Moitos dos meus compañeiros morren sen que que lles diagnostiquen silicose

Traballo Canteiras Porriño A Nova Peneira

Entrevista cun ex traballador do sector da pedra que padece o segundo grao desta enfermidade profesional.

J.L.V. son as iniciais dun traballador galego que pasou varias décadas como empregado no sector dapedra, principalmente en canteiras do Porriño, aínda que tamén en Ourense e noutras zonas do Estado. Con 39 anos foille diagnosticada esta enfermidade profesional crónica que en moitas ocasións provoca outras doenzas aínda máis graves ou mesmo a morte. Falamos con el da súa dura experiencia e da loita que tivo que emprender para que lle recoñecesen os seus dereitos.

Como foron os seus inicios no mundo laboral?

Comecei a traballar con 20 anos na canteira Marcelino Martínez do Porriño. Daquela non tiñamos información de nada, a silicose era un tema tabú. Sabíamos que estaba aí pero ninguén falaba dela. A min abriume os ollos unha doutora de Asepeyo. Aconselloume que deixara o traballo porque con 39 anos detectoume a silicose. A mutua nunca ma recoñeceu, pero ela díxomo en privado, na súa consulta. Para que ma diagnosticasen tiven que ir a Oviedo, que é onde está o centro de referencia da enfermidade.

Cando comezou a notar os efectos da enfermidade?

Traballei en distintas canteiras por todo o Estado, a última delas en Verín. Cando viña a casa as fins de semana non saía de Urxencias porque se me inflamaban as vías respiratorias. Tamén tiven que operarme do nariz. Entón un médico da Seguridade Social mandoume a Oviedo e foi cando me diagnosticaron silicose de primeiro grao. Penso que fun dos primeiros de toda a provincia en ser recoñecido pola Seguridade Social. Como ademais padezo unha enfermidade coronaria déronme a incapacidade parcial, senón nada.

Había máis xente na súa situación?

Si, e sóubeno porque moitos compañeiros viñeron canda min a pedirme información para saber como fixera. Porque moitos deles con silicose de terceiro grao que antes cobraban 2000 euros quedaron con 400 euros de pensión. Falamos de xente que non podía nin saír a tomar un café, que non podía respirar. Moitos eran contratados como falsos autónomos e cotizaban o mínimo, e cando se poñían enfermos botábanos; logo cando lle daban a incapacidade non cobraban case nada.

De que xeito lle afectou a doenza?

O que máis te afecta da enfermidade é a nivel psicolóxico. Tiven que buscarme a vida noutras profesións, sabendo o que tiña, e comecei como teleoperador. Ao estrés do traballo tes que sumarlle a presión psicolóxica de saber que padeces unha enfermidade crónica. Agora teño diagnosticado segundo grao pero non me recoñecen a incapacidade absoluta a pesar de que tamén teño un problema cardíaco. Cando ma diagnosticaron, con 39 anos, vénseche o mundo enriba. Non serves para traballar no que sempre fixeches e non sabes facer outra cousa. Agora teño que facer deporte continuamente. Supoño que por iso non me queren recoñecer a incapacidade, porque teño boa capacidade pulmonar xa que todos estes anos fixen deporte e coideime. Tes que ir co pulmón na man para que vexas que estás fodido.

Cal foi a resposta das mutuas?

A pesar de que eu xa tiña silicose e seguía a facer recoñecementos médicos as mutuas nunca ma recoñeceron. Están a agardar que teñas o terceiro grao da enfermidade e que logo apodrezas. Traballas ata que vales, despois nada. Pasar un recoñecemento médico e que non che detecten a enfermidade tiña que ser delito. As mutuas tiñan que ser as que se encargasen de todo (diagnóstico, tratamento, seguimento do paciente, etc) xa que se trata dunha enfermidade profesional. A Xunta ten que obrigalas, porque todo o gasto ten que asumilo a Seguridade Social. Estamos a pagar entre todos/as as consecuencias dunha enfermidade profesional mentres as mutuas seguen a enriquecerse

E a das empresas?

En xeral as empresas portáronse bastante ben a pesar de que as tiven que denunciar para poder cobrar as indemnizacións; só houbo unha que se negou a darme o certificado dos coeficientes redutores da idade de xubilación polo tempo que traballei alí. En que situación se atopa na actualidade?Agora estou prexubilado co 55% da pensión. Vou volver ao Oviedo coa CIG para ver se me recoñecen o aumento da enfermidade. E en febreiro temos o xuízo porque tivemos que denunciar para que me recoñezan a incapacidade absoluta. A día de hoxe aínda me teñen declarado como apto para traballar.

Que foi o máis duro en todos estes anos?

Sen dúbida ver desaparecer aos compañeiros que traballaron ao teu lado. Outros non morreron pero tiveron que ser transplantados, padeceron cancro e pulmón, etc. Hai xente que con 40 anos xa ten silicose de terceiro grao. Moitos morren de cancro de pulmón sen que lles teñan diagnosticado silicose. Hai moitísima xente con esta doenza. Eu mesmo teño dous familiares directos que tamén teñen silicose de segundo grao de traballar nas canteiras.

Atopou axuda durante o proceso?

Xa tiña relación co sindicato antes de padecer este problema, pero cando fun diagnosticado pedín asesoramento e estanme a axudar con todo. A Seguridade Social tamén me axudou ao mandarme a Oviedo para que me recoñeceran a enfermidade. Cando eu me prexubilei había moitos compañeirosperdidos, que non sabían o que facer e, como dixen, chamábanme para preguntarme como fixera eu.

Como é a situación nas canteiras hoxe en día?

En poucos anos pasouse dun extremo ao outro: antes non tiñamos nin información nin medidas de protección, pero na actualidade si que hai. Antes non tiñamos nin mascariñas, agora ademais regan con auga, polo que hai menos po. Hai menos pero aínda hai. Cando se traballaba con lanza térmica, por exemplo, era unha loucura, non se miraba nin o que tiñas diante, e as máquinas andaban polo medio. Todo ese po ía aos pulmóns, e así estamos moitos de nós.

Que lle parecen iniciativas como as xornadas de sensibilización da CIG?

Parécenme moi ben porque é necesario concienciar os traballadores/as do sector e a sociedade en xeral dos efectos desta enfermidade. Os traballadores/as teñen que tomar medidas de protección e reclamar os seus dereito no case de verse afectados/as e a sociedade ten que saber que se trata dunhaenfermidade profesional da que as mutuas se desentenden e que pagamos entre todos/as

ESTRATEXIA PERVERSA DA QUE PARTICIPAN AS MUTUAS

Dende a FCM-Vigo sinalan que só na provincia de Pontevedra hai diagnosticados máis de 700 casos de silicose, aínda que en realidade poden ser moitos máis xa que a enfermidade pode derivar en cancro de pulmón ou noutras patoloxías moi graves e aos afectados/as nunca se lles chega a diagnosticar a silicose. A maioría dos doentes traballan ou traballaban en canteiras, talleres e serradoiros de pedra, marmorerías ou graveiras.

Na actualidade existen tres graos da enfermidade: no 1º recoñécese a incapacidade laboral con dereito a prestación, pero sempre que na empresa non exista un posto libre de po. Este foi un dereitoque a CIG conseguiu en 2015 tras anos de reclamacións, obrigando ao INSS a cambiar o criterio, xaque até entón viña negando este recoñecemento, polo que os afectados/as se vían obrigados/as a longos procesos xudiciais.

Con todo, a central segue a demandar que se conceda a incapacidade total con prestación a quen padeza silicose de 1º grao, para que non se vise obrigado a traballar no sector, como sucede en caso do 2º grao da doenza. Finalmente, co 3º grao recoñécese a incapacidade absoluta, polo que a persoa afectada pode deixar de traballar.

Ao mesmo tempo, a CIG demanda que se dote o sur de Pontevedra dun centro de referencia sobre a silicose para todo o país, “que ben podería ubicarse nas instalacións do ISGGA en Rande xa que está preparado para esa función pero nestes momentos atópase infrautilizado”. Isto evitaría que o elevado número de afectados/as se vise na obriga de desprazarse, tal e como sucede agora, a Oviedo, onde se está o Instituto Nacional de Silicosis.

Outra grave problema co que se atopan os doentes é que as mutuas laborais nunca recoñecen a enfermidade, polo que os afectados/as teñen que acudir á Seguridade Social ou o centro de referencia estatal. Neste senso, na CIG teñen constatado numerosos casos nos que os traballadores/as son declarados/as aptos para o traballo nos recoñecementos médicos das empresas “e tres días despois levámolos a Oviedo e son diagnosticados/as da enfermidade”.

Polo que os doentes teñen que esgotar o recurso da Seguridade Social, que se fai cargo de todo o proceso e dos tratamento, “polo que ao final nos atopamos que unha enfermidade profesional que debera ser responsabilidade das mutuas témola que pagar con cartos públicos”.

Segundo denuncian dende a CIG, por se isto fose pouco, algunhas mutuas participan tamén dunha estratexia perversa para evitar responsabilizarse tanto elas como as empresas. “Sabemos de casos nos que a mutua, tras detectar a silicose comunícallo ao empresario, que á súa vez fala con outro empresario do sector para que lle ofreza traballo en mellores condicións ao afectado; cando este cambia de empresa, e estando aínda no período de proba, é sometido a un recoñecemento médico tras o que lle comunican que padece a doenza, quedando deste xeito sen traballo e sen dereito a indemnización; da anterior empresa tampouco cobrara nada porque fora el quen pedira a conta para supostamente mellorar as súas condicións laborais”