Yolanda Domínguez Costas voluntaria en protectoras de animais

Yolanda Domínguez Costas voluntaria en protectoras de animais

Yolanda é unha muller de Vigo especialmente sensibilizada co benestar animal. Xa o eran os seus pais, e agora tamén o son as súas fillas. Porén, un episodio en concreto que lle aconteceu cando ela tiña 13 anos, atopouse unha cadela bóxer abandonada, fixo coincidir para sempre xamais o seu camiño vital e a defensa apaixonada da dignidade e do benestar dos animais non humanos. Na conversa Yolanda denuncia con firmeza o estado que ela entende como lamentable da caneira municipal da Madroa, e láiase da nefasta xestión que, ao seu xuízo, fai o Concello de Vigo do que debera ser un espazo de acougo e benestar animal e que semella ser todo o contrario.

Cando chego á Madroa dáme a impresión de que estou a entrar nun cemiterio de cans vivos”.

Yolanda, ti a que te dedicas?

Teño un local na avenida de Castrelos número 7 e dedicámonos a masaxes terapéuticas e estéticas.

Tes algún vínculo con algunha protectora de animais?

Eu teño vinculación coa as protectoras “Máis sen pulgas” de Gondomar e “Ti es a nosa axuda” .

Pero tes coñecemento e opinión da protectora municipal de Vigo?

O de Vigo é unha canceira, non unha protectora, aínda que a teñan como tal.

Cales son as diferenzas?

A protectora saca aos animais un par de veces ao día. Aténdeos un veterinario diariamente e dan paseos con voluntarios. Nunca se eutanasia a un animal, aínda que estea enfermo e fan as operacións que sexan necesarias.

Nas canceiras non saen os animais para pasear. Téñenos xuntos en gaiolas, independentemente das súas características, por este motivo peléxanse e fanse moito dano. Hai un veterinario, como moito, unhas dúas veces á semana. Os cans están enfermos nas celas e con feridas, e as adopcións fanse cando eles queren e non son moitas. Isto todo é o que está a pasar na canceira municipal de Vigo.

Á parte da falta de persoal, só hai dúas persoas traballando para máis de 500 cans e os gatos. Estas dúas persoas están a cargo de todo, limpeza, cánidos, comida, coidados, enfermidades, as adopcións, a páxina web.

A protectora de Vigo é municipal, pero ten concesión privada. Cada canto tempo sae a concurso?

Esta xente que a xestiona agora leva moitos anos, pero a mala xestión vén de moito tempo. Eu empecei a adoptar cans con 13 anos e a protectora de Vigo xa non funcionaba ben, agora teño 46.

A xestión é tan mala?

A xestión é nefasta, as dúas persoas que traballan alí non teñen a culpa, non dan abasto. O Concello de Vigo non fai nada por remediar esta situación.

Coñeces algún caso especialmente grave?

Si, quero denunciar a un caso concreto dunha señora de 92 anos con síndrome de Noé e de Dióxenes na rúa Ribadavia. Esta señora ten cans dentro en gaiolas nunhas condicións pésimas, ten aos cans e gatos sen alimentar. A señora vive nunha casa de 2 plantas, ten moito lixo acumulado, con cadáveres de cans e gatos dentro. Teño vídeos que o demostran. 4 destes cans están na Madroa, pero un xa morreu. Levo 3 meses loitando para poder levarmos. A señora cedeume aos cans e veu a UMIR para asinar a cesión, e aínda así non mos dan, dinme que por temas burocráticos. En outubro fíxose o último informe destes cans, estamos en marzo, non hai un informe novo desde entón e no concello, no medio Ambiente, aínda non saben que morreu un dos cans. Teño medo de que se tardan moito en darmos non sobrevivirán. Dúas cadelas están moi maliñas e o terceiro, moi tenso.

O concello non fai o suficiente para arranxar este problema?

O que ten que facer Medio Ambiente é axilizar os trámites e meter presión na canceira para que eu poida quedarme con eses cans e salvarlles a vida. Deixen de poñerme trabas e marearme con papeis. Teño a cesión dos cans e quero telos comigo. Canto máis tempo pase, peor estarán os cans. O informe veterinario da Madroa que lle deu a Medio Ambiente, é irreal e patético. Non é certo, di que os cans están sans e con bo pelo e non é así, os cans están para morrerse. Este informe é para que todo se tape.

Por que crees que pasa isto?

Pois non o sei, eu son consciente de que as persoas que traballan na Madroa queren aos animais, pero non poden axudar máis. O certo é que os animais non están ben atendidos, están con falta de coidados médicos, peléxanse e morren ou os sacrifican. Para min, cando chego á Madroa, dáme a impresión de que estou a entrar nun cemiterio de cans vivos. No exterior teñen catro gaiolas, todo moi limpo, moi bonito para que as visitas o día de portas abertas as vexan, pero dentro é horrible.

Xa non deixan nin que accedan voluntarios a pasear aos cans, só aos que son socios. Si es voluntario non socio xa non podes acceder a os cans, nin sacalos a pasear. As adopcións son mínimas. Non son capaces de xestionar estas dúas persoas todo o traballo e por iso non hai adopcións. Isto é un traballo que leva meses e non dan abasto. Non sabemos por que tanto interese en tapalo todo e que non se dea a opción para adoptar estes animais.

O concello é coñecedor do que nos estás contando?

Si, eu mesmo falei cun responsable no concello hai 3 semanas e botan bólas fóra. Pásanse a pelota e aquí non se soluciona nada, dinme que os cans agora son da Xunta e na Xunta non saben nada do tema, falo dos tres cans desta señora.

Os servizos municipais da canceira en Vigo son nefastos e o Concello non fai nada por solucionalo. Isto é por falta de investimento. A canceira depende de Medio Ambiente e poderían levalo directamente se quixesen, sen concesión privada .

Quero denunciar tamén o que pasa no Zoo de Vigo, están a deixar morrer de forma natural aos animais, téñenos sen os coidados necesarios para que morran porque queren facer nas instalacións do Zoo un Centro Educativo.