Tino Lago
Cando Gabriel Celaya escribiu aquel fermoso poema no que maldicía a poesía daqueles que non tomaban partido, partido ata mancharse, abofé que non pensou en Luis Bará, pois Luis é un home dos que toman partido dos que se manchan ata as profundidades insondables de si mesmo. Luis é un camiñante incansable, un loitador infatigable que leva toda a súa vida na pelexa pola construción do” abrente no que poidamos voar sobre a nosa terra e percorrela en todas as direccións contemplando a marabilla dunha mañá única” .Para min foi un pracer conversar unha vez máis con el.
“Estamos nunha posición que nos permite soñar cun BNG sen límites, que vaia a por todas, e que aspire a gobernar este país”
Malia que ti es da parroquia de Paredes en Vilaboa, Pontevedra, onde facemos esta entrevista, é a túa cidade de adopción. Neste momento vital concreto este é o espazo onde pasas máis tempo?
Non, neste momento onde paso a maior parte do tempo é en Compostela, aínda que nesta lexislatura , ao sermos 19, podemos ter moita maior presenza no territorio e estar presentes onde hai debates, conflitos ou demandas da xente que nos obrigan a estar fóra do parlamento ou a facer visitas nas Comarcas.
Hai xa anos, na primeira entrevista que che fixen, dixéchesme que che gustaba moito a política municipal. Botas de menos a túa etapa como concelleiro?
Si, a min gústame moito a política de proximidade, de ver resultados inmediatos e como as cousas que planificas execútanse con certa axilidade. Poder dedicarlle tempo a cuestión que sempre me interesaron como a cultura ou a memoria histórica, o contacto coa xente. Son fiel defensor da política local.
Non estás canso deste ritmo de viaxes que che leva a percorrer o país decote?
Non, o que me cansa é estar parado. A min o que me fai virme abaixo e cando levo un ritmo intenso de actividade e me paro é cando me sinto esgotado. Gústame o contacto coa xente e o que levo mal e estar encerrado tanto no parlamento como nos paróns de traballo.
O BNG tivo recentemente a asemblea nacional, a sensación que tirastes é dunha saúde extraordinaria. Correspóndese coa realidade?
Si. Se facemos unha análise de como é a realidade por abaixo no BNG é evidente que temos diferencias e debilidades pero, globalmente, a posición do BNG no marco político galego e estatal, no ciclo dos últimos cinco anos mudou radicalmente e estamos nunha posición de fortaleza na que nos permite aspirar a todo, por isto falamos deste BNG sen límites, de pensar o país en grande e de ir a por todas.
Que é en concreto aspirar a todo ?
É marcarse obxectivos para cada momento e para este país. Isto significa facer posible o que é posible agora, non o que será posible dentro de 20 ou 40 anos. Agora aspirar a todo é disputarlle a hexemonía ao PP. Dar o debate político e social en tódolos ámbitos e demostrarlle á xente que o que lle convén a Galiza neste momento é un goberno nacionalista dirixido polo BNG e por Ana Pontón e a nova xeracións de persoas que están asumindo responsabilidades no BNG. Isto para o país sería un cambio histórico e permitiríanos dar un salto adiante espectacular.
Se eu fora un lector ou lectora d A Nova Peneira que nunca votou ao BNG porque debería facelo?
No primeiro lugar, somos unha forza política que ten os pés, a cabeza e o corazón en Galiza, que vai facer o seu traballo político para mellorar a situación do país, como noso principal obxectivo; transformar o país para mellorar a vida da xente.
En segundo lugar, a tradición e a historia demostra que somos unha organización seria, solvente e cun nivel de honestidade a proba de dúbidas.
Por terceiro lugar, temos experiencias de goberno que demostran que o que fai o BNG e beneficioso para a xente.
E que fai falta para que ese amplo caudal de votos que normalmente acada o BNG nas municipais dos concellos que goberna como Tomiño, Bueu, Pontevedra, Moaña… se trasladen a outro tipo de procesos electorais nos que non os logra?
Isto está comezando a mudar. Nas últimas eleccións autonómicas do 2020 sacamos un 23,79% dos votos, xa somos a segunda forza máis votada do país, e para as vindeiras eleccións estatais xa podemos aspirar a ter grupo parlamentario propio.
En relación ás estatais, unha enquisa recente situábavos en 4 actas. Estariades en máximos históricos?
Si, pero imos paso a paso. O que nos interesa agora a centrar a atención en que hai un proceso de cambio político en Galiza liderado polo BNG de Ana Pontón gañando posicións e chegando a sectores onde nunca chegaramos. Agora temos capacidade para chegar a sectores moi amplos, sectores que abranguen a votantes tradicionais do PP
Eu que son nacionalista desde neno teño a esperanza de poder vivir nun país normal no que se poida escoitar falar galego en cada curruncho do noso país. Eu teño unha nena adolescente que cando era pequecha falaba comigo en galego e desde que comezou no cole, pasou a falar castelán e agora non hai maneira de sacarlle unha palabra en galego. Ti que es nacionalista como min, cres que é posible chegarmos a ese estadio?
Isto non se pode conseguir nunha lexislatura pero, si se inicia un proceso de cambio político e desde o goberno se traballa para isto, nunha xeración pódeselle dar un xiro competo. Se comparamos Galiza con Euskadi ou Cataluña a situación é moi diferente porque alí levan tres ou catro décadas con gobernos nacionalistas que están conseguindo con determinadas políticas que haxa un sentimento de identidade, que se nacionalice o país e no ámbito de política lingüística fan todo o contrario do que se fai aquí.
Vou opinar ao respecto e non de maneira política senón filolóxica; para min a política lingüística do PP e absolutamente irresponsable pois pon en grave perigo a existencia do idioma nas seguintes xeracións?
Non só é iso, senón que conseguiu instalar con aquela campaña absurda e miserable do ano 2009 da imposición do galego. Isto é totalmente falso e o contrario da realidade.
Ves ao idioma no estadio anterior á súa desaparición?
Creo que non estamos nesa fase neste momento, pero si nunha evolución moi preocupante e problemática. Por ser un pouco máis optimista, tamén percibo que nunha parte importante da mocidade non hai rexeitamento cara o idioma, aínda que non o falen. Estamos vendo tamén o fenómeno dos neofalantes, vendo unha produción en ámbitos culturais e musicais en galego e aquí hai unha oportunidade de traballar con intelixencia, cambiando o discurso para intentar gañar parte desta mocidade, sen adoutrinamento claro, para que sintan que o galego é unha lingua importante, necesaria e parte fundamental da identidade.
E a política do PP de inzar os montes do noso país de muíños de vento, ten algo positivo ou é todo negativo?
Non son políticas só do PP, senón que hai directrices europeas e estatais. A Galiza tócalle o papel de ser produtora e fornecedora de materia prima, cun desenvolvemento absolutamente indiscriminado, invasivo e abusivo destas tecnoloxías. A Xunta está facendo todo tipo de cambios legais para que todos estes proxectos se poidan implantar en todo o territorio cun impacto brutal, facéndoo de maneira indiscriminada e arrasando con todo o que hai ao redor.
Hai opción de facelo de maneira racional non indiscriminada nin abusiva?
Si. Hai que priorizar os usos agro gandeiros, forestais e dentro disto encaixar a produción de enerxía con criterios de proximidade. Non construír grandes infraestruturas pensadas para a exportación e para fornecer outros territorios.A súa riqueza ten que quedar aquí e beneficiar ás poboacións locais, non ir para fóra, este sería un custo asumible.
Para fóra para onde?
Tal como está concibidos os eólicos non son para frear o cambio climático, senón para que grandes inversores internacionais, fondos de inversión e a banca lúcrense, saquen a maior rendibilidade posible no menos tempo posible, por isto a invasión do territorio. Esta invasión esta tendo unha revolta social impresionante.
Por isto che quería preguntar. Ti tes estado na Groba, en Cerdedo-Cotobade e nalgún sitio máis. Que percepción albiscas no conxunto da veciñanza das zonas afectadas?
No último ano houbo un cambio, parece que como que a xente espertase e deuse de conta do que estaba pasando. Nunhas comarcas máis ca en outras pero houbo unha auténtica revolta social masiva e maioritaria porque os eólicos vanlles a invadir o seu espazo vital
Eu creo que nas municipais do 2.019 o PP perdeu Baiona cando quixo chantar o campo de golf en Baredo .A invasión de eólicos pode provocar moitos episodios análogos?
Creo que en moitos concellos vai ser un factor importante, por iso en moitas localidade gobernadas polo PP están intentado aparentar que están en contra dos parques eólicos. Isto pasa en concellos como A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Oia, Lalín.
Cando a alcaldesa Cristina Correa votou contra os eólicos a favor da moción que presentou o BNG, era un voto de aparencia?
Si. Ela dáse de conta que socialmente é moi difícil defender os parques e é contraditorio co modelo de Concello que están potenciando e desenvolvendo, pero non vai romper co PP por isto.
Outra cuestión relevante agora mesmo e o estado da atención primaria. A xerencia do Sergas acaba de ordenar que 14 centros de saúde prescindan de todo tipo de atención agás as urxencias e o Covid. Cal é a Posición do BNG?
Isto é unha barbaridade que nunca pasara. Os propios profesionais creo que se revelaron maioritariamente contra esta decisión. O BNG pediu a convocatoria dunha deputación permanente do parlamento. O que está en xogo é a propia supervivencia do que coñeciamos da sanidade pública e especialmente da atención primaria. Isto está provocando un colapso absoluto. A pandemia o que fixo foi exteriorizar problemas que xa viñan de atrás. O problema de fondo é unha política de 12 anos de recortes e privatizacións que reduciron moitísimo os efectivos da sanidade pública en atención primaria que a levou a un estado de extrema debilidade para afrontar esta situación.
O colapso provoca que a xente que ten posibilidade se pase á sanidade privada, os seguros sanitarios están medrando dunha maneira exponencial
Outro foco de conflito que parece que vai acabar pero non remata nunca é o de ENCE. ENCE acábase ou non?
Está todo a expensas da resolución xudicial do Supremo. A primeira decisión da Audiencia Nacional foi favorable aos intereses do Concello e da defensa da Ría, ditaminou que á prorroga da empresa foi ilegal e non podía seguir aí. Batalla de mobilización e histórica gañada. Pola banda contraria a Xunta e a empresa están movéndose para crear a ilusión de que a fábrica pode seguir aí e non buscar alternativas.
E a dirección da fábrica que quere, cal é a túa opinión?
Ten un plan B que é ampliar a fábrica de Navia, en Asturias, que se abastece maioritariamente de territorio galego. O outro plan e meter presión política e social para seguir onde están.
Penso que o PP o que quere e que peche a fábrica para poder ter rendementos políticos disto e sacarlle á alcaldía ao BNG en Pontevedra,
Outro aspecto moi preocupante é a perda da capacidade industrial que ten a cidade de Vigo. Os estaleiros vigueses Barreras e Vulcano, teñen solución?
Deberían tela. Nós defendemos que a industria, xunto coa parte da innovación, deberían ser un baluarte na área de Vigo e o naval ten que ser un elemento central. Para nós a solución pasa por ter unha participación pública directa onde haxa recursos públicos destinados a activar todo o potencial naval de Vigo e de estas dúas empresas.
Para acabar. Que estás facendo sobre a memoria histórica ultimamente?
Sigo recompilando documentación e escribindo cousas coa idea de publicar no futuro algún libro, e no ámbito publico e político traballar pola memoria histórica no parlamento e noutros ámbitos Para desenvolver políticas públicas pola memoria en Galiza.
E unha persoa coma ti que anda de curruncho en curruncho pola Galiza ten tempo para a actividade persoal.
Creo que debemos de facer por tela para a nosa saúde, desconectar e facer cousas como ver unha serie, saír a camiñar, ler un libro, investigar para afastarnos do estrés e do traballo ao 120%.
Xa me ensinarás como se fai iso