Xoán Carlos González “Débese prever a creación de suficientes espazos con sombra nos meses de primavera e verán”
O inicio das podas do arborado da Alameda Castelao no casco urbano de Redondela, convertíuse nun elemento de preocupación para a organización nacionalista. Consideran que a intervención debe axustarse ás necesidades dun mantemento básico do arborado, xunto á creación de espazos con sombras para o lecer no verán.
Neste sentido o voceiro do BNG, Xoán Carlos González demanda ao goberno de Digna Rivas unhas podas o máis axustadas ás necesidades e mantemento do arborado, conxugadas coas necesidades dos nosos vecinos e veciñas. “Demandamos que se teña en conta que durante o periodo estival as altas temperaturas, a radiación solar provoca que en moitas ocasións os espazos de sombra sexan prioritarios para permitir que a Alameda sexa un entorno de lecer”.
Considera que se debe manter un necesario equilibrio entre unha intervención de mantemento das árbores da Alameda, e ter en conta as altas temperaturas da primavera e verán. Recolle neste sentido as queixas “lóxicas” de moitos país e nais sobre a situación do parque infantil Xohana Torres. “As agresivas podas provocan que nos meses de primavera e verán, nas hora de maior incidencia solar, expúlsase aos cativos e cativas do parque infantil ao non existir ningún punto de sombra”, denuncia.
A Alameda Castelao constitúe un dos entornos máis singulares do casco urbano de Redondela. Sobre unha superficie aproximada duns dez mil metros cadrados, medran plátanos, arces, magnolios, datileros, a estatua de Castelao, Xan Carallás, o Palco da Música, cruceiro,… A sua orixe data de inicios do século XX, cando se iniciou a canalización do Río Alvedosa.
