A escritora Elena Comesaña presenta “ Os tempos que nos agardan” en Redondela

O vindeiro día 5 de decembro a escritora viguesa Elena Comesaña estará en Redondela para presentar a súa novela “ Os tempos que nos agardan”. Esta obra, a 4º novela desta autora viguesa, publicada pola editorial Ir Indo está inspirada nun episodio real: Os asasinatos do matrimonio formado por Ánxela Rebollar e Xosé Niebla, acontecido en Vigo nos albores do franquismo. Esta parella de evanxélicos vivía no barrio vigués de Teis e foron asasinados polos fascistas o 11 de abril de 1937, acusados de dar refuxio ás persoas que fuxían da represión. A casa de Ánxela e de Xosé no Toural foi asaltada polas hordas de asasinos fascistas, e o matrimonio foi asasinado a tiros no monte da Guía. Case 90 anos despois Elena Comesaña rescata a súa historia que nos presentará na nosa vila. Nós conversamos con ela.

Vas visitar Redondela o 5 de decembro, verdade?

Pois si. Vou presentar a miña última novela: “ Os tempos que nos agardan”,cunha portada preciosa que fixo o meu querido Evaristo Pereira.

Fálanos do libro

Baséase nunha historia real. A historia de Ánxela Rebollar e Xosé Niebla, un matrimonio asasinado polos fascistas acusados de axudar a persoas perseguidas polos golpistas. Cando por primeira vez me falou desta historia, o meu amigo Victoriano, a verdade quedei impresionada e decidín escribir sobre ela. Tratei de contactar con familiares e resultoume extraordinariamente difícil ata que a casualidade fixo que coñecera a un home maior que naceu no casco vello de Vigo e que me puido facilitar moitos datos que descoñecía.

Desde que óptica enfocas o libro?

Desde o máximo respecto e agarimo por este matrimonio e coa pretensión de non ferir o máis mínimo a sensibilidade da súa familia. A intención é honrar a memoria de Ánxela de Xosé polo seu papel axudando e agochando ás persoas perseguidas.

Chegaches a encontrarte cun neto deles verdade?

Pois si. El publicou a historia dos seus avós despois de 30 anos investigando e recopilando datos. Foi un encontro enormemente emotivo.

Esta é a túa 4º novela, non?

Si, e todas me produciron unha satisfacción enorme. Pero esta insisto en que foi especialmente emotiva.

Os personaxes de todas as túas novelas correspóndese con persoas desfavorecidas?

A miña literatura caracterízase pola denuncia social, si. E polo tanto os meus personaxes adoitan ser xente inmersa en problemas sociais de calquera tipo: Malos tratos, desigualdade, abuso de poder, ou os represaliados ..son os temas que a parecen nas miñas novelas.

O catro libros son consecutivos. Publícanse no 21, 22, 23 e 24

Pois si. Teríame gustado ter escrito máis, pero ás veces ás circunstancias persoais fixérono imposible. De feito para escribir unha das novelas decidín marchar a Barcelona un tempo e illarme do mundo porque no caso contrario teríame resultado moi complicado.

Con que sensación che gustaría que se quedara o lector/a das túas novelas?

Gustaríame que despois de ler o que escribo as persoas que o fagan sentiran a necesidade de reflexionar. Vivimos uns tempos políticos moi convulsos e a cultura é imprescindible para poder concienciar á xente sobre o terrible perigo de involución democrática que supoñen personaxes populistas de extrema dereita como Vito Quiles ou Isabel Díaz Ayuso. E ben, se puidera chegar a tocar o máis profundo das emocións dos lectores e lectoras sería fantástico.

Vémonos o día 5 na casa da cultura de Redondela

Pois si, e será un pracer para min estar en Redondela con vós. Convido a todos os lectores e lectoras do teu medio de comunicación a que veñan compartir ese espazo e ese tempo comigo. E convídoos sobre todo para renderlle a merecida homenaxe a Xosé Niebla e a Ánxela Rebollar. Exactamente igual que os milleiros de persoas represaliadas pola ditadura.