Alberto Gonçalves SC da CIG

Alberto Gonçalves SC da CIG

O compromiso co ben común das clases traballadoras deste país, a lucidez e a capacidade de traballo de moitos homes e mulleres nestas últimas décadas, converteron á CIG na primeira forza sindical deste país, nun instrumento esencial para entender a nosa realidade social e para asegurar que a conciencia de sermos pobo galego siga a existir nas xeracións futuras. Achegámonos ata o seu local en Vigo para conversar co seu Secretario Comarcal , o vigués Alberto Gonçalves.

“Sen loita, sen mobilización e conflito, non se pode avanzar”

Como valoras a situación social e laboral da comarca de Vigo?

Estamos atravesando un momento moi complicado cunha grave crise industrial. Á desfeita do sector naval engádense as dificultades que afectan á automoción. E como non haxa unha aposta decidida, por parte das distintas administracións, cunha firme intervención pública en favor da reactivación produtiva a situación irá a peor, facendo que o sector servizos siga gañando un peso cada vez maior.

Isto, no que ao emprego se refire, en que se traduce?

En postos de traballo precarios, con soldos moi pequenos, en empregos estacionais, con xornadas parciais e con moi poucos dereitos.

Esa aposta das administracións existe?

Non, non existe en ningunha das tres administracións. Concello e Xunta están polo monocultivo das luces do Nadal ou o Xacobeo. E desde Madrid confían todo ao turismo.

O alcalde de Vigo non defende coa contundencia necesaria á industria da nosa cidade?

Non, para nada. De feito eu persoalmente, nos últimos anos, solicitei varias veces unha xuntanza para tratar especificamente a situación do naval e da automoción e aínda estou a esperar.

O sector naval na nosa comarca está morto?

Non, morto non. Pero está nun estado moi crítico, case comatoso. O naval vigués hai 15 anos empregaba a 10.000 persoas, e agora apenas pasa dos mil. É dicir: reduciu o seu volume en arredor do 90%.

Esta situación incidiu na perda de dereitos das persoas que aínda traballan no naval?

Si. Especialmente no que se refire ao aumento do traballo con subcontratas e empresas piratas, o que entre outras cousas multiplicou a sinistralidade laboral con varias mortes nos últimos anos.

O automóbil corre o risco de reducirse á mínima expresión tal cal aconteceu co naval?

Si. O problema de automoción é mundial, e na nosa zona ten características peculiares. Na nosa comarca a empresa de referencia está apostando polo barato, polo coche diésel. E iso está abocado á desaparición. Ou se enfocan os camiños ás novas tecnoloxías e dunha vez se fai o necesario para pechar o ciclo produtivo na nosa comarca e en Galiza, ou o futuro ten moi mala pinta.

A que te refires cando mencionas as novas tecnoloxías?

Aos coches eléctricos, híbridos e de hidróxeno. Sen fábricas de baterías e compoñentes aquí, a automoción galega quedará fóra de xogo.

O ciclo produtivo do automóbil non se pecha na nosa comarca por falta de vontade política?

A falla de política industrial supón deixar barra libre á deslocalización e a precariedade. Entre outras cousas, si.

Cales son as outras causas?

A falta de vontade empresarial para facer os investimentos necesarios e porque a xestión dos recursos do noso pobo non se enfoca ao beneficio do noso pobo senón ao de outros actores. Por exemplo: Nós non somos os donos da nosa enerxía nin nos beneficiamos dela.

Hai previsión de conflitividade laboral inminente nalgún sector determinado?

Si :

-No automóbil

-Na ITV

-En diferentes sectores vinculados ao concello de Vigo(Bombeiros, parques e xardíns e Vitrasa)

A folga de Vitrasa, foi tan dura como pareceu ser?

Foi unha folga moi dura, si. Quixera salientar a responsabilidade evidente que tivo o concello, pola súa inacción, en que non se solucionase este problema. Ás veces parecía que buscaban enfrontar aos traballadores coa propia cidadanía.

Neste conflito tan duro, que afectou a un número importante de vigueses e viguesas, o concello mirou para outro lado?

Fixo algo peor, colocouse permanentemente do lado da empresa, cun discurso e unha práctica antisindical máis propia da dereita ultraespañolista que dun goberno que se di progresista. O desprezo de Caballero contra o persoal de Vitrasa foi constante, mesmo con actitudes chulescas.

Agora en que momento estamos?

En plena negociación.

Pode reactivarse a folga?

Se non se avanza, si.

Ves avances por parte do Concello e por parte da empresa?

Por parte do Concello non, ningún en absoluto. Por parte da empresa si , pero de momento son claramente insuficientes.

Cal é a opinión da CIG sobre a política social do goberno do estado?

No momento en que o PSOE chega ao poder a CIG tiña convocada unha folga xeral. Paralizámola como deferencia á suposta chegada dun goberno de esquerdas que xerou moita ilusión. Lamentablemente unha vez máis as ilusións quedaron nun plano puramente teórico. As reformas efectuadas foron meramente cosméticas e de moi pouca relevancia. É claro que este non é o noso goberno nin o goberno das clases traballadoras.

Non derrogaron nin a reforma laboral, nin a lei mordaza. Mentíronnos.

Como está a situación da CIG na comarca?

No que respecta á afiliación e ao número de delegados e delegadas estamos nos mellores datos da nosa historia.

Cantas persoas están afiliadas á central sindical na comarca de Vigo?

Máis de 20.000

A que atribúes eses datos tan positivos?

Só ten unha explicación posible: Que cando algún traballador ou traballadora ten un problema e recorre á CIG a defensa que o sindicato fai dos seus dereitos é firme. Son cada vez máis as traballadoras e traballadores que saben que a CIG, co noso modelo sindical nacionalista e de clase, combativo, asembleario e de contra poder somos a adecuada ferramenta para lograr mellores condicións de vida e de traballo. A CIG só nos debemos á clase traballadora, e por iso o noso modelo de negociación colectiva foxe do pasteleo que practican outros, e a conflitividade xoga un papel central. Sen loita, sen mobilización e conflito, non se pode avanzar.

Estades nun nivel óptimo de afiliación, pero ti, que es un militante de hai moitos anos, sabes que unha cousa é ser afiliado/a e outra ser militante, e só a militancia fai que sexa posible subsistir no tempo. Hai moita diferencia entre afiliación é militancia?

Imos ver:Estamos nun contexto histórico no que o sistema persegue debilitar a toma de conciencia política con obxecto de asegurar a súa supervivencia, e a CIG non é allea á realidade do mundo. Xa me gustaría a min que cada afiliado e cada afiliada fose un militante. Pero iso non é posible. Nunca o foi, e nunca o vai ser. Porén, especialmente entre o corpo de delegados e delegadas, a nosa central sindical si ten unha notable cantidade de militancia real.

E na mocidade?

Pasamos por etapas diversas. É certo que hai algúns anos era difícil que os mozos e as mozas se implicaran, pero dun tempo a esta parte, sobre todo desde a pandemia, a tendencia á alza na implicación militante da xente moza é esperanzadora.

Hoxe dirixides o sindicato a xeración que estades máis ou menos nos 50 anos de idade. O relevo xeracional de cadros sindicais está asegurado de maneira que o futuro da CIG, tal como a coñecemos, non corra perigo?

Si, está asegurado. Indiscutiblemente si. E temos un futuro moi prometedor.

Sodes a 1º central sindical nesta comarca?

Nesta comarca, na práctica totalidade dos sectores, tamén no conxunto da provincia e, o que é máis importante, a CIG somos a primeira forza sindical en Galiza. En representación pero tamén en afiliación e capacidade mobilizadora.

Unha organización con máis de 20.000 persoas afiliadas non debe de ser nada fácil de xestionar, e seguro que os problemas están á orde do día. Ti que tal levas o estrés?

Eu son unha persoa que me implico moito, especialmente nos conflitos. Non é fácil levar os problemas laborais da comarca e xestionar a complexidade inherente a unha organización tan grande como a CIG, pero teño uns compañeiros e compañeiras de grande calidade humana, sindical e política que fan que todo se leve razoablemente ben.

A sensación que transmite a CIG cara a fóra é que vive en paz internamente. É así?

Si, é así. Nós pasamos outras épocas máis difíciles que tiñan relación cos ambientes de tensión interna que viviu todo o nacionalismo galego no seu conxunto. Grazas á conciencia e a lucidez de moitos e moitas eses momentos quedaron atrás, agardo que para sempre. A pluralidade interna é un valor pero a unidade arredor do noso modelo sindical é fundamental para seguir avanzando.

Como están as relacións coas distintas federacións e unións locais?

Son óptimas. Pode haber algunha diferenza puntual ou concreta, pero todos e todas estamos no mesmo barco e remamos na mesma dirección.

O ano 25 teredes congreso comarcal. Ti ese ano farás 10 anos como SC. Vas seguir ou haberá relevo?

Na CIG é a afiliación quen decide. Somos un sindicato radicalmente democrático e asembleario. Aquí non hai dedazos nin caciqueos. E as responsabilidades que se ocupan non son unha carreira persoal, nin cousa de egos ou vontades persoais, senón decisións colectivas pensando no proxecto. Na vindeira Asemblea Comarcal, que se realizará previsibelmente a mediados do ano que vén, tocará facer balanzo e definir liñas de traballo con vocación de futuro. E, claro, escoller as persoas que pilotarán, desde os organismos de dirección, a comarca nos próximos anos. A fortaleza da CIG é que somos un grande proxecto colectivo e temos canteira, de futuro e de presente.

Primer comentario

Deixa a túa opinión