FOANPAS e a defensa do ensino público

Foanpas
Á esquerda, Sheila , da directiva de FOANPAS e á dereita Iria,presidenta da federación

Con máis de 3 décadas de actividade ininterrompida, FOANPAS( federación olívica de asociacións de nais e pais) desenvolve un labor moi importante na defensa dun ensino público digno, dotado dos recursos necesarios e suficientes, e na denuncia das numerosas carencias que sofre. Nós achegámonos ata o seu local de San Roque para coñecelos mellor e conversamos con Iria, a actual presidenta da Federación.

Iría Salvande, presidenta.

Para o goberno de Vigo a educación non é nin moito menos a súa prioridade”

Que é FOANPAS?

É a federación e nais e pais do Concello de Vigo e da súa contorna. Temos algunha asociación de localidades veciñas como Mos e O Porriño. Calquera anpa que estea interesada en federarse ten as portas abertas.

Que actividade ten FOANPAS?

Reivindicamos a solución das distintas necesidades das ANPAS a axudámolas nas relacións que teñen co Concello e coa Consellería. A actividade é moita e moi variada, por exemplo eu salientaría a xestión dos comedores, só no Concello de Vigo 24, por outra banda tamén temos unha comisión para as necesidades especiais que funciona moi ben desde hai moitos anos, unha comisión de igualdade e convivencia…en definitiva tratamos de dar visibilidade aos problemas que poidan ter as crianzas na súa etapa escolar para atoparlles solucións.

Cantos coles hai na vosa área de influencia?

84

Canto tempo de vida ten a Federación?

33 anos, foi fundada por un grupo de nais e pais que tiveron a lucidez necesaria para se decatar de que unha ANPA soa non é nada pero todas xuntas son imparables.

Ti cando e por que entraches na presidencia ?

Eu levo catro anos de presidenta, entrei por casualidade. Despois dun accidente de tráfico comecei a implicarme máis na ANPA do cole da miña filla e na vida diaria de federación. E cando tocaba renovar órganos falaron comigo por se me interesaba a presidencia.

Cales son os principais problemas que afectan aos coles da contorna de Vigo?

-As instalacións que en moitos casos están obsoletas e a consellería elude a súa responsabilidade de mantelas en bo estado.

-A falta de persoal de apoio.

-A escaseza de fondos debido aos recortes que a Consellería leva adiante

-As deficiencias no servizo de limpeza.

-A pelexa entre o Concello e a Consellería por ver quen ten que facerse cargo de resolver os problemas.

E quen ten que facerse cargo?

Depende, ás veces unha administración ás veces outra. Por exemplo agora o concello acaba de privatizar o servizo de conserxes e se antes era malo, agora vai ser peor

Os problemas da secundaria son os mesmos que os da primaria?

Nesta etapa hai outras peculiaridades entre as que destacaría a masificación de aulas, a falta de orientadores, os nenos veñen de primaria con apoios educativos e chegan a secundaria e xa non os teñen, e a notoria escaseza de recursos.

Sobre as bolsas comedor cal é a túa opinión?

Pois que a xestión do Concello é moi deficiente. A escola comeza en setembro e o Concello quítaas varios meses máis tarde co que hai moitas familias que non poden levar aos seus fillos ao comedor porque non poden pagar o que custa. De feito este curso quitounas en decembro. Onde comen as crianzas entre setembro e decembro?, como concilian as familias?

Fixestes dúas manifestacións, verdade?

Si, en outubro e en xaneiro. Ambas cunha asistencia multitudinaria.

A primeira conselleira de educación goberno de Abel Caballero, Laura López Atrio, manifestou nas nosas páxinas que para o alcalde da nosa cidade a educación carece de importancia. Estás de acordo con esa percepción?

Eu creo que para o goberno municipal a educación non é nin moito menos a súa prioridade. O estado dos coles de Vigo é manifestamente mellorable e todos os anos queda parte do orzamento sen executar, e deses fondos nada se destina á educación, polo tanto a conclusión parece evidente.

E sobre a axuda de 200€ que pensas?

A axudas teñen que ser para quen as necesite, non discrecionais con independencia de que o perceptor da axuda teña unha situación económica desafogada.

Unha familia do Concello de Vigo que teña escasos recursos económicos ten problemas para educar aos seus fillos e fillas?

Para asistir á escola non debera ter ningún problema .É certo que se necesitan a bolsa comedor o pasan mal ata que chega. Co plan Madruga tamén pode haber problemas, porque non está todo subvencionado polo concello e non ten gasto 0.E no que atinxe ás actividades extra escolares algunhas custan moito, outras pouco, pero aínda que sexa pouca cantidade algo hai que pagar e para bastantes familias ese pouco é moito.

E unha familia que teña os fillos ou as fillas con algunha discapacidade ten dificultades?

Si, si que os ten, e con esta consellería moitos máis, porque esta consellería non aposta nin pola inclusión, nin por dotar de recursos suficientes para facilitar as cousas ás persoas con capacidades diferentes. Fíxate a modo de exemplo podemos dicir que só hai 10 apoios específicos en toda a contorna para as crianzas que os necesitan.

Cal é a situación do idioma galego nos centros escolares de Vigo?

É moi difícil, en realidade é mala pois as políticas da Xunta propician a españolización do ensino, e en Vigo ese fenómeno dáse de maneira moi acusada. Hai moitas crianzas que chegan ao colexio falando galego, por exemplo a miña, e acaban por pasarse ao español.

Que relación tendes coas distintas forzas políticas do Concello de Vigo?

Boa coas tres, algo máis difícil co PSOE porque é quen goberna e porque non lles gusta cando non lles bailamos a auga, pero en liñas xerais, ben.

Cales serían as liñas de traballo a desenvolver de maneira inmediata para FOANPAS nos centros de traballo da contorna de Vigo?

-Apostar pola inclusión efectiva nas aulas

-Dar os apoios que necesitan os centros escolares,cando os piden en ningún caso é por capricho, fano por necesidade.

-Ter menos número de alumnos por aula.

-Aumentar notablemente os recursos. Hai unha carencia media de dous profesores e profesoras por centro.

-Traballar en mellorar a situación da saúde mental das crianzas, un tema moi preocupante nestes momentos. En Vigo tivemos un número moi elevado de crianzas con pensamentos e incluso con intentos suicidas.

Percibes algunha diferenza no trato que se lle dá aos colexios do casco urbano sobre o que reciben os das zonas rurais?

Si, si que as hai. A consellería coida máis aos colexios do centro cós das parroquias e zonas rurais. Pero o que é evidente é que esta consellería aposta polo ensino concertado máis que polo ensino público, o que se ve de maneira moi clara nas partidas de cartos que destinan á concertada.

Cal é a túa opinión ao respecto da política da Consellería sobre que as escolas infantís que non teñan un mínimo de 6 alumnos e alumnas?

Ben, eu creo que é un exemplo máis de que esta Consellería non aposta nin polo ensino público nin por dotar de servizos ás aldeas.