Amelia Tiganus na Guarda

Amelia Tiganus A Nova Peneira

O pasado 13 deste mes, a activista Amelia Tiganus estivo no centro cultural da Guarda impartindo a conferencia titulada “VIOLENCIA SEXUAL COMERCIAL, PROSTITUCIÓN E PORNOGRAFÍA”.O acto foi organizado polo concello en colaboración co CIM, e desde as nosas páxinas dámoslle os parabéns ás dúas persoas responsables do seu desenrolo Bea, e Yoli. Previamente á charla de Amelia, proxectouse o curto Lurna, do director guardés Nani Matos que cunha grande intensidade emotiva reflicte a vida dunha moza africana que caeu no inferno da prostitución. Antes da súa conferencia Amelia tivo a xentileza de departir uns minutos coa Nova Peneira e tanto a conversa que ela mantivo comigo como a súa posterior conferencia son desas experiencias vitais que marcan. Amelia é unha muller de gran intelixencia e sensibilidade e falar con ela é enormemente enriquecedor, agardo que teña a oportunidade de ler este traballo e quixera dicirlle que me comprometo firmemente a non dicir nunca máis :“ me cago na puta” ou “ fillo de puta” sempre que estea cabreado e precise soltar un improperio, dedicareillo a quen realmente o merece : o puteiro.

A CHAVE ESTÁ EN HUMANIZAR ÁS MULLERES,EN CONSEGUIR QUE OS HOMES POIDADES HUMANIZAR ÁS MULLERES ALLEAS IGUAL QUE SE FOSEN AS VOSAS FILLAS, NAIS OU IRMÁS”

A que te dedicas na actualidade, Amelia?

Dedícome ao activismo feminista e á formación sobre dereitos humanos en xeral e especialmente sobre todo o que teña que ver coa violencia sexual, a prostitución a trata e a pornografía

As túas conferencias son en España, non?

Impártoas no estado español e tamén no estranxeiro, teño traballado en Arxentina, en Alemaña, ao final deste mes estarei en Varsovia nun congreso sobre dereitos humanos…

Que receptividade encontras nas túas conferencias?

Penso que a xente cando realmente escoita o que en moi poucas partes pode escoitar, o que pode intuír pero que nunca veu reflectido con palabras concretas, é moi receptiva e enseguida toma conciencia

A receptividade é a mesma en homes ca en mulleres?, ou é diferente?

A presenza de homes nos meus actos é de arredor do 7%,os poucos que veñen soen estar xa concienciados e a súa receptividade é semellante á que encontro no público feminino, pero, como che dixen, a porcentaxe de asistencia masculina é paupérrima, aínda non chegamos ao estadio no que os homes entendan que esta situación ten que ver con eles

A cousificación da muller, o feito de tratala e considerala como un “material” cuxa única función é satisfacer as necesidades dos homes como se combate?

Moitos homes senten empatía só polas súas mulleres, polas súas fillas, nais irmás, a chave e mudar a conciencia do patriarcado ,conseguir humanizar a todas as mulleres e tratar de que os homes poidan sentir como seres humanos iguais, sentir empatía polas mulleres alleas exactamente igual como se fosen propias

Eu que son home, recoñezo que estamos moi lonxe desa situación na que calquera home poida sentir a calquera muller, incluso ás que non coñeza de nada, como un ser humano igual, cal é o camiño, ao teu xuízo para chegar, ou achegarse o máis posible?

Uff, con moita pedagoxía e traballo. Considero moi importante aos grupos de homes que se xuntan e cuestionan á masculinidade patriarcal. É imprescindible que o home escoite á muller e lle dea a credibilidade que normalmente non lle dá, porque ridiculizarnos o minimizar os efectos do patriarcado non fai máis ca incidir en todo o malo que ten. A chave é sen dúbida a educación

Eu considero que a prostitución debe ser prohibida, e ti?

Eu creo que o termo correcto é “abolida”. A prostitución debe de ser abolida completamente. As mulleres teñen que ter o dereito de saír da prostitución, é un imperativo moral que o poder político poña en marcha políticas públicas destinadas a elo, e que se persigan todas e cada unha das formas de proxenetismo, porque a realidade é que non se perseguen

Non se perseguen?

O estado español suspende rotundamente nesta materia. Non fai falta máis ca coller o coche e ver que calquera estrada está ateigada de campos de concentración. Cada vez hai máis pisos con esta función, mulleres na rúa cousificadas e denigradas. O que se debe prohibir é a compra de seres humanos, porque cando pagas por sexo, cando pagas por acceder ao corpo dunha muller non pagas por un servicio, pagas por utilizar a unha muller para obter pracer e ese acto é absolutamente igual á escravitude. E non se pode permitir que siga a existir escravitude, e moito menos nunha sociedade que se auto define como xusta, igualitaria, democrática…

Ao meu xuízo o da xustiza social e a igualdade, non é máis ca aparencia, aínda existen moitas situacións, non episódicas, senón sistémicas, que obrigan a millóns de persoas a vivir vidas espantosas

Si, podería ser, a verdade é que si

O acceso á pornografía non ten ningunha dificultade, incluso para os adolescentes, cal é a túa opinión ao respecto?

A partir da globalización a prostitución evolucionou de ser o que Rosa Cobo chama :” prostitución artesanal” a ser unha grande industria global. Esa “industria” precisa non só de mulleres empobrecidas, senón tamén precisa puteros. A pornografía serve para elo, é parte desa grande industria. A pornografía é prostitución gravada, os rapaces adéstranse con ela para logo pór en práctica o que ven na prostitución real

Moitas grazas Amelia

Hai persoas que loitan un día e son boas,

Outras loitan un ano e son mellores,

Outras loitan moitos anos e son moito mellores

Outras loitan toda a vida,

Esas son as imprescindibles”

Bertol Brecht

Dedicado a Amelia Tiganus, por ser unha das imprescindibles