Estamos en Guillarei nun momento clave da tempada para o Club de Fútbol Guillarei. O equipo está moi preto de conseguir o ascenso, e falamos co seu presidente para que nos conte como están os folgos para afrontar os últimos catro partidos e as perspectivas da nova temporada que case con absoluta seguridade será en 2º autonómica.

Manuel Rodríguez, presidente do C.F. Guillarei.

A primeira autonómica é a categoría na que debemos aspirar a consolidarnos”

Estamos xa case ao final de tempada e o equipo está en primeiro posto. Este ano o club vai como unha moto cara o ascenso, verdade?

Afortunadamente si. Estamos aí a un partido para sentenciar a temporada. Foi un ano moi bo, e iso é grazas aos xogadores, que son os que sacan os partidos adiante.

Foi unha tempada especialmente boa entón?

Si, este ano saíu todo bastante de cara, tanto a nivel de que nos respectaron as lesións dos xogadores, como no xogo do equipo. Outros anos non foi así, pero este está indo todo moi ben

E este ano parece que pode ser posible o ascenso. Agora mesmo, como está a clasificación?

Estamos de primeiros con 70 puntos . Quedan catro partidos, son 12 puntos en xogo.

Competides en Terceira Autonómica e co obxectivo máis que verosímil de subir a Segunda autonómica?

Si, exacto.

O equipo leva moitos anos competindo en terceira autonómica .Dede cando?

Nós collemos o club arredor de 2016-2017 que foi cando o refundamos. E desde entón sempre competimos en terceira autonómica. Houbo anos nos que estivemos aí, intentando subir, xogamos a fase de ascendo no ano do COVID pero na final quedabamos fóra. Fomos pouco a pouco, tamén subindo de nivel, pero sempre sen rematar de lograr o ansiado ascenso.

O presumible ascenso deste ano vai ser un fito histórico?

Desde logo que si. Vai ser a primeira vez desde a refundación. Quero deixar claro que de momento non está feito, pero está ben encamiñado. A ver se xa esta semana ou a seguinte se pode deixar pechado.

O último partido antes de facermos esta entrevista foi un precioso derbi contra o Ribadelouro. Como foi ese encontro?

Gañamos 3-4 na casa do rival. Un derbi emocionante no que comezamos perdendo pero xa remontamos 1-3 antes do descanso. Comezando a segunda parte marcaron 2-3. A poucos minutos do final empatáronos a 3-3 e na última xogada no tempo de desconto marcamos o 3-4.

Había seareiros do Guillarei no partido?

Si. O campo estaba cheo de afeccionados dos dous equipos.

Tivemos un contratempo ao rematar o partido e non puidemos festexalo. Veu unha ambulancia polo porteiro do Ribadelouro que parecía que estaba a sufrir un problema . Tiveron que levalo ao hospital, esperamos que non sexa nada grave.

Ascenden primeiro e segundo, a cantos punto estades do terceiro?

A nove puntos do Vilariño que está segundo. O Cañiza está terceiro con 61 puntos tamén e o cuarto, o Pontellas, con 58 puntos.

Podería decidirse que a cousa está case feita?

Si, podería darse. Depende dos resultados, pero pode ser. Aínda así, nós imos ao noso, a intentar sacar os puntos e non depender doutros, aínda non está todo pechado.

Pensando xa no seguinte paso: se se confirma o ascenso, que expectativas realistas tedes?

Primeiro acabar esta tempada, que aínda non está feita. O ano pasado tivemos moitas lesións e quedamos quintos. Este ano o equipo mellorou moitísimo, fixemos algunha fichaxe que nos veu moi ben e temos un xogador clave.

Quen é este xogador?

Aitor Costas, que chegou este ano. Está facendo unha tempada impresionante e leva máis de 65 goles. Ven do Nieto e decidiu apostar polo noso equipo.

Estamos falando de moitos goles.

Si, máis de 60 goles. É unha barbaridade. Está nun nivel moi alto para esta categoría, iso está claro. Ten capacidade para xogar en equipos de categoría moi superior.

Cantos anos ten?

Ten 21 aniños. Temos claro que ten capacidade para dedicarse profesionalmente ao fútbol. Sabemos que veñen observadores de diferentes equipos doutras categorías. De momento está contento e non quere marchar.

Desde un punto de vista económico sería viable ascender de categoría?

Si, si que sería viable. Subir implica máis gastos, iso está claro. Hai que mirar ben todo iso, porque non é o mesmo esta categoría que a seguinte. Xa se verá, paso a paso. Teriamos que subir os prezos das entradas e da publicidade. É certo que teriamos máis gastos, pero tamén máis ingresos.

Considerando o volume de poboación que ten Guillarei e a súa afección . Cal cres que sería a categoría natural na que se debe consolidar o equipo?

Deberíamos consolidarnos a próxima temporada en Segunda e logo intentar buscar o ascenso a Primeira Autonómica. Está difícil porque non temos as instalación deportivas necesarias e non temos fútbol base, pero entendo que Guillarei ten capacidade de soster un equipo en primeira autonómica.

Por que motivo non tedes canteira?

Porque temos un campo de herba natural que non soporta a carga de moitos adestramentos. Non temos instalacións para adestrar e no inverno non podemos xogar no noso campo. O céspede natural non aguanta as inclemencias da chuvia nin a carga de adestramentos. Por iso non podemos ter fútbol base.

Por que non tedes as instalacións necesarias? O concello pórtase mal con vós?

Non, pero en Tui hai catro equipos aos que axudar e moitos gastos deportivos. Agora mesmo non é viable outro campo deportivo. Non nos queixamos do trato recibidos desde o Concello, estamos aquí para traballar para o club e a nosa afección.

Fálame do novo himno que ten o Guillarei este ano.

Este himno nace a través da peña, Mártires de Guillarei. Son un grupo de mozos que están todo o ano con nós.

Cando o compuxeron?

Na pretemporada. Dese entón xa o usamos na megafonía nos nosos partidos na casa.

Chámame a atención que no papel no que está escrita a letra do himno apareza o debuxo dun home fumando. Como é iso de promocionar un deporte coa imaxe dunha persoa fumando tabaco?

Imos ver, esa imaxe non ten nada que ver co club. Como che dixen foi a peña “ Mártires de Guillarei” quen compuxo o noso himno. O nome desa peña está relacionada cos mártires de Sobredo, e polo que eu entendo ese debuxo pretende representar a imaxe dun home da clase traballadora.

Se se consegue o ascenso, ides facer algo especial para celebralo?

Si, algo faremos seguro. Un ascenso así hai que celebralo, co club, coa xente… xa veremos como, pero algo haberá.

Queredes mandar algunha mensaxe á afección?

Si, darlles as grazas. Á xente que vén, aos que apoian, aos patrocinadores… E que estean aí sempre cos tambores, animando. Sen eles isto non sería posible.