Mila Casal Blanco, BNG Fornelos de Montes

E despois das numeras entrevistas que temos feito ao alcalde de Fornelas xa ía sendo hora de falarmos coa oposición, coa única oposición que ten o goberno municipal pois o traballo político dos representantes do PP limítase a facer acto de presencia nos plenos. Falamos con Mila, a cara visible do nacionalismo en Fornelos de Montes. Ela é unha muller de Traspielas moi concienciada desde moza coa defensa dos sinais de identidade do país galego. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

O traballo do goberno municipal é insuficiente, carece de política social”

Cando empezaches a militar ou traballar activamente en política?

Haberá uns doce anos que comecei a ir nas listas do BNG de Fornelos.

Fuches nas listas que comandaba Pedro, logo José Antonio, e nas eleccións do 2019 xa candidata á alcaldía. Por que decidiches facer política no BNG?

Porque é o partido que máis se achega á miña consideración de como debe de ser a práctica política na defensa do país, sobre todo na defensa da nosa lingua e da nosa cultura.

Ti es dunha parroquia de Fornelos, Traspielas. Na zona onde ti vives, a xente máis moza en que idioma fala?

O meu fillo de once anos fala castelán e nós na casa falamos galego. E o caso do meu fillo é como o sa maioría. É o colexio e os medios de socialización que utilizan os nenos e as nenas os que fan que cambien o idioma. É terrible a situación do noso idioma

En Fornelos, desde a transición, foi o PSOE o que gañou sempre as eleccións con maioría absoluta. É porque o fan moi ben, ou por algún outro motivo?

Eu creo que a xente aquí non vota ao PSOE porque sexa dese partido nin porque o fagan ben, desde logo porque o fan ben non, nin moito menos. O PSOE gaña aquí por maiorías absolutísimas pola mesma razón que pode gañar o PP en calquera concello de Galicia. O funcionamento é semellante

Ao teu xuízo houbo algunha diferencia de cando era Serafín alcalde a agora que é Emiliano Lage?

Non, para min é o mesmo modus operandi.

Faime unha valoración da acción de goberno do partido socialista, de Emiliano, en Fornelos.

Para min é moi precaria, só arranxan algún camiño, estrada ou poñen algo bonito pero fora de aí non fan anda máis. Non fan nada en educación social, por exemplo, aquí non hai actividades extraescolares para a educación dos nosos rapaces e rapazas, e cando o reclamamos o concello di que é cousa da Anpa e a Anpa di que quen ten que pedilo é o concello. Teñen as parroquias abandonadas e soamente veñen a limpar unha vez ao ano. A casa do concello que temos aquí foi feita polos veciños, o parque tamén esta feito polos veciños hai máis de vinte anos. A acción política do goberno municipal é claramente insuficiente

Agora define sinteticamente a acción política do BNG.

Intento levar propostas a tódolos plenos de aquí do concello e a nivel nacional pero non lles interesa, aínda que estean de acordo votan en contra.

Votan en contra por sistema?

Si, todos, o PP tamén.

O BNG leva bastante tempo tendo un concelleiro ou concelleira, chegastes a ter dous non?

Si, exactamente non me lembro cando pero creo que hai doce anos.

Agora levades bastante tempo só con un, hai cancha para que o nacionalismo volva crecer en Fornelos ou é algo imposible de afrontar?

Creo que si, pero é complicado. A xente nova de Fornelos non sei si é que se desentende o vai da man do que vota a familia. O que estamos facendo agora e que se dean a coñecer as propostas que leva o BNG, sempre se levaron moitas pero nunca se deron a coñecer e se non se fai e como se non fixeramos nada. Desde este último mandato estamos publicando na páxina do facebook ata as actas para que a xente se decate e se vaia concienciando, fixemos manifestacións como a de sanidade cando nos quitaron á pediatra. Somos os únicos que estamos reclamando isto agora mesmo, levamos ao concello as mocións para que o reclame e aí se queda. Intentamos que se vexa o que facemos.