O Morrazo contra os recortes da súa sanidade

Iria Aboi
Redacción. Morrazo

En todo o país galego son moi numerosos os exemplos que amosan a nefasta política sanitaria do partido popular. Recortes continuos en servizos, a non cobertura de xubilacións e ou vacacións, o deterioro ata o máis profundo da atención primaria….. levan a que milleiros de persoas afoguen na desesperación de non poderen recibir unha correcta atención sanitaria. A nosa comarca non é allea a esta agresión continua contra un dos piares básicos do estado do benestar, e as súas veciñas e veciños demostran con frecuencia o seu desagrado a través de protestas e concentracións nas distintas localidades da península. Se cadra un dos colectivos de maior dimensión e que desenvolve un volume de actividade máis elevado é a plataforma en defensa do centro de saúde de Seixo. Nós defendemos en numerosas ocasións que a unión da sociedade civil organizada é o instrumento máis adecuado para facerlle fronte ás agresións daqueles que consideran que, inflar os custes do material sanitario para lucrarse cunha comisión de varios millóns de € mentres centos de persoas morrían, ou vían con angustia oceánica como toda a súa vida se esnaquizaba , é cousa de “pillos”.

Nós saudamos con alegría esta plataforma e a outras semellantes e poñémonos ao seu carón para facer aquilo que dicía Benedetti “ na rúa cóbado a cóbado somos moito máis ca dous”.Iria é a portavoz da plataforma, novamente foi un pracer para min conversar con ela

Iria Aboi portavoz da plataforma en defensa do centro de saúde de Seixo

Pedimos ao pobo de Marín que dea esta loita con nós, porque o deterioro do centro de saúde de Seixo tamén lles afecta a eles.”

Lémbranos como e cando naceu a plataforma?

Naceu a raíz das sospeitas de que cando se xubilara un dos facultativos, un dos dous que tiñamos, non ía ser substituído. A súa xubilación ía coincidir en pleno verán

No verán do ano pasado, non?

Si. O 15 de xullo el marcharía de vacacións e xusto un mes despois sería cando formalizaría a súa xubilación, en coincidencia temporal coas vacacións do outro médico .É dicir sería o momento perfecto para que a administración aplicase a súa política habitual de meter a tesoira. O colectivo de comerciantes ACEMAS, tiraron unha nota de prensa na que expresaban a súa profunda preocupación por esta situación

O SERGAS fixo algún movemento?

Si, acto seguido a xerencia, que non acostuma a reunirse con ninguén, veu a Seixo da man da alcaldesa e da de algún veciño claramente connotado co PP local. Teñen unha xuntanza no centro de saúde cos dous facultativos, que defenderon con gran intensidade a necesidade de manter plenamente operativo o centro de Seixo. Quixera lembrar que nos momentos máis duros da pandemia o noso centro de saúde mantivo a asistencia presencial, algo que é moi recoñecido pola veciñanza.

Desa xuntanza co SERGAS e coa alcaldesa saíu algunha certeza?

Non, só saíron máis dúbidas. De feito ACEMAS convocou unha reunión na casa da cultura con todo o tecido asociativo das parroquias afectadas. E foi alí onde acordamos constituír unha plataforma á que convidamos a todas as organizacións sindicais e políticas

Á xuntanza que, imaxino, teriades para constituíla asistiron as 3 forzas con representación no Concello?

Si

A alcaldesa tamén?

Non, pero do PP asistiron 3 concelleiras e 1 concelleiro. E aí decatámonos de que, se o propio PP manifestaba a vontade de participar nunha plataforma como a que estabamos a montar, as promesas do SERGAS sobre a vontade de manter o noso centro de saúde non deberían ofrecer moita confianza

Nas xuntanzas posteriores volveron participar os representantes do PP?

Non, nunca máis. Supoño que lles deberon de dar o toque porque O PP de Marín nunca volveu estar do lado das reivindicacións do seu pobo.

Este centro atende á poboación de varias parroquias verdade?

Si, de catro: Seixo, Ardán, Campo e San Tomé de Piñeiro. De feito na plataforma estamos arredor de 20 colectivos desas 4 parroquias

Cales son as accións máis importantes que tendes desenvolto desde o verán do ano pasado que constituístes a plataforma?

Inicialmente fixemos un manifesto que lle demos a todos os colectivos integrantes. Organizamos unha manifestación o 9 de xullo que foi multitudinaria

Foi en Seixo?

Si, saíu da estación de servizo e rematou no centro de saúde. E como che digo a asistencia foi espectacular

Asistiron representantes das 3 forzas políticas que teñen representación no voso Concello?

Do PP non veu ninguén

Tamén fostes ao Parlamento ?

Si, fomos convidados porque Paulo Ríos, o deputado do Bng, levou unha pregunta ao conselleiro sobre a situación do centro de saúde de Seixo

Que respondeu o conselleiro?

Que o centro de saúde non se ía pechar pero non dixo nada do persoal. E un edificio sanitario sen persoal xa me dirás para que serve

Que pasou o 15 de agosto do ano pasado, cando se xubilou o doutor Martín?

A súa cota quedou sen asistencia médica. Cerca de 1.000 persoas de catro parroquias de Marín quedamos sen asistencia sanitaria. Só podiamos, en caso de precisalo, ir a urxencias a Marín

Ata cando se prolongou esa situación?

O 1 de setembro incorporouse o médico que estivera esa quincena de vacacións e a partir de aí comezou a atender el só as dúas cotas; a súa e a do seu compañeiro xubilado. Arredor de 2.200 persoas para un único facultativo.

Vós despois daquela manifestación seguistes amosando as vosas reivindicacións?

Abofé. Os carteis que levamos espallámolos por todos os comercios e por moitas casas particulares para que houbese unha visión permanente que demostre que as catro parroquias afectadas queremos o centro de saúde en Seixo .Tamén fixemos unha cadea humana que rodeou toda a mazá que vai do centro de saúde á praza de abastos baixando polo grupo escolar. A nosa intención foi enlazar o centro de saúde coa vida social e económica de Seixo

É que se finalmente pecha, iso afectaría a toda a vida da parroquia creo eu?

Absolutamente si. En Seixo non puideron facelo, de momento, pola elevada resposta social que suscitou pero a súa intención e pechar os centros de saúde como o noso. Xa nos pecharon a única oficina bancaria que tiñamos, o centro cultural leva pechado desde o comezo da pandemia, a oficina de correos está en precario….Para o rural é necesario ter servizos no caso contrario esmorece aos poucos ata morrer. Por desgraza esa á a situación ao que nos conduce, falo do rural galego en xeral, as políticas do PP.

A sensibilidade da veciñanza co seu centro de saúde segue sendo elevada? Ou o paso do tempo pode facer que vaia esmorecendo?

E tanto que si. Como mostra a manifestación que convocou en Santiago a finais de marzo SOS SANIDADE PÚBLICA. Nós alí estivemos. Levamos 4 autobuses de aquí e unha chea de coches particulares. O problema é sentido por toda a comunidade. Toda a veciñanza ten moito apego ao seu centro de saúde.

O concello de Marín apoiouvos algo na organización da viaxe que tantos veciños e veciñas de Marín fixestes a Santiago para defender os dereitos dunha parte de Marín?

Nada, non nos apoiou en absoluto. Negáronse a facilitar calquera tipo de colaboración. Sempre nos deron as costas. Nas vésperas daquel acto o SERGAS anunciou un parche dunha médica dúas mañás en Seixo e os outros 3 días en Marín

En calquera caso semella que é a mobilización o único que achega algún tipo de resultado?

E tanto que si, de feito desde que nos mobilizamos conseguimos que cubrisen a praza de enfermería que se perdera por xubilación e conseguimos o remendo que antes che mencione, pero a nós iso non nos chega. Nós queremos o servizo que tiñamos antes dos recortes. Pero parece que o que están a buscar é que a xente recorra á sanidade privada.

A vosa vontade para o futuro cal é, Iria?

A vontade da plataforma é continuar indefinidamente. Os recortes do noso centro de saúde non só afectan á poboación de Seixo, pois o seu deterioro ou futuro peche prexudican tanto á poboación de Marín como á de Bueu, polo tanto convido a que esta loita a deamos en conxunto

Agardas que esta situación lle supoña custe electoral a María Ramallo?

Eu o que creo é que semella evidente a vontade do PP de recortar a sanidade pública, hai moitos exemplos en todo o país galego. Agardo que cada votante decida se iso é correcto ou non…Eu digo con toda claridade que non.