Toda unha vida ao servizo do público.
“ Ás distintas administracións a educación só lles importa en aparencia, porque en realidade acaba sendo a irmá pobre de case todos os gobernos”
Na conversa que mantiven con Laura López Atrio veume á memoria, unha vez máis, aquela reflexión sobre o poder da palabra que de maneira tan fermosa expresou Carmen Martín Gaite cando escribiu” No hay placer más grande que la conversación, cuando quien habla tiene ganas de hablar y quien escucha tiene ganas de escuchar”. Foi unha conversa moi extensa e enormemente grata para min,que tería sido moito máis longa aínda se non viviramos nunha sociedade marcada pola terrible ditadura do tempo, pois Laura é unha muller que enriquece coa súa lucidez ,capacidade para penetrar nas razóns profundas das cousas e coa súa conversa serena e cordial. Ela foi mestra toda a vida ,estivo moi vinculada a todo tipo de actividades sociais e culturais alén de ser a concelleira de educación no primeiro goberno de Abel Caballero. En Outubro do 2022 publicou un libro “ Ciudades educadoras y creativas” no que plasma a súa visión sobre a relación entre a administración e a educación. Nós conversamos con ela para coñecer un pouco máis o seu libro e para facer un repaso polo máis relevante da súa apaixonante traxectoria vital.
Ti es unha muller dunha ampla traxectoria vital por camiños diversos: Mestra, política, comunicadora, activista social, escritora…Cal de todas as túas actividades foi a que che produciu unha maior satisfacción?
Ser mestra toda a miña vida é a actividade coa que me sinto máis identificada. Todo o que fixen foi porque quixen, e porque no seu momento tivo algún tipo de atractivo ou interese para min. Pero o ensino, formar a nenas e a nenos ao longo de máis de 4 décadas é o que levo inserido no máis profundo da miña alma.
Sempre traballaches en Galicia?
Case sempre, agás 4 anos que estiven en Sestao. Logo pedimos o traslado para Galicia, o meu home tamén era mestre, e tivemos a sorte de chegar xa a Vigo. Ao ensino dediqueille 45 anos dos que 38 foron en Vigo.
Deches clase tanto en primaria como en secundaria ?
Si, estiven cinco anos no Centro de Formación do Profesorado (CEFORE) e nun centro en secundaria estiven os últimos 12 anos. Entre o 95 e o 2007.
En 45 anos dando clases pasaron polas túas aulas varias xeracións de alumnos e alumnas. Notaches moitos cambios entre elas?
Nos últimos anos non. Se cadra o máis rechamante foron os primeiros anos no rural en Ourense nunha escola dunha parroquia do Concello de Padrenda. Lembro de ter unha clase de 42 nenos e só 14 pupitres.
E como resolvías iso?
Tiña que ter á metade de pé ata antes do recreo. Despois do descanso cambiaban os asentos coa outra metade.
Vaia. De que ano estamos falando Laura?
De 1968. Tiven que ir falar co alcalde e pouco menos que ameazalo con pechar a escola para que arranxase esa situación intolerable, que non se limitaba á falta de bancos. Tamén careciamos de luz e non había estufa para o inverno.
A militancia política cando comezou?
No ano 1989.
Levas 35 anos ininterrompidos no PSdeG. Lembras como comezou todo?
Si. Foi despois de asistir a unha conferencia da Federación de Mulleres Progresistas. Chamoume moito a atención o seu contido pois incidiron en dous aspectos que son esenciais na miña concepción da realidade: A defensa do ensino público, e a defensa dos dereitos da muller.
A asociación que impartiu aquela charla está vinculada ao PSdeG, e eu ofrecinme voluntaria para programar as escolas infantís de Vigo. Aí comezou a miña relación coa política, sempre vinculada con aspectos sociais nos dous eidos que antes mencionei.
A política foi importante para ti?
Foi moi importante defender o que defendín. Ocupar cargos nunca foi o meu obxectivo. Si participar aportando os meus coñecementos.
En 35 anos no PSdeG imaxino que verías liortas de todo tipo?.
A política é unha actividade fundamental para organizar unha sociedade de maneira xusta e para corrixir os desequilibrios que condenan a grupos de persoas a non poder vivir con dignidade. Eu quero valorar e dignificar ás persoas que se achegan ao mundo político con estas intencións. Pero non sempre é así, pois hai quen chega co obxectivo de buscar o seu beneficio persoal e a partir de aí veñen os problemas. A política, en realidade, como mellor se coñece é dentro dos partidos. E ás veces estando dentro dáste de conta de que o mellor é estar fóra.
Cando te ofrecen a ti acceder a algún tipo de responsabilidade institucional?
Cando Ventura Pérez Mariño chegou á alcaldía, ofreceume a posibilidade de ser concelleira. Esa foi a primeira vez, pero non se puido concretar.
Por que?
Coincidiu na época en que Touriño era presidente da Xunta e digamos que os que mandaban no partido naquel momento amosaban máis simpatía por outro tipo de persoas que por alguén do meu perfil. Eu tiña diferencias políticas significativas co presidente Touriño.
Doeuche?
Non, en absoluto. Como antes mencionei nunca tiven o máis mínimo interese nin polos cargos políticos nin por vivir da política.
E logo foi Abel?
Si, gaña as primeiras eleccións e ofréceme formar parte do seu primeiro goberno como concelleira de educación.
Ti formas parte do goberno de Vigo entre o 2007 e o 2011.Imaxino que eses catro anos darían para contar moitas cousas?
Pois si, para contar moitas e para calar moitas outras tamén.
O teu traballo neses catro anos mereceu eloxios de todo tipo de sectores. Hai unanimidade en cualificalo como brillante, pero de maneira un tanto estraña non se contou contigo para repetir. Por que?
Esa pregunta tería que contestala o alcalde. Eu supoño que deixou de considerarme cando se deu de conta de que eu non son unha persoa que se someta cando o que me piden non coincide co meu criterio.
Cobraches un soldo do Concello eses catro anos?
Non, non cobrei nada. Tiña dedicación exclusiva pero sen soldo.
A educación foi importante para o goberno de Abel Caballero?
Non, non o foi, como non o é para case ningún goberno. De cara á galería si que é importante pero en realidade adoita ser a irmá pobre de todas as administracións.
Foron catro anos difíciles?
Foron catro anos moi difíciles e moi interesantes á vez. Foron malos porque soportei en soidade todo tipo de presións e non me deixaron traballar con liberdade.
E foron moi interesantes porque aprendín moito do funcionamento interno do concello, e traballei con un equipo de funcionarias e funcionarios marabillosos que me apoiaron, me axudaron e me permitiron volcarme na defensa do ensino regrado en non regrado.
De feito no libro, do que falaremos despois, agradeces o apoio dos funcionarios e funcionarias?
Si, porque o merecen en grao superlativo. Nunca me cansarei de dicilo.
Cales foron as principais liñas da túa actuación neses catro anos?
-Analizar os recursos cos que contabamos na concellería.
-Coñecer en profundidade os ámbitos de actuación na nosa cidade.
-Organizar todos os aspectos que puideran ser obxecto de actuación desde a Concellería de Educación.
-Executar o máximo e o mellor posible a través dun importante plan de traballo dirixido ás escolas públicas, concertadas e das escolas municipais de educación infantil, música, teatro, danza…
-Deixar un Plan de Traballo e os Programas a desenvolver para cando eu saíra.
Xa tiñas claro que unha vez rematado o primeiro mandato o teu paso polo goberno remataba?
Tíñao moi claro, si.
O traballo foi intenso?
Si, moi intenso. En Vigo hai arredor de 60 centros públicos de ensino infantil e primario, máis de 20 Institutos públicos e os centros concertados. Eu asistía a todos os centros públicos e municipais para coñecer os seus problemas e necesidades, falei con todos os equipos directivos dos centros para saber das súas demandas e incluso comín nos comedores escolares para ver como estaban e coñecer a calidade da comida. Desde a Concellería de educacion fixemos o mantemento dos centros públicos, arranxamos patios, comedores e bibliotecas escolares e desenvolvemos multitude de programas: Bibliotecas- campañas de animación a lectura; pintura – Arte na aula- exposicións e traballos artísticos nos centros; Idiomas- Aulas internacionais- inmersión lingüistica en Inglaterra e Irlanda; Música tradicional e folk nas aulas; Xornadas de teatro escolar, Hortos escolares, Vigo por dentro …
Tamén tiveches que te ocupar do ensino non regrado?
Si, claro. Atender as escolas municipais de música, teatro, artes e oficios…
No caso da escola de Artes e Oficios houbo que pelexar arreo para que non se pechara, verdade?
Pois si. Esta escola estaba moi pouco dotada e moi mal coidada. A escola como sabes é un regalo de García Barbón á cidade. O alcalde quixo pechala xunto coa Escola de Música Tradicional e Folk (ETRAD), pero non puido pechar ningunha das dúas polo elevado grao de contestación social xerada por esta nova que incluso chegou a saír na prensa.
Creo que o teu traballo, chegándote a enfrontar ao alcalde incluso, foi decisivo para que non se pecharan as escolas e foi recoñecido de maneira moi bonita polos alumnos e profesores?
Non sei se foi decisivo. O que si é verdade é que me impliquei moito para que non se pecharan. E si, recoñecéronmo de maneira moi emotiva.
Como?
Cando marchei déronme un concerto sorpresa a modo de homenaxe. Estaban todos os músicos de Son de Seu, o profesorado e alumnado.
Cando se acaba o mandato como te comunican que non continúas?
O alcalde chámame e ofreceme ir no posto 16 das listas. Eu estaba no 6 e pasaría ao 16. Naquel momento tiñamos 9 actas , xa que logo era un posto de imposible saída. Eu dixen que non e tamén lle dixen que era consciente de que a el a educación non lle importaba moito.
Parece que fuches unha persoa incómoda para o alcalde?
E tanto que si. Teño constancia de que en distintos eventos e actos públicos nos que estaba eu, a prensa recibía indicacións para que non me sacasen nas fotos.
Miña nai, pero iso máis que dun home serio parece propio dun adolescente?
En fin. Só che podo dicir que eu nunca me sometín. E houbo multitude de episodios desagradables ao longo dos catro anos.
Por exemplo?
Pois por exemplo as visitas do pedagogo Álvaro Marchesi ou do ministro Ángel Gabilondo a falar de educación ás que eu, concelleira de educación non fun convidada
Caramba. E non fuches claro?
Por suposto que fun. E presenteime en ambos actos e iso que nun dos actos do ministro nin me deixaron entrar na aula de tecnoloxía que visitaba.
Xubilácheste no 2007, cando entras no goberno. Rematas a túa etapa política no 2011 , pero a túa vocación por aprender non acaba e segues a estudar?
Si, anos antes, estando en activo, fixen a licenciatura en psicopedagoxía e, xa xublilada, o doutoramento en comunicación.
E nese momento escribes o teu libro “Ciudades educadoras y creativas”?
Si, é parte da tese doutoral adaptada en formato libro.
No subtítulo fas referencia á misión das administracións locais na difusión da educación e a cultura. Cal debe de ser esa misión?
Debe de ser dupla:
-O mantemento dos centros educativos públicos en condicións óptimas.
-Participar en todo o que se refire aos programas educativos externos e internos, tanto dos centros de ensino regrado como dos de ensino non regrado( Escolas de música, danza, teatro, idiomas…) e das escolas infantís municipais.
En Vigo a administración municipal cumpre adecuadamente esas responsabilidades?
Non, actualmente non. O traballo da administración en relación á educación é manifestamente mellorable. Todos os programas educativos que eu fixera desapareceron e unicamente permanece o Mantemento dos centros educativos de infantil e primaria, o Programa de inmersión lingüistica en inglés coas viaxes a Inglaterra e están a recuperar o Programa “Vigo por dentro”.
No libro fas unha visión global de como debe de estar estruturada unha adecuada administración educativa, e logo céntraste na cidade de Vigo, verdade?
Si, fago unha síntese do que foi o noso proxecto e programa educativo no meu paso pola concellería e logo desenvolvo en particular o que deberían ser a futuro cinco programas:1. As actuacións nos campos de Música e Artes Escénicas, 2. Programa para a creación de máis Bibliotecas públicas, 3. Programa para utilización educativa dos Museos da cidade, 4.Programa para Atención a Persoas con Discapacidade no ámbito educativo, 5. Programa con distintos proxectos complementarios para o ensino regrado.
Como financiaches a edición do libro?
Coa axuda do Consello Social da Universidade de Vigo.
Se alguén está interesado en adquirilo como debe de facer?
Contactar comigo e, se dispoño de exemplares, eu regálollo. O libro non está á venda. Escribino, non para gañar cartos, senón para deixar plasmada a miña visión de como debe ser a relación entre a administración municipal e a xestión das responsabilidades da Concellería de Educación. Este traballo, creo eu, podería ser de moita utilidade para calquera concelleiro ou concelleira de educación, de calquera localidade, que teña clara a importancia capital de proporcionar unha educación de calidade ás xeracións futuras. Precisaría as partidas orzamentarias para executalo, claro, porque se non as ten, nada pode facer.
A que te dedicas agora Laura?
A aprender, a seguir aprendendo todo o que poida todo o tempo que poida. A lectura de literatura, cine e conferencias e ao seguimento da política a través dos medios de comunicación.
Rematamos esta longa e moi agradable conversa con tres preguntas sobre o PSdeG
Ten arranxo o PSdeG a curto prazo?
Non, ao meu xuízo a curto prazo non. O PSdeG precisa unha catarse e comezar de 0 cun proxecto galego autónomo. É a única maneira na que poderá volver a ser unha forza con opcións reais de gobernar.
A solución Besteiro non a ves óptima?
Eu non a vexo. O tempo o dirá.
En Vigo o PSdeG actual está construído sobre o híperliderado de Abel Caballero. Este tipo de construcións cando desapareza o hiperlíder adoitan acabar moi mal. Por unha pura cuestión biolóxica a Abel Caballero non lle queda moito tempo na primeira liña política. Cando remate a súa etapa que vai pasar no PSdeG local?
Non pinta ben a cousa, non. Pero eu teño a esperanza de que se poida construír algo serio, sólido e solvente liderado por alguén realmente bo, que saiba meterse dentro dos problemas reais da cidade e da cidadanía.