No ano 1.999 o nacionalismo galego, viviu unha das súas múltiples rupturas e enfrontamentos cainitas, que non serven para nada máis que para dificultar a existencia de alternativas sólidas e solventes que poidan confrontar co españolismo, naquel momento unha CIG recen nacida, como resultado da fusión da CXTG e INTG, padeceu unha confrontación fratricida na antiga federación do mar e dous históricos sindicalistas nacionalistas Manolo Caamaño, e Xan Carballo, entre outros, marchaban da CIG e fundaban CUT. Hoxe a CUT cumpre 20 anos, e nós conversamos co seu SX o vigués Ricardo Castro
“A CUT É XA UN PROXECTO CONSOLIDADO”
Neste ano ,o sindicato do que es SX cumpre 20 anos, pódese dicir, como a canción, que 20 anos non son nada?
Dicir pódese dicir o que se queira, pero a mensaxe que transmite esa canción é mintira,20 anos son bastantes anos e nestes 20 anos na CUT pasaron moitísimas cousas.
No sindicalismo, e na política galega en xeral pasaron moitas cousas, foron anos moi densos creo eu?
Abofé que si, no que a o noso sindicato atinxe, ben, houbo de todo pero podo dicir con orgullo que malia que non nos daban moita vida,20 anos despois aquí estamos.
Ides facer algo especial para celebrar as súas décadas de vida?
Si, imos editar un número especial do noso antigo periódico “O XORNAL” e faremos unha festa tamén.
O da festa interésame, agardo que me convides, cando é?
Ha ha ha ha, xa che informarei, están aínda a data e o sitio por determinar.
Despois destes 20 anos podes dicir que a CUT é un proxecto sindical consolidado?
Si, estou seguro. Estamos nunha época expansiva tanto en afiliación como en representación e nestes momentos a CUT é un proxecto consolidado na sociedade galega. Iso non quita que eu siga considerando como hipótese ideal a constitución dun único sindicato galego de clase que nos poida acoller a todos.
E porque non se fai?
Haberá que superar feridas do pasado ser xenerosos na xestión dese momento histórico e pode que cheguemos a ese punto.
Falabas antes de que estades nunha fase expansiva, Isto inclúe a captación de xente moza? ,porque a min paréceme moi preocupante a desafección das xeracións máis novas co sindicalismo e coa política tamén
A verdade é que a idade media das persoas que exercen o activismo sindical é alta, e pasa en todo o sindicalismo no estado, é un problema moi grave. Non somos quen de entrar na nova situación laboral, no precariado, nin de artellar como facer sindicalismo nas novas formas de produción que existen. O réxime do 78 construíu un relato falaz referente a que todo está xa feito, de que só abonda con votar cada catro anos e que xa non cómpre facer máis.
E como se convence a alguén de que non é así?
O mellor que podemos facer é a pedagoxía, ter un discurso moderno pero con contido de clase. Se cadra os sindicatos debemos de profundizar no campo da formación sindical e política.
Facemos esta entrevista o día que saen publicados o datos do paro. Como os valora a CUT?
Ben, o primeiro que me chama atención é a valoración que fai o goberno do PSOE dos mesmos, se mudamos PSOE por PP non habería ningunha diferencia na forma de valorar entre o goberno Sánchez e o goberno Rajoy.
Non ves ningunha diferencia?
Onde está? Eu non a vexo. Ambos defenden o mesmo sistema económico e obedecen aos mesmos intereses e os mesmos patróns. A estacionalidade só a consideran no momento que están na oposición.
Está mellor a situación do emprego?
Non.
Por que?
O emprego é de baixa calidade, de pouca duración e discriminatorio para a xente moza con relación á xente maior que leva tempo nas empresas. A tendencia é a abaratar os convenios, e un problema gravísimo é o dos falsos autónomos, estou firmemente convencido de que se non se pelexa contra iso a tendencia á xeneralizalo.
Un rapaz que entre a desempeñar un posto ten peores condicións laborais que un home xa dunha idade que leve tempo na mesma empresa no mesmo posto?
Si, en liñas xerais, si, por exemplo na empresa máis grande de Galicia, Citroën, sucede así.
Creo que tivestes unha moi boa nova xurídica en Citroën ?
Si, acusáronnos de folga ilegal, fomos a xuízo, déronnos a razón e obrigaron a empresa a indemnizarnos.
Nesa empresa, a máis importante de Galicia, as perspectivas da CUT son moi positivas non?
A verdade é que si, somos a segunda forza, e nestes catro anos premiouse o noso traballo, algo positivo claro, pero ten a lectura negativa de que o sindicato “ amarillo” segue sendo moi maioritario. Nós estamos encantados de que a CUT medre, desde logo, pero tamén queremos que o sindicato maioritario, perda a maioría para conseguir unha alternativa.
E ves verosímil que iso poida pasar ?
Eu creo que si, penso quen en catro anos pode pasar.
Algunha outra empresa que ilusione ao SX da CUT?
Como che dixen estamos en plena fase expansiva e hai bastantes nas que se nos está recoñecendo o noso traballo coa confianza de traballadores e traballadoras: Copo, na TVG…E alén dos resultados electorais que están sendo mellores ,en canto á afiliación estamos notando un incremento importante o que é moi relevante para nós.
Falemos de política Ricardo….
Pois agora mesmo teño certo desacougo, non son nada optimista. O panorama é desalentador .
Cal foi a posición da CUT nas recentes eleccións europeas?
Nós non aceptamos esta UE que entendemos que está para o que está, a defensa dos intereses do capital.
Rematamos Ricardo, cunha mensaxe para a mocidade, por que un rapaz ou rapaza debe sindicalizarse?
É a forma que ten de amosar que é unha persoa libre.