Os mariachis de Redondela: “Mariachi noche de ronda”

Mariachis Redondela
Marcos Santos

Desde hai xa 6 anos , se temos sorte, podemos atopar nas rúas da nosa vila un grupo de mariachis locais que , coa calidade da súa música, nos transportan aos escenarios imaxinarios do país azteca. Nós non podiamos quedarnos sen coñecelos e conversamos con Carlos, o seu fundador. El é un veciño de Redondela de ampla tradición musical e moi relacionado coa nosa Rondalla.

Jose Carlos García

Cando naceu o conxunto?

O 21 de xaneiro do 2.016

O conxunto fundáchelo ti non Carlos?

Si. Eu comecei nun marichi en Vigo e finalmente decidín crear o conxunto de Redondela

E como naceu a túa paixón polas rancheiras?

De casualidade. Tocoume unha viaxe a México nun sorteo , alí mirei actuar a uns mariachis e impresionáronme. Logo á volta a Galicia funme metendo aos poucos nese mundo, merquei un contrabaixo e chegou a primeira actuación en Redondela. Logo tocando no náutico de Vigo coincidín cun grupo de mariachis e un deles preguntoume se eu era mexicano

Vaia orgullo

Ha ha ha , o certo é que eu son de Redondela pero a partir dese encontro comezou a miña fusión co mundo mariachi

Supoño que antes de mercares o contrabaixo xa tocarías algún instrumento?

Si, o baixo eléctrico

De feito ti es un músico polivalente?

A min a música gústame moito. Cando máis gozo é cando a practico cos amigos nas baiucas

Cales son os instrumentos esenciais na vosa música?

O contrabaixo a viola os violíns e as trompetas. Nós temos unha cantante feminina

A música mariachi é máis que rancheiras verdade?

Si, son máis estilos como os huapangos ou os poropos

Onde tocades?

Temos actuado por toda Galicia e por distintos sitios de Portugal. O noso forte son as actuacións en eventos: vodas, comuñóns, defuncións..

Defuncións¡¡

Si, en México teñen unha cultura diferente da morte e nese tipo de episodios dáse con certa frecuencia a interpretacións de cancións e tomar copas

Algunha canción en particular é especialmente demandada nos enterros?

Si;” El Rei”

Pódese vivir tocando nun conxunto Mariachi ou tes que ter outro traballo a maiores?

Non, non se pode. E moito menos nestas circunstancias pandémicas. O verán soe ser unha boa época pero no resto do ano sería absolutamente imposible vivir só disto

Algunha vez algún namorado encargouvos a típica rolda debaixo dunha ventá da súa namorada?

Si

Caramba e ese traballo é moi caro?

Non, os nosos orzamentos son asumibles pola maioría de economías creo eu

E a reacción das rapazas sempre foi boa?

Na maioría dos casos si, nalgunha ocasión non. Recordo unha vez que o mozo pretendía unha reconciliación coa moza e contratounos. A moza non tiña os mesmos sentimentos ca el e enfadouse moito con el. Este tipo de actuacións son moi bonitas pero hai que estar seguro dos sentimentos da outra parte para encargalas.

Cando alguén vos contrata cantos ides actuar?

Mínimo 3 máximo 5, depende do orzamento

Como podemos facer para contratar os vosos servizos?

Xeralmente faise a base do noso facebook “mariachi noche de ronda”. Eu animo a todos os lectores e lectoras a que proben. Darlle unha sorpresa a alguén cun conxunto mariachi , o que nos di a experiencia, é que pode chegar a ser absolutamente emocionante e como mínimo sempre resulta moi divertido e reforza os vínculos de maneira moi intensa.