Olga Nogueira
O pasado sábado 10, o colectivo Artelixo de Redondela levou a súa mensaxe medioambiental e artística ao Caurel. Unha viaxe de ida e volta. Coma as que un grupo de redondeláns/ás leva anos facendo á aldea caurelá de Vieiros, onde levan organizado diversas actividades coa veciñanza, tendo “O Patio da Tola” como local de referencia.
Este mesmo local, alternativo e dinámico, é o que acolleu este desembarco mariñeiro, guiado polas “Bágoas da serea” que fixo dúas paradas. Unha ás 12h na Casa das Tecedeiras (Vieiros), onde se instalou e inaugurou a obra indultada nesta edición 2019 do Artelixo de Redondela: a peza “Bágoas de serea” do artista Kiko Amoedo e a escritora Olga Nogueira, e que se xestou como obra final da limpeza da praia de Cesantes coordinada no outono pasado desde o colectivo ecoloxista ADEGA. A obra pasará desde o vindeiro sábado a formar parte da decoración da Residencia A Casa das Tecedeiras, en Vieiros.
A partir das 12:30h, no Patio da Tola, tivo lugar unha xuntanza aberta informativa do Artelixo, á que estiveron convidados todos os visitantes e veciños .Ao rematar a xuntanza ofrecéuselle aos presentes que así o desexen un xantar a prezos populares con especialidades da terra do choco, tamén con versión vexetariana-vegana. E a xornada rematou cun micro aberto e unha foliada.
Desde o colectivo Artelixo destacan a importancia de espallar o máis posíbel a reflexión sobre en que mundo vivimos e en cal quereriamos vivir, sobre o que consumimos e como nos desfacemos dos residuos que ese consumo voraz deixa na natureza. Sobre como reducir, reutilizar, reciclar… Sobre o que nos contaron do que era “vivir ben” e o que nós queremos contarlle aos nosos fillos e fillas. Ou o que non queremos ter que contarlles, senón que queremos que o vaian vivindo xa, desde onte para garantirlles un mañá.
ARTELIXO 2019: BÁGOAS DE SEREA
Marcamos en quilos o lixo limpado da praia de Cesantes. Aproximadamente:
50 quilos de entullo (unha cociña case enteira),
40 quilos de plásticos diversos,
30 quilos de vidro (algún bar fixo da beira un almacén),
20 quilos de trapos diversos,
10 quilos de ferralla,
E así…
Mais non soubemos que pór nas “Bágoas de serea”.
Houbo que buscar para saber o que eran: milimétricos microplásticos, nanoplásticos incluso, que están na base da industria plástica, que nos invade. A súa forma arredondada e as cores diversas son as que lles dan o nome. Que só ten iso de poético, porque a súa maldade é letal. Letal para o medio mariño e letal para nós, que as inxerimos a través dos peixes, que as confunden con ovas e as papan. E nós a eles. E así…
Non marcamos nada nas “Bágoas de serea” que nos indicaban desde ADEGA.
Non soubemos facelo.
Pero alí as estaban.
E alí as quedaron.
As bágoas.
Na praia.
Mesturadas coa area.
Sen fundirse nela.
Como si o farían se fosen bágoas de sereas de verdade.
Porque a mentira non se funde nin se confunde. Distínguese perfectamente.
As “bágoas de serea” son unha poesía que cómpre desenmascarar, para que a lírica non nos confunda. E que nin elas nin a súa arpía curmá “a purpurina” nos deslumbre con chorradas inútiles mentres nos contaminan. Por fóra e por dentro. A nós e ás nosas fillas.
Espabilade pais do mundo! Espabilemos, nais! E canto antes, mellor. E aceptemos só o brillo dos ollos felices dos nosos fillos e fillas. E aprendamos a coidar. A coidarnos.
O mar. O medio. E mais nós.
Que non vaia ter que vir unha adolescente sueca dicirnos o que nós xa sabemos