Festas de San Fausto de Chapela 2023

Chapela

“ A Tráxica historia do doutor Fausto” é unha das obras cumes da literatura universal. O seu autor Goethe cóntanos a historia de como o doutor Fausto vende a súa alma ao diaño para acadar os servizos do demo Mefistófeles. San Fausto en Chapela non é tan transcendente pero de forma metafórica estou segura de que calquera bereteiro ou bereteira vendería a súa alma ao diaño, insisto en que se trata dunha metáfora, polo amor que sinte ás fermosas terras de Chapela que aloumiñan o corazón de cada un dos seus fillos e fillas como o bico tenro dunha nai alumea o corazón de quen o recibe. San Fausto de Chapela é unha parroquia mariñeira do Concello de Redondela e está composta polos barrios de Angorén, Cidadelle, A Igrexa, Parada e Laredo. Conta cunha poboación de preto de 8.000 habitantes e é a parroquia máis habitada do Concello de Redondela, incluso supera nunhas trescentas persoas ao casco urbano da vila.

É unha vila mariñeira na que a industria pesqueira ten gran peso, aquí están as instalacións de Pescanova e de Frialia e, ademais, tamén ten a sede da redacción e dos talleres gráficos do rotativo decano da prensa do estado, o Faro de Vigo, fundado o 3 de novembro de 1853.

O nome de Chapela alude a unha capela situada no alto da Encarnación, por onde transcorría antigamente o Camiño Real. Os viaxeiros das dilixencias tiñan que subir polo camiño de O Folón, tirando delas e, unha vez chegadas arriba, santiguábanse na pila dun cruceiro, o Cruceiro de Chapela, que se situaba fronte a esa capela, a Capela do Frade e o cemiterio.

O xentilicio de Chapela é chapeleiro ou chapeleira, e tamén beretes en honra a un peixe da ría de Vigo.

Da súa paisaxe podemos dicir que ten un fermosos bosques atlánticos, con excelentes postas de sol orientadas desde San Vicente de Trasmañó, pasando polos montes do Picoto, ata A Madroa, como puntos máis altos.

A súa praia máis coñecida é a de Arealonga, á que se accede a través da avenida de San Telmo, e que é limítrofe co barrio e monte da Cacharela, pertencente este último ao municipio de Vigo.

Como ben indica o nome desta parroquia, San Fausto, este é o seu patrón e as súas festas veñen de celebrarse desde o pasado 12 de outubro ata o domingo 15.

Actualmente é organizada polo Círculo Cultural Recreativo de Chapela e maila que a chuvia xogou un papel importante a fin de semana, non se anulou ningún evento nos días de festa, o que si fixo a chuvia e que a asistencia non fora a desexada por mor do mal tempo.

Os actos relixiosos teñen gran relevancia nesta festa, pois hai dúas misas solemnes na parroquia coas súas procesións dos santos. O día doce, a misa foi ás 12.30 h. na honra da Virxe do Pilar e despois da misa saíu en procesión a Santa. Para o día 13 a misa solemne foi á mesma hora pero nesta ocasión o santo venerado foi San Fausto, o patrón, e despois da misa saíu en procesión para que os máis devotos puideran acompañar ao seu Santo Patrón.

Estas festas non só son relixiosas, pois tamén teñen a súa parte musical e lúdica. Para os máis e as máis bailadeiras da parroquia os grupos que deron a nota musical foi o coro tradicional “Tirapuxa” pola mañá e “Orquestra Marbella” e “DJ Dury” animaron a verbena nocturna do xoves 12.
“Tania Veiras” e “Azar” puxeron a parte musical o venres 13 pola noite e xa, para o Sábado 14, foron os grupos “Unión y Fuerza” e “La Noche” os encargados de animar a verbena pola noite, e os respondables tamén de por fin ao broche musical destas festas en honra ao patrón de Chapela, pois xa o domingo 15 o día estivo dedicado aos máis e máis pequechos e pequechas da parroquia con prezos populares nas atraccións do torreiro.

Para saber algo máis da tradición destas festas conversamos con Cándido Villar, un histórico veciño da parroquia. Cándido forma parte do movemento social e deportivo de Chapela. Un dos fundadores do Club de Remo e primeiro patrón da Traiña.

Cándido, desde cando se celebra esta festa?

Esta é unha festa cunha tradición moi arraigada á parroquia e a relixión tamén. Eu xa a lembro de pequeno, debe ter como uns 100 anos de historia ou máis. Tamén houbo anos que non se celebrou por falta de comisión, por este motivo, desde hai uns anos é organizada polo Círculo Cultural Recreativo de Chapela.

Antigamente desenrolábase no torreiro da igrexa pero, desde que se construíu a autoestrada o espazo do torreiro quedou reducido e pasouse á celebración da festa para os arredores do pavillón deportivo municipal.

Antigamente, era algo moi típico desta festa, tomar a sidra auténtica galega, moito máis doce ca asturiana.

Unha festa moi querida e respectada pola devoción relixiosa ao patrón da parroquia San Fausto.

Que significan estas festas para á xente da parroquia?

Estas, xunto coas festas do Carme, as celebradas na praia de Arealonga son as festas populares de Chapela. As festa da praia son para as xente do mar e estas, as de San Fausto, digamos que para a xente de terra.

Estas festas son un sentimento, unha tradición. Son días para quedar a comer coa familia, para xuntarse cos amigos e para a xente máis devota, son días de celebración de misa maior e procesión polo entorno da igrexa.

Os meus recordos da infancia e da adolescencia son ao redor destas festas. Antigamente non había discotecas nin sitios de lecer agás as tabernas. Estas festas eran a ocasión de estar cos amigos e de poder bailar coas mozas da parroquia.

Moitas grazas pola conversa Cándido. Esperemos que esta festa sexa capaz de perdurar no tempo e poida ter outros cen anos mas de vida para que as xentes de Chapela non perdan parte da súa tradición.