Bueu, 22 de agosto de 2019
A Valedora do Pobo admitiu a trámite a queixa presentada polo Concello de Bueu en relación coa defensa do libre acceso da veciñanza á Illa de Ons. No escrito remitido ao Concello esta semana, a Valedora expresa que “unha vez estudada a súa queixa, dámola por admitida ao entender que reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei do Valedor do Pobo, e que atopa, en principio, cobertura constitucional derivada do artigo 103.1 da Constitución”.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, dirixira a este organismo o pasado mes de xullo un escrito no que se reclamaba o dereito da veciñanza a acceder á Illa de Ons, sen a imposición de carnés, dado que “estes non aparecen no Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas”. O seguinte paso é que a Valedora inicie as actuacións oportunas ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para coñecer a súa postura ante o asunto.
Desde a corporación defenden que os veciños e veciñas da Illa non poden ser considerados como visitantes e que, polo tanto, debe permitírselles acceder con total liberdade ás súas vivendas, non só aos concesionarios/as senón tamén ao seu entorno e círculo familiar, xa que eles e elas constitúen elementos fundamentais de Ons e forman parte do seu patrimonio vivo e inmaterial.
O rexedor xa avanzou en varias ocasións que “o Concello pensará moi seriamente se continuar co apoio á declaración deste espazo como Patrimonio da Humanidade, pois non se entende que se vaia en contra da propia humanidade” nunha clara alusión á veciñanza que desde sempre accedeu á Illa de Ons e ás súas vivendas libremente. Por iso, e dada a preocupación do goberno ante a inminencia das festas de San Xaquín que se celebran na Illa esta fin de semana, Juncal mantivo esta mañá unha conversa telefónica coa Directora Xeral de Patrimonio Natural, onde esta lle asegurou que a veciñanza non ía ter problemas de acceso.
Os voceiros dos grupos municipais de Bueu levan mantendo diversas xuntanzas coa veciñanza da Illa para mostrar o seu apoio coa súa causa, pois Ons non se entende sen a súa cultura, sen a súa historia, sen a súa xente. Esta mesma idea se lles trasladou aos representantes dos grupos parlamentarios o pasado mes.