Sociedade atlética do Trega

Sociedade atlética do Tegra Concello de Tomiño A Nova Peneira

A Sociedade Atlética do Trega é un equipo de atletismo con máis de 3 décadas de vida. Naceu alá polo 1987 no concello de A Guarda, e hoxe están en Tomiño. Con dúas escolas de formación, unha en cada unha das vilas intimamente ligadas á súa historia, e o club propiamente dito, dan acubillo a arredor de 100 rapaces e rapazas da comarca que practican este fermoso deporte. Nós falamos coa súa xunta directiva: ARIANA, CARLOS, PATRICIA E XABIER

O NOSO TRABALLO É PURAMENTE VOCACIONAL”

Contádeme a historia do club?

Nacemos no ano 1.987,foi fundado por 9 persoas entre elas o pai de Ariana que tiñan afinidade co mundo do deporte

Había algún equipo de atletismo na comarca?

Non

Como evolucionaron os primeiros anos?

Con moito esforzo e dedicación, aos poucos foron captando bastantes rapaces e rapazas de toda a comarca do Baixo Miño, que estaban interesados na práctica do noso deporte. Fundamentalmente o noso é un traballo de base, a filosofía que inspira ao noso club é a formación e o traballo con nenos e nenas

A vosa actividade foi ininterrompida desde 1.987?

Non, a principios dos 2.000 tivemos un parón de seis anos, pero fora diso si. Naquel momento había poucos atletas a directiva non atopou quen collera o relevo e non quedou máis remedio que facer unha paréntese.

E como se arranxou a situación?

A directiva actual somos un pouco a segunda xeración, atopabámonos de cando en vez en carreiras e competicións varias, e entre nós falabamos de que sería bonito retomar o equipo e a actividade atlética, e velaí foi

Falemos das dúas fases da existencia do club, antes do parón onde desenvolviades a actividade deportiva?

Ao aire libre, non tiñamos instalacións, nin apoio institucional algún. Antes corriamos ao redor da Sangriña, subindo ao monte, basicamente onde podiamos

Vaia, pois a verdade é moi meritorio, e coas modalidades de saltos e lanzamentos faciades o mesmo?

Si claro, exactamente mesmo

E na actualidade onde adestrades ?

Nesta volta comezamos na Guarda, tamén ao aire libre e pronto tivemos o apoio do Concello do Rosal que nos deixaba as pistas da Mata. O concello de Tomiño tamén deunos o seu apoio e igualmente iamos uns días a adestrar alí. A base comezou a crecer moito e decatámonos de que non era viable adestrar na rúa con tanto neno

Agora mesmo como vos organizades?

Temos dúas escolas, unha en Tomiño e outra na Guarda e logo está o club propiamente dito. O concello de Tomiño tiña a idea de ter un equipo e propuxéronnos traer o club desde A Guarda á súa localidade.

E non xerou polémica?

Si claro, somos un equipo de moita historia na Guarda, pero era unha proposta e nós tiñamos a obriga de trasladala para que se debatese. Falamos co concello de A Guarda para ver se podía, no que se refire polo menos á parte das instalacións, ofrecernos o mesmo ca Tomiño, e díxonos que non era viable.

Inviable por que?

O pavillón do noso pobo utilízao o Guardés , que como sabes é un equipo do máximo nivel

E no que se refire ao aspecto económico?

A axuda que nos dá o concello de Tomiño, multiplica por 6 a que recibimos do Concello de A Guarda

Cando trasladastes a proposta de mudarvos a Tomiño, que opinaron os vosos socios?

Por abafadora maioría decidiron que nos fósemos a Tomiño

Cantos socios e socias tendes?

Arredor de 300.A receptividade da sociedade da nosa comarca para con nós é moi elevada, en liñas xerais atopámonos unha grande colaboración dos nosos veciños e veciñas

A marcha a Tomiño valorádela positivamente?

Si, o club creceu ao termos unha partida de axuda económica máis elevada e instalacións para podermos adestrar. Melloramos en todos os aspectos, e podemos disputar campionatos máis importantes

Por exemplo?

O croos internacional de Atapuerca, estivemos en Cantimpalos, en Sabadell, Sevilla , Gijón

Cantas persoas practican o atletismo no voso club?

Arredor de 35 nenos en cada escola, na Guarda por primeira vez temos instalacións por medio da DEP, e sobre 25 persoas no club, federados. E tamén queremos aproveitar para agradecer o grande apoio que nos presta o actual concelleiro de deportes do Rosal

Cantos días adestrades?

Tres á semana

Que diferencia hai entre a escola e club?

A nosa idea é concibir a escola como un trampolín para chegara o club

Cubrides todas as disciplinas atléticas?

Si, pero o noso forte está no fondo e no medio fondo

Temos algún atleta que apunte alto?

Si, temos varios que parece que teñen moi boas maneiras

Que inflúe máis para que algún poida chegar á elite; o talento o uns adestramentos e traballo adecuados?

Unha combinación dos dous factores, máis a estabilidade persoal

Pódese vivir profesionalmente do voso deporte?

Moi poucos, e, mesmo eses que o acadan, cando se retiran teñen que integrarse no mercado laboral

Antes me falabades de que erades especialista en fondo e medio fondo, e co maratón non vos animades?

E tanto que si, aquí os compañeiros Ariana e Carlos correron a Maratón de Berlín

Caramba, debeu ser súper emocionante?

Abofé que si, é unha maratón de máis de 40.000 participantes , e unha das máis prestixiosas do mundo

Supoño que quereredes que o club poida ter un futuro nas xeracións seguintes?

Desde logo que si, somos conscientes da dificultade porque cada vez hai máis trabas burocráticas e é economicamente máis complicado, pero nós traballamos para iso.

O voso traballo é puramente vocacional?

Rotundamente si

Vos sodes xa adultos, supoño que será dificilísimo compatibilizar a vida laboral a persoal e o atletismo?

Buff, dificilísimo non hai tempo para nada.

Ben rematamos agradecéndovos a vosa atención, se queredes aproveitar para tirar unha mensaxe ,podedes utilizar as nosas páxinas?

Si claro que queremos, darlle as grazas pola confianza e axuda a todas e todos os que en nos confían e que nos apoian, e dicir a quen non nos coñeza que temos as portas abertas para que quen o desexe poida gozar do marabilloso deporte do atletismo.