AER reclama ao goberno que destine os fondos para o viaduto en iluminar trece parroquias

AER agrupación electores de Redondela

A medida beneficiaría a preto de 300 veciños que viven aínda con puntos de luz permanenemente avariados e camiños con luminarias obsoletas

Redondela, 23 de novembro de 2021.

A Agrupación de Electores de Redondela, AER, presentou por rexistro unha solicitude ao goberno de Redondela para que antes de acometer a nova iluminación do viaduto, se ocupe das parroquias e dos veciños que viven aínda a día de hoxe cunha deficiente iluminación. AER vén de coñecer a intención do equipo de Digna Rivas para dotar de iluminación o Viaduto de Madrid antes de que remate novembro. Polo que AER solicita ao Concello a que os fondos previstos sexan destinados á substitución das actuais luminarias antigas e de alto consumo nas parroquias, por tecnoloxía LED.

En total, son trece as parroquias afectadas. Segundo o concelleiro Roberto Villar, “a día de hoxe quedan miles de puntos de luz no municipio que teñen máis de 30 anos de antigüidade, con continuas avarías e caídas de liña. Non ten sentido que estes veciños estean nesta situación e se estea a falar de dotar o viaduto de iluminación. Co que se van gastar poderíanse colocar entre 50 e 60 novos puntos de luz LED de 30 vatios, uns dous quilómetros de camiños e rúas”. Ademais, a substitución das vellas lámpadas por novas de baixo consumo redundaría nunha redución do custo en enerxía para as arcas municipais.

A agrupación urxe mellorar a calidade de vida de 300 redondelás como prioridade do Concello e a necesidade tamén de novas liñas e cadros de control, renovación de cable eléctrico e automatización de liñas antigas.

Segundo AER, “a iluminación dunha construción histórica non corresponde a ningún criterio esencial pero uns camiños ou rúas mal iluminados están relacionados coa seguridade viaria e pública”.