A mocidade de Redondela: consciente, lúcida e combativa

A mocidade de Redondela: consciente, lúcida e combativa

A ARTE NON TEN CANCELAS, que así se chama esta iniciativa do Colectivo ARTELIXO, ven ser unha proposta que fan, ou facemos, as activistas a algún artista que se preste a pintar un portal ( deses que están mais ou menos deixados) coa única premisa de que en algún sitio ten que aparecer unha “RATA”, símbolo e xermolo do ARTELIXO dende os seus primeiros pasos ala polos anos 90. Cabe dicir que nos últimos anos o Concello participa tamén disto proporcionando material e no concreto deste portal, cedendo o mesmo.

Neste ano 2024, caendo na conta que temos un Bacharelato de Artes no Concello o colectivo decidiu propoñerllo as alumnas e alumnos de 2º de Bacharelato e de aí a participación activa de Samuel Covelo Vidal.

Moito se fala da pouca implicación social e política da xuventude actual, pola contra non podo deixar de significar que este é o primeiro mural que desborda a cuestión medio ambiental, que xa está implícita, e aborda unha problemática ben distinta. O xenocidio contra o pobo PALESTINO.

E así como se fala moito da mocidade actual en termos despectivos, como se fosen unha xeración desinteresada do seu contexto, a min moléstame moito máis que o moito que se comete a tremenda inxustiza de lles desprezar.

A mocidade actual ten unhas condicións enormemente difíciles : os seus traballos son precarios, os seus salarios son lamentables, as súas posibilidades de acceso a unha vivenda son inexistentes, e eles e elas non son responsables, son as vítimas. Á mocidade actual só hai que darlle oportunidades , porque cando as teñen son unha xeración tan válida e respectable como calquera outra.

Samuel é un artista de Redondela lúcido, sensible e comprometido. É o autor dun fermoso mural que denuncia o calvario ao que o colonialismo criminal do estado de Israel leva condenando de maneira permanente ao pobo palestino desde hai máis de 75 anos. E para nós foi un pracer coñecer un pouco máis a Samuel.

Samuel Covelo Vidal artista de Redondela

Teño unha visión da arte esencialmente política”

Por que participaches nas reivindicacións que demandaban un Bacharelato de artes en Redondela?

Xa en 4º, cando estudaba no IES Illa de San Simón, tiña claro que quería facer o bacharelato de artes, e cando se abriu a posibilidade de facelo aquí, uninme ás reivindicacións. Paréceme importante poder ofrecer todo tipo de bacharelatos na vila, e máis un tan bonito coma este, e dábame moita mágoa ter que marchar a Vigo como moita xente tivo que facer ata hai 2 anos.

Como á a relación das e dos estudantes dese Bacharelato co Artelixo?

O Artelixo sempre conta connosco para as exposicións na rúa, e pareceume un xesto moi bonito, un voto de confianza e un altofalante para a xuventude o feito de que nos cederan un portal.

E o Concello que tal se porta con vós?

Persoalmente considero que non contan con nós. Non recibimos nada de “feedback” durante estes dous anos, máis aló de poñer en activo o bacharelato.

Por outro lado no pleno no que se debateu este asunto todos falaron marabillas da arte e da súa importancia, e logo levan facendo os carteis usando Intelixencia Artificial xa un bo anaco, e ninguén di nada. E hai alternativas: contratar artistas ou levalo a concurso, pero claro, é máis caro que poñer unha frase no ordenador e que saia unha imaxe.

Como alguén que desfruta da arte, paréceme insultante,

No centro de estudo, ( Pedro Floriani) Como foi o trato?

Foi complicado. O primeiro ano, a aula de referencia estaba apartada do resto, pero era boa, máis o material de debuxo non era suficiente para todos e a aula específica era demasiado pequena .

O segundo ano viñeron máis problemas, nada máis chegar, topámonos con que a nosa aula de referencia, resultou ser a aula TIC, que está chea de ordenadores con torres CPU, en definitiva, a penas tiñamos espazo.

Logo tamén tivemos problemas cunha materia, que algúns considerabamos esencial e asemade ponderaba para ABAU, e que o centro se negou a dar, ata que despois de moita protesta, cun mes entrado o curso, acabamos conseguindo dala.

Iso si, as os profesores foron marabillosos ambos anos. Estou profundamente agradecido con eles e elas e a súa implicación, tanto connosco como coas nosas loitas.

Douche os parabéns Samuel, porque protestar ante as inxustizas é o camiño adecuado para cambialas e dignifica a quen protesta. É un pracer conversar cun rapaz que se implica no ben común.

Moitas grazas, Marcos.

Agora falemos do mural. De todos os portais desta iniciativa, este é o único que trata unha temática máis alá da ambiental, por que decidiches facelo así?

Decidín facelo sobre este tema por dúas razóns principalmente, por unha parte, para variar a temática dos portais, e por outra, porque persoalmente teño unha visión da arte bastante política, e considerei que era unha boa oportunidade para darlle voz e sensibilizar sobre o xenocidio que está sufrindo o pobo palestino. Quería facer o portal para que, ao pasar polo lado, recordaramos que aínda que non miremos para o problema, este sigue estando.

En relación á función social da arte quixera referirme aos murais con diferentes temáticas sociais, moitos deles en referencia á comunidade LGTBIQ+, promocionados polo concello. Que opinas acerca da posición do Concello a este respecto?

Considero importante que o concello se posicione respecto aos dereitos da xente LGTBIQ+, pero habería cousas que eu cambiaría, principalmente o de mostrar o movemento LGTBIQ+ como algo apolítico, con lemas xa máis que anticuados como o “amor é amor”, cando xa se sabe de sobra que o colectivo non vai só de orientacións sexuais senón que tamén de identidades de xénero. Eu estaría máis a favor de que existira un colectivo LGTBIQ en Redondela, e que levaran eles todo isto.

Primer comentario

Deixa a túa opinión