Os monicreques de Redondela , XXIII anos de éxitos

Marcos Santos

Un ano máis, e xa estamos a piques de chegarmos ao primeiro cuarto de século, chegan ás rúas da nosa vila os monicreques do “ festival de títeres de Redondela”. E despois de dúas edicións anómalas, motivadas pola pandemia sanitaria, volve ser o mes de maio no que o espectáculo de luz, fantasía e cor do universo dos monicreques alumeará as rúas de Redondela, as almas e os corazóns das miles de persoas que gozaremos dalgunhas das súas oitenta representacións. Nós conversamos con Luis Crespo, o director do festival.

Luis Crespo director do festival de títeres de Redondela

Despois destes dous anos de pandemia é máis necesario que nunca vir aos “títeres”, recargar as pilas e gozar”

Sempre falamos moito de monicreques e moi pouco de ti. Fainos unha pequena escolma da túa historia?

Eu son de Redondela e con 18 anos funme para Madrid. Alí estudei arte dramática, neses anos colaborei na creación dunha compañía que aínda funciona

Eu creo que ti es un tipo inquieto dos que sempre anda a facer cousas?

Si, aínda que eu penso que a casualidade, nos termos tan bonitos que a poetizou Julio Cortazar, en grande medida foi o motor que impulsou a miña traxectoria vital neste mundo da arte. De feito eu cando cheguei a Madrid, inicialmente o que tratei era de buscar traballo de camareiro

E non che deron traballo de camareiro?

Pois non. E fíxate ti que como, de novo por casualidade, fixera un curso de mimo co Celso Bugallo cheguei a estar 6 meses facendo mimo na porta dun gran centro comercial. E despois descubrín o retiro e botei varios anos alí facendo cousas

Gustábache?

Moito.

A connotación pexorativa que tradicionalmente se asociaba ao adxectivo “titiriteiro” xa é algo que pasou á historia?

Non. Algo si se mellorou pero aínda segue a estar asociada a unha certa visión negativa.

Como chegas desde o retiro de Madrid a ser o director do festival de “títeres” de Redondela?

Pois este ano xa imos pola XXIII edición. Naquel momento do Retiro desde o Concello formúlanme a hipótese de traer toda esa espiritualidade, que supuñan os artistas facendo arte no parque, a Redondela. Eu incorporeime á dirección na edición XI. Entre a IV e a XI levaba as cuestións económicas

Segues facendo cousas fóra?

Si claro. Eu onde podo “ colgo o sombreiro”

Cantas compañías imos ter nesta edición?

31

Caramba vaia progresión con relación ás primeiras edicións non?

E tanto que si. Na primeiras edicións traiamos 4 compañías. Fomos medrando aos poucos

Vai seguir sendo pastor o autor do Cartel?

Si, claro que si. A verdade para o festival contar con Pastor é unha auténtica sorte. O seu bo facer danos unha solidez notable. Para nós o equilibrio entre a forma e o contido é esencial. E así procuramos que sexa ano tras ano.

Despois das dúas últimas edicións tan diferentes por causa da pandemia, este ano pretendemos que volva a normalidade?

Esa é a nosa intención. A verdade se boto a vista atrás quedo abraiado do traballo inmenso, case de escravos, que tivemos que facer para podermos desenvolver as edicións do 2020 e do 2021

Volvemos entón a Maio?

Si, ese é o mes natural. En parte pola coincidencia co día das nosas letras, que penso debera de ser unha festa cultural en todas e cada unha das vilas de Galicia.

Este ano o 17 cadra en martes

Si, e nós pretendemos estar o sábado domingo e luns anteriores a tope, e o propio martes tamén desde logo

Algunha novidade significativa?

Eu creo que a súa enorme densidade é unha das novidades máis importantes. Pensa que son 31 compañías, 80 representacións , teatro de sala para adultos, teatro de sala familiar,7 escenarios, unha batería de concertos nas distintas prazas da vila, media ducia de espectáculos con lingua de signos, facilidades de acceso para as persoas con mobilidade reducida…

Supoño que con tanta compañía haberá unha mestura de procedencias moi variada?

Temos de Israel, Eslovenia, Francia, Arxentina,Portugal, de Madrid, Castela, Cantabria. E máis da metade deste ano son propostas galegas. A nosa programación é como escribir unha novela; nunca se remata só se deixa en pausa

Supoño que coa loxística empezaredes un pouco antes non?

Si claro. A fin de semana anterior estaremos no multiusos coas entradas, carteis, camisolas…

Vamos ter o mercadiño “titiriteiro”?

Si e imos tentar que todos os postos teñan relación co universo dos monicreques

O festival xa ten unha sona moi relevante, pero sempre se pode medrar. Para alguén que non o coñeza que lle dirías para que se anime a facelo?

O que acontece no noso festival é unha experiencia para o espectador e a espectadora. Non está dentro dos circuítos habituais do espectáculo, xa non só polas representacións en si senón pola espiritualidade que transmiten. Por outra parte é unha festa interxeracional e aquí todo o mundo o pasa ben. Despois deste dous anos de pandemia é máis necesario que nunca vir a Redondela, recargar as pilas e gozar.