Pazo | Asociación viguesa pola memoria histórica do 36
Neste lugar, que hai máis de 80 anos era Pazo de Xustiza, cárcere e cuartel, o cuartel no que tiña a súa sede a máxima autoridade militar de Vigo, o comandante Felipe Sánchez, neste mesmo lugar, pola tarde do día 19 de xullo de 1936 imprimiuse o bando que ía declarar ó día seguinte a rebelión da guarnición militar de Vigo contra a República. Daquela, proclamar o bando de guerra, anular a autoridade lexítima da República e comezar a represión foi todo un. A media mañá do 20 de xullo de 1936, na Porta do Sol, cando un piquete de soldados ás ordes do capitán Carreró lía o bando de guerra contra a República, caeron as primeiras vítimas entre os que non querían que as armas cambearan o que facía uns meses decidiran as urnas. Os que perderan as eleccións en febreiro de 1936 impuñan coa forza das armas un cambio político que ía traer cárcere, morte e olvido para os que escolleran ser fieis a República e defender a legalidade constitucional.
Neste mesmo lugar no que hoxe estamos, un mes despois, o 22 de agosto de 1936, tivo lugar o proceso máis importante dos que se seguiron na nosa cidade contra dirixentes da Fronte Popular. Ós cinco días daquela farsa xudicial, o 27 de agosto de 1936, dez homes, pagaron coa súa vida a lealdade á República.
Na historia máis recente, nos estertores do franquismo, muros adentro desta prisión perderon a xuventude sindicalistas e loitadoras pola democracia. Entraron coa ilusión dun mundo mellor e sairon cos osos e a vida rota
As persoas e as sociedades necesitan da memoria para saber o que son, para saber de onde veñen a ata incluso para ter algunha idea a propósito de onde ir. Hai unha época do noso pasado non tan pasado sobre a que caeu durante moitos anos a pesada lousa do olvido. A longa noite de pedra do franquismo agochou feitos, nomes e lugares en relación coa represión que seguíu ó golpe de Estado contra a República o 18 de xullo de 1936.