Xurxo Pardo candidato do BNG á alcaldía de Pazos de Borbén

Xurxo Pardo BNG Pazos de Borbén

Xurxo é un veciño de Pazos, en concreto do barrio de Pousiño .É un home novo en idade , ten 33 anos, pero con moita experiencia no mundo da política. El traballa como arquitecto técnico, o deseño e o debuxo foron xa de neno a súa vocación. Amósase completamente namorado do seu pobo e manifesta que o BNG, cuxa candidatura encabezará nas vindeiras municipais, é a alternativa realista que lle pode ofrecer a Pazos un modelo completamente diferente ao desastre dun goberno, o do PP, que nin está nin se lle espera, dun alcalde , Andrés Iglesias, que nin está nin se lle espera.

O BNG de Pazos non se pon límites. Imos a por todas“

Cales son as expectativas realistas coas que se presenta a candidatura que vas encabezar?

O BNG está en disposición de disputar a maioría social co PP. Non nos pomos nin límites nin teito, e o noso obxectivo é gañar as eleccións.

Que se xoga Pazos nas eleccións de Maio?

Xógase moito. A veciñanza ten que decidir entre seguir como estamos que é na nada máis absoluta e terrible, nun concello abandonado sen servizos e sen goberno, ou optar por un concello con futuro e oportunidades. O BNG goberna en moitas localidades e cando obtén a confianza da cidadanía por primeira vez adoita repetir e mellorar resultados. Ese modelo de vilas BNG:humanas, xustas e accesibles con servizos e oportunidades é o que queremos para Pazos e é para o que, con toda a humildade pero tamén con toda a firmeza, imos pedir a confianza dos nosos veciños e veciñas.

Está tan mal Pazos?

En verdade o digo Tino. E dígoo con tristura porque eu quero moito a Pazos de Borbén . É o meu pobo , o pobo dos meus familiares pasados, que estiveron antes ca min, e da miña familia actual, o pobo no que vivo é no que quero desenvolver o meu proxecto vital persoal .Pero o goberno de Pazos é pésimo. O goberno de Pazos de Borbén simplemente non exerce as súas responsabilidades.

Andrés Iglesias non exerce as súas responsabilidades como alcalde?

Quero deixar claro que isto é unha valoración política, non moral. E obxectivamente creo que se pode dicir que Andrés Iglesias non exerce as súas responsabilidades e que é un alcalde nefasto.

Por que é un goberno nefasto?

Pazos ten unhas potencialidades inmensas para ser un lugar atractivo para vivir porén perde poboación de maneira alarmante. É un dos concellos que máis habitantes perde da área de Vigo. E iso non é por casualidade; a xente non se marcha porque unha conxunción astral lles impulse a marchar, fano porque o noso concello carece de servizos para poder vivir, e de oportunidades para poder desenvolver un proxecto vital persoal.

E é administración a responsable de crear as condicións necesarias para que a xente non teña que marchar, pero lamentablemente non o fai.

Por outra parte temos as taxas de desemprego máis altas da comarca, a situación da nosa sanidade é moi mala e na súa defensa o alcalde non está nin se lle espera. Non temos escola infantil; que fai unha familia con nenos pequenos?. Non hai transporte adecuado para ir estudar o bacharelato a Redondela, nin para ir á universidade. Non hai centro de día para persoas maiores ou dependentes, o lecer está completamente desatendido…….

Moitos veciños láianse de que atopar ao alcalde no Concello non é fácil. Que sabes ti disto?

Que lamentablemente é certo.

Cal é a posición do BNG en relación á situación da estrada de Nespereira?

Coincide totalmente cos dos veciños e veciñas que protestan. Eles teñan razón. A veciñanza de Nespereira e Cepeda ten toda a razón e o BNG está ao seu carón. Esa estrada está nunha situación lamentable, mesmo resulta perigosa pois hai tráfico pesado que pasa moi preto das portas das casas, e debe de ser arranxada de contado.

E por que non se fai?

A DEPO ten un proxecto para mellorar eses estrada, por certo un proxecto do BNG, pero de momento non se puido concretar polo desleixo e incompetencia do goberno municipal que non fai o que ten que facer: chegar a acordos cos propietarios das fincas que terían que ser expropiadas.

A verdade é asombroso que o goberno de Pazos non faga a súa parte porque esa estrada, para calquera que non estea cego, precisa unha mellora con urxencia absoluta

Si, coincido contigo, é asombroso. O desleixo do goberno é incuestionable, a incompetencia evidente e consideramos tamén a hipótese de que o PP de Pazos non actúe por medo a que saian á luz episodios derivados de décadas de goberno caciquil.

Cal é a túa valoración do estado do polígono de Amoedo?

O polígono debe de pórse en valor e dotalo de máis e mellores medios. Absolutamente o contrario do que fai o Concello que non para de pór problemas ás empresas que alí se queren instalar.

O goberno de Pazos trata por igual aos colectivos do tecido asociativo local que identifica como amigos cós que identifica como non amigos?

En absoluto.

Así de rotundo?

Si, por desgraza, si. A política do goberno de Pazos é: ou comigo ou contra min.

Que tal son as relacións do BNG co tecido asociativo local?

Moi boas. Eu persoalmente, dentro das miñas posibilidades participo en varios colectivos, e o BNG entende o asociacionismo da sociedade civil como un eixo esencial na articulación de Galicia e sempre vai colaborar de maneira leal cos distintos colectivos sociais e culturais.

Que podería encontrar un veciño ou veciña de Pazos en ti como alcalde?

Son un home moi responsable e traballador. Son un tipo que sabe escoitar, que adora aprender e que se compromete a tratar a todos e todas por igual.

Supoño que se es alcalde estarás no Concello no teu horario laboral?

A non ser que tivera que saír a atender algunha urxencia si, por suposto. O contrario é intolerable.

Sendo realista Xurxo, desta volta o PP pode perder a maioría absoluta por fin?

Estou convencido. Hai catro anos estivo a piques, conservouna por moi poucos votos e foron catro anos perdidos para Pazos. Non podemos aguantar máis nin con este goberno nin con este alcalde.

No caso de que como parece sexa así, es consciente de que será necesario que se artelle unha maioría alternativa resultante do acordo entre varias forzas?

Son plenamente consciente e non me dá ningún medo, todo o contrario eu son un home de consensos, dialogante e con vontade de chegar a acordos.