G.Figueiredo e Tino Lago
Na anterior edición da nosa publicación falabamos do estado lamentable das instalacións deportivas municipais. Conversabamos con varias persoas do comité do Concello que coincidían en que esa situación non era casualidade, senón froito dunha decisión consciente de deixar morrer non só as instalacións deportivas senón tamén calquera servizo público da nosa cidade, para proceder á súa posterior privatización. Hoxe queremos centrar a nosa atención nas instalacións do antigo parque zoolóxico da Madroa, aberto en 1971 e hoxe denominado VigoNature, e volvemos conversar con 4 sindicalistas do concello.
Juan Carlos da CIG, Pancho de UGT, Enrique de CCOO e Marcos de CCOO
Na actualidade prestan os seus servizos nesta instalación 12 coidadores, 1 director de réxime interior, 2 técnicos( 1 veterinario e 1 conservador), 1 praza sen cubrir de técnico en educación,1 encargado das instalacións ,1 que fai funcións administrativas e 1 capataz. Todos os traballadores e traballadoras son persoal laboral menos o posto de conservador que é para un funcionario .En liñas xerais o persoal leva moitos anos traballando no parque, algúns toda unha vida.
O nome actual do antigo zoolóxico é “ VigoNature”, pero legalmente é un zoolóxico. Mentres teñan animais salvaxes á exposición pública estamos ante un zoo. Pódese agochar como se queira agochar: con nomes bonitos ou con flores de moitas cores, pero a realidade legal é que na Madroa hai un zoo.
As dúas partes do recinto.
Vigo Nature ten unha parte pública e unha parte privada: O reptilario. O recinto no que están os réptiles xa está privatizado e xa que logo é atendido por persoal externo aos propios traballadores do parque.
Que animais atenden os traballadores municipais?
Xa non quedan moitos. Son os burros, os suricatas, un oso que leva moito tempo no parque, lémures, as aves rapaces….Os tempos dos grandes felinos seica xa pasaron á historia. Os últimos en desaparecer foron unha parella de tigres que morreron en estrañas circunstancias. O tigre macho tiña unha enfermidade renal, pero estaba medicado e controlado, e a femia estaba perfectamente. Non tiñan idade para morrer nin patoloxías potencialmente mortais, pero apareceron mortos de maneira simultánea e completamente inesperada.
Como morreron os tigres?
Na necropsia preliminar apareceron restos de veleno para caracois, substancia que no zoo non se usa. O acceso ao informe definitivo da necropsia está prohibido, algo que resulta enormemente sospeitoso, aínda máis cando se constata que iso non é o habitual, pois non adoita haber problemas para acceder aos informes de necropsias, incluso para estar presentes na realización das necropsias. Foron envelenados os tigres? Non o sabemos, nin o afirmamos nin o negamos, pero os indicios apuntan a que si.
Seica existía intención de trasladar a esa parella de tigres, traslado que sería bastante custoso. Foi ese o motivo da morte dos felinos?.Non o sabemos. O que si parece evidente é que existe a intención de desfacerse dos animais.
Estanse traendo animais novos?
Si, pero só para a parte de xestión privada, para o recinto dos réptiles que é o que xa non xestionan os traballadores municipais. Hai unha factura de marzo que amosa que o concello ten mercado animais para a parte de réptiles. Porén para o que é o espazo público, todo son trabas e problemas. A intención parece a habitual desta administración municipal: deixar morrer ao público para que non quede outra alternativa que proceder á súa privatización.
Por que se privatizou o espazo dos réptiles?
Este espazo privatizouse porque lle petou a administración. Non hai outra razón diferente. Os traballadores municipais están dispostos a adquirir a formación necesaria para atender todo que se precise, formación que nunca se lles dispensou e que en moitas ocasións asumiron eles mesmos pagándoa dos seus propios petos. Ás veces as propias traballadora e traballadores teñen que facer funcións impropias que incluso sufragan eles mesmos.
Pode o Concello desfacerse do parque?
Non parece verosímil pois os terreos son propiedade da CM de Teis, que xa lle gañou un xuízo ao Concello no que se ditaminou que no momento en que se deixasen os animais os terreos tería que pasar a mans da Comunidade de Montes.
Seguen existindo as visitas escolares?
Varias xeracións de vigueses e viguesas fomos, cando eramos cativos, visitar o parque zoolóxico cos nosos colexios. Na actualidade as visitas se seguen desenvolvendo, pero xa non son atendidas polos traballadores e traballadoras municipais,senón que a súa xestión tamén se privatizou. Un exemplo máis do que é deixar esmorecer un servizo público para que pase a ser explotado por mans privadas.
Hai maltrato animal na actualidade?
Segundo os membros do comité de persoal:Non, non o hai, de ningunha maneira. O que pode haber é un mundo de problemas para que o persoal poida realizar adecuadamente as súas funcións, e , xa que logo, os animais non estean o suficientemente ben atendidos que puideran estar. De feito aos traballadores se lles suprimiu a quenda de tarde, que é exercida por unha empresa de mantemento. O persoal da empresa mantemento carece dos coñecementos necesarios e da posibilidade de entrar nos recintos. Tanto é así que recentemente un desgraciado accidente fixo que un animal morrera electrocutado e non se lle puidera rescatar. Aquí parece que hai dous problemas graves:1) Unha intención privatizadora do servizo.2) Dirixir o parque con criterios puramente económicos, non técnicos, o que desde logo supón un prexuízo tanto para a situación dos traballadores como para a obtención do adecuado benestar dos animais que alí viven. Como é posible que só haxa un veterinario? Como é posible que non se contrate a un substituto cando esta persoa está de vacacións ou colle unha baixa?, veterinario por certo que vive en Marín e que ten que vir desde alí cando hai unha urxencia. Como é posible que os técnicos só traballen polas mañás?, Como é posible que recursos humanos non cubra as baixas?…A mala xestión é evidente, e as consecuencias afectan tanto aos traballadores e traballadoras como aos animais.
Ten futuro o parque como servizo público?
É difícil de saber pero todos os indicios levan a concluír que absolutamente todo vai acabar por ser privatizado, e que os traballadores van ser destinados a realizar outras funcións nos xardíns e distintos espazos naturais do Concello. Probablemente o espazo dos réptiles se manteña, pois como antes mencionamos se perden todos os animais o Concello tería que devolver os terreos á CM de Teis, pero o espazo que agora aínda é de xestión pública posiblemente sexa, xa privatizado, reducido a unha especie de parque temático deses ostentosos que tanto lle gustan a Abel Caballero, pero que na realidade serven para moi pouco, ou para nada.
