As Penlas de Redondela

As Penlas de Redondela

A festa da Coca ten na danza das espadas un dos seus atractivos máis salientables. De maneira simultánea á danza das espadas execútase o baile das Penlas. Trátase de meniñas que se sitúan enriba das mulleres e que bailan ao mesmo ritmo que os mozos da danza das espadas. O baile das mulleres representa a súa alegría pola morte do dragón e o feito de erguer as súas fillas simboliza a liberación das nenas das gadoupas do monstro. Nós falamos con tres das nosas penlas

Leire , Elena e Daniela

De 7 anos as dúas primeiras e de 5 a última.

Xa levan 2 anos bailando, e o que lles gusta máis é, segundo nos manifestan as 3, “ que nos soben arriba”, o que amosa que a condición humana é universal e xa desde que somos moi nenos e nenas procuramos gustar e facer gozar aos demais. E non teñen medo. É máis, din que alí arriba “estase xenial”. Pero claro xunto co que máis lles gusta tamén está o que lles atrae menos, porque a vida é así; hai bo e tamén hai malo , e nós preguntámoslle que é o que máis lles desgusta do baile e agárrense coa resposta:” que nos doen as pernas”.

A tenrura e a inxenuidade infantil é tan deliciosa que, malia que resulte difícil non rir, entran unhas gañas enormes de comerse a bicos ás 3 protagonistas da nosa conversa de hoxe.

E na posición que ocupan para bailar nos preguntámonos como non se botan para atrás. Non foi fácil que nolo contaran, foi tremendamente difícil ,pero finalmente soubemos que o seu truco máxico consiste nun corpiño que lles axuda a manterse erguidas. Por outra parte, como todo na vida, non resulta doado facer o que fan estas nenas, de feito teñen que ensaiar varios meses antes. E non crean que lles impresionan os cálidos aloumiños do aplauso e recoñecemento, pois cando lles preguntamos que é o que senten cando centos de persoas ovacionan o seu baile din “ nada, xa estamos acostumadas, nós xa somos patinadoras”.As nosos encantadoras penlas sonvos unhas potenciais artistas dunha dimensión máis que notable. Asemade posúen outra característica desas que nos gustan a nós: a sensibilidade ante a beleza. Tanto é así que manifestan sentir “ moita pena cando as alfombras bonitas se rompen”.

Entón quixemos saber como, segundo a súa opinión, se podería evitar que as alfombras bonitas se perdesen e a resposta das nenas foi un axioma incontrovertible “ Éche o que hai”.E claro, a condición de inevitable que ten o que é inevitable non se pode discutir, así nolo recordaron as nosas 3 amigas.

E a que non adiviñan amigos e amigas como rematou a nosa conversa?… Da mellor maneira posible, pois fixéronme un regalo que lembrarei ao longo de todos os anos que me queden de vida: Leire, Elena e Daniela fixeron para este orgulloso cronista da vida da miña querida Redondela un baile das penlas privado.