Casa Henriqueta Oia

Casa de Henriqueta Oia A Nova Peneira

Un lugar especial ,para perderse e encontrar o mellor da vida

Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

No porto de Oia está Casa Henriqueta. Este negocio é un restaurante atendido con amor e dilixencia polo seu propietario Esteban Dantes e un magnífico equipo de profesionais, que te fan sentir como se a súa casa fose tamén a nosa. Casa Henriqueta é unha edificación do século XVII esteticamente preciosa, situada a carón do incomparable marco do porto de Oia, e alí a podemos atopar unha carta variada, de calidade sobresaínte a prezos moi razoables. Foi un pracer para min a charla que mantiven co noso amigo Esteban, un amigo con maiúsculas da Peneira. Antes de ofrecerlles o que deu de si quixera dicir que en Casa Henriqueta pasei unha vez, un dos momentos de maior intensidade emotiva de toda a miña vida, por iso casa Henriqueta é tamén especial para min. Non sei se algunha das dúas persoas que compartiron a mesa de casa Henriqueta ,aquela luminosa mañá, comigo, terá a oportunidade de ler isto algunha vez. Se así fose, quixera que saiban que a felicidade que me fixeron sentir naquela comida, agardo que lles acompañe no camiño das súas vidas todos e cada un dos días.

Onde naciches ti Esteban?

Eu son de Oia, o meu pai e de Vilariño e a miña nai é ,coma min, nativa de Oia

Cando se iniciou a túa relación co sector da hostalaría?

Cando estaba a estudar, comecei a traballar no verán de 1997, pois, como calquera mozo coa ilusión de ter algo de cartos no peto

Desde ese ano a túa relación co sector foi continua?

Non, fixen unha paréntese grande e estiven traballando en Citroen

E a relación con Casa Henriqueta?

Foi no ano 1999 cando un primo meu, Jose Antonio Olmedo, púxoa a funcionar como negocio e eu vin botarlle unha man

A edificación ten unha historia moi longa e extensa verdade?

E tanto que si, esta casa é do Século XVII, era dunha familia alcumada “AS HENRIQUETAS” de aí o nome do local

Malia ter máis de 300 anos de historia foi o teu primo quen por vez primeira convirte á antiga casa das Henriqueta nun restaurante?

Exactamente así foi. Despois de 14 anos en automoción decidín cambiar a miña vida, sigo no mundo do motor porque teño un taller na Guarda, talleres Dorado, pero o esencial da miña vida profesional é CASA HENRIQUETA.O meu primo vendeu a propiedade, o restaurante chegou a estar dous anos pechado, e eu en xullo do 2013 asumo a xestión do negocio

Tiveches claro que debería seguir sendo “Casa Henriqueta”?

Pois a verdade tivemos certas dúbidas, estivo a piques de ser Casa Dantes, pero finalmente decidín apostar por manter o nome xa que tiña unha vinculación intensísima coa historia do noso pobo e en certo modo coa historia da nosa familia tamén

A estrutura actual de Casa Henriqueta é a orixinal verdade?

Efectivamente

Xa levas os mesmos anos con Casa Henriqueta que eu na Peneira, ambos comezamos no 2013.Que valoración te merecen estes seis anos ao fronte de casa Henriqueta?

Fundamentalmente invádeme un inmenso sentimento de orgullo, tivemos que investir unha gran cantidade de esforzo, de tempo e de cartos en converter a casa Henriqueta no fermoso local que é agora. Non me chegaría un xornal enteiro para dar cabida á enorme gratitude que lle teño que expresar a todas as persoas que achegaron o seu tempo e o seu esforzo para axudarnos co noso proxecto. En resumo, a valoración que fago destes 6 anos sintetízase en orgullo, gratitude e alegría por ver como o traballo dá os seus froitos

O mantemento dunha casa como esta debe ser terriblemente caro?

Bufff, nin te imaxinas

E compensa?

Emociomalmente sen dúbida, economicamente non sempre. Outro aspecto que incide na valoración positiva da que antes che falaba é que o restaurante axudoume a crear unha empresa VALDANTES, coa que distribúo o meu viño. Un proxecto precioso que comecei xa no ano 2.016

Como se chama o viño?

Mosén Anselmo

Por onde o distribúes?

Xa estamos en moitos sitios de España; Madrid, Málaga, Canarias. Afortunadamente o viño ten unha acollida fantástica porque en realidade é un viño moi bo

Cal é a filosofía fundamental de Casa Henriqueta?

Ofrecer unha comida de primeira calidade a uns prezos razoables e darlle un trato sumamente respectuoso ao cliente para que sinta que a nosa casa é tamén a súa. En relación aos produtos quero dicir que facemos un esforzo significativo para que a materia prima sexa local. Compramos moitísimo nos mercados de Oia, A Guarda e O Rosal

Seica tedes un “segredo” que fai moi especial a vosa carta?

Se te refires a que pretendemos mesturar os sabores do mar cos sabores da terra, pois si procuramos facelo así, e con moi bo resultado por certo

Eu creo que ningún visitante do Baixo Miño debe abandonar a comarca sen probar a empanada de pan de millo de mexillóns con chourizo de Casa Henriqueta

Ha ha ha , que che vou dicir eu, que concordo contigo claro

É unha mágoa que non se resolva dunha vez a situación do mosteiro?

Desde logo que si. Oia ten unhas potencialidades turísticas inmensas e a necesaria recuperación do Mosteiro maximizaríaas ata o infinito

Ti tes fillos pequenos, isto é un negocio de futuro para os teus fillos?

Non o sei a verdade é que non o pensei aínda

E a túa muller que pensa?

Á miña muller só podo darlle as grazas, pola súa paciencia compañía e comprensión. Desde logo que sen ela, casa Henriqueta non sería posible

Moitas grazas Esteban