Rubén é o voceiro da Marea de Vigo, supoño que novamente será o seu candidato á alcaldía , é o responsable estatal de municipalismo de Izquierda Unida e é un vello amigo desta casa co que novamente foi un pracer conversar da actualidade política local, galega e estatal.
“ O secuestro varios meses da cidade de Vigo non é lexítimo. E dígoo con total rotundidade por moito que os palmeiros do alcalde me insulten pola rúa”
Onte , 1 de decembro, volvía eu a Vigo de traballar e tardei 40 minutos en cruzar a avenida de Madrid, desde o seminario ata a praza de España. Por que?
A min pasoume algo parecido. Onte tardei 50 minutos en chegar desde Teis ao centro da cidade. O debate que na nosa cidade ten que resolverse é o modelo de implantación turística que queremos ter. É evidentemente que existe unha marca Vigo asociada ao nadal que antes non existía que, entre outras cousas, provoca que haxa unha taxa aceptable de ocupación de hoteis. Pero, ese modelo de turismo de masas en todas as grandes cidades europeas, agás en Madrid onde goberna un alcalde pouco menos que descerebrado, está desbotado. Eu pateo moito a cidade e trato de empaparme das súas necesidades e problemas. Estes días os comercios de Príncipe tiñan moi pouca afluencia de visitantes. O noso alcalde minte dicindo que todo é superlativo.
E non o é?
Non, claro que non. Nós queremos un turismo de calidade no que non só se prime a cantidade de persoas que poidan tomar unha caña nun local do centro, senón que haxa unha oferta múltiple , de calidade, en moitas zonas da cidade para que quen veña: tome unha caña, coma, compre nas nosas tendas e comercios , pasee, coñeza os distintos currunchos de Vigo e que permita harmonizar a súa visita coa vida cotiá dos vigueses e viguesas.
As luces de Nadal son o problema?
Non exactamente. As luces supoñen un gasto aproximado de 800.000€ en cada exercicio pero o Nadal de Vigo vai rondar os 3.000.000 de € de gasto. Entre unha e outra cantidade hai moito para moitos, entre os que están medios de comunicación de Vigo que reciben moito para falar do Nadal de Vigo.
Xa, pero unha vez que se opta por un camiño consistente en atraer masas de xente para campañas concretas haberá que darlle difusión publicitaria, non?
Si, pero que sentido ten que a maior parte de recursos económicos sexan para medios de comunicacións locais?.Os vigueses xa sabemos que é o Nadal de Vigo. Se se quere publicitar con rigor habería que facelo en medios de comunicación doutras localidades.
Que sentido ten entón?
Comprar a presencia de Abel Caballero nos medios. E iso é unha indecencia política que debera estar prohibida. O Nadal de Vigo é completamente amoral. Nadal si por suposto, pero sostible que prime o turismo sobre o excursionismo e que teña unha oferta cultural diversa en todas as zonas de Vigo. Beade tamén é Vigo.
Nos últimos días saíu á luz unha plataforma de residentes na zona centro de Vigo que se queixan de graves molestias nas súa vida diaria como consecuencia da forma na que o goberno local optou por celebrar o Nadal. Tivestes algún contacto con eles?
Si, desde o primeiro momento. Tamén estiven nalgunha das súas vivendas un sábado pola noite
De que zona estamos falando?
Da praza de Compostela e a súa contorna, Rosalía de Castro , Casco vello…. Como che dixen eu estiven nalgunha das súas residencias e era como estar nun “after” ás 6,00 da mañá. Ata altas horas da noite prolónganse situacións que fan imposible a vida con normalidade para moitos veciños e veciñas do centro de Vigo. Desde logo o secuestro varios meses dunha parte da cidade de Vigo nós entendemos que non é lexítimo. E dígoo con total rotundidade por moito que os palmeiros de Abel Caballero me insulten pola rúa.
Non me digas que recibes insultos pola rúa como consecuencia da túa actividade política?
Pois recíboos con moita frecuencia, incluso estando de paseo coa miña filla pequena. A violencia verbal de Abel Caballero nos plenos trasládase a unha serie de descerebrados que andan pola rúa.
Sobre o nivel de execución orzamentaria do goberno municipal cal é a túa opinión?
Ese é un problema común a todos os concellos pois os procesos de licitación son cada vez máis complicados. A diferencia está que nos concellos nos que goberna Izquierda Unida recoñécese e explícase pero en Vigo méntese. En Vigo todo é escuro.
En relación á estrada que queren facer nas parroquias de Beade,Bembrive, Matamá , Castrelos, e que xerou un moi importante malestar veciñal ,en que fase estamos?
Estamos na fase de espera a que nos contesten ás alegacións emitidas. Toda a oposición en conxunto reclamamos respostas ás máis de 4.000 alegacións contra a construción desa estrada. Entendemos que moitas desas alegacións están ben fundamentadas para que repensen o proxecto.
Na cidade de Vigo hai pobres?
Non é só iso, que tamén, senón que desde a pandemia a pobreza está comezando a facerse crónica en xente que ten nómina. Temos un 24% de pobreza na nosa cidade.
A administración municipal, dentro do seu ámbito de competencia, fai o necesario para combater as altas taxas de pobreza?
Non. O que Caballero di que é gasto social non é gasto social. O gasto social é todo ese gasto que unha administración ten que asumir para evitar a exclusión social e a pobreza e nós estamos moi por debaixo dos 100€ por habitante. Vigo está entre os 65/70 € e outras cidades como por exemplo Lugo están nos 90 ou Coruña nos 114€ por habitante.
Como valoras a situación dos dous sectores que sempre foron prioritarios na cidade de Vigo: O naval e o automóbil?
O naval está nun bo momento de contratacións, o emprego é porén moi baixo porque o desmantelamento que viviu o sector nos últimos anos fai que non haxa persoal suficiente. A situación do automóbil é ao meu xuízo máis preocupante. A precarización que está a vivir ese sector roza niveis estratosféricos. A min preocúpanme modelos como por exemplo o de Ilunion, preocúpanme moito as permanentes ameazas de PSA, e quero felicitar á CUT polo recente laudo que lles daba a razón no que se refire a como se desenvolveu o recente proceso de eleccións sindicais
A empresa non vai cumprir ese laudo e recórreo ao xulgado do social. Agardemos que non caia
Eu espero que non caia claro, pero no peor dos casos iso xa foi unha vitoria simbólica da CUT incontestable e eu doulle os meus máis sinceros parabéns. Por outra parte aproveito a túa pregunta sobre o emprego en Vigo para expresar o meu desexo de que un goberno supostamente progresista debera de realizar unha importante oferta de emprego público.
Ben, falemos dos inminentes procesos electorais. O primeiro é o municipal: Marea de Vigo vaise presentar coa mesma fórmula?
A Marea de Vigo como espazo de reflexión municipalista existe e vai seguir existindo. Pero nós estamos traballando nunha fórmula que faga visibles ás distintas partes .É dicir , a nosa idea e xuntar na mesma candidatura a toda a esquerda do PSOE que non sexa nacionalismo. Esa sempre foi a vontade da Marea de Vigo.
Ti es responsable estatal de municipalismo de Izquierda Unida e quero preguntarche por dúas localidades que me interesan especialmente: Cangas e Mos.
Que vai pasar coa esquerda en Cangas?
Se lle entregamos a alcaldía ao PP por non ser capaces de chegar a un acordo municipal seriamos uns irresponsables. Nós temos que pór todos os mecanismos para facer un proxecto político crible, ACE foi un proxecto político crible. Eu creo que é posible chegar a un acordo político de mínimos.
Cres que é posible volver casar ao Marianismo, con Esquerda Unida, Avante e de ser o caso tamén con Podemos Cangas?
Si, eu creo que é posible. A posición de Avante é un pouco máis difícil de resolver, dependerá do que decida a súa asemblea, pero co resto de forzas que mencionas eu creo que si. O que nos une é máis importante que o que nos separa. Mira por exemplo Ponteareas que chegamos a un acordo Esquerda Unida e Podemos para irmos xuntos nas municipais. Se mo din hai catro anos alucinaría.
E en Mos tedes pensado facer algo en conxunto cunha suposta candidatura de Podemos que , de finalmente presentarse, vai encabezar unha persoa que este mandato practicou o transfugismo político?
Non. Esquerda Unida apoia sen fisuras a GañaMos. Eu xa lle dixen a Podemos que non deberan avalar o transfugismo que, aínda por riba, fai soporte dun goberno do PP.
E o espazo autonómico como o ves?
Eu como militante de Esquerda Unida entendo que debemos de traballar na candidatura unitaria da esquerda en Galicia. E teño moi claro que sen nós no parlamento non é posible o cambio político en Galicia. Hai un segmento de poboación que non quere votar nin ao PSdeG nin ao BNG ao que temos que darlle resposta.
Rematamos falando do estado. É tan importante o ministerio de Igualdade para a dereita que dirixe toneladas de metralla contra a súa titular?, ou o que importa realmente á dereita política, mediática ,económica e, de ser o caso,tamén xudicial é socavar a Unidas Podemos para que baixe do 10% dos votos e en consecuencia facer imposible a repetición dun goberno progresista?
Evidentemente romper a Unidas Podemos, para facilitar a vitoria electoral da dereita, é en realidade o obxectivo de toda esta ofensiva que se dirixe contra a ministra de igualdade. Nós somos conscientes de que o goberno progresista só se poderá repetir se Unidas Podemos aguanta. Como o PSOE apele ao voto útil, algo que de momento non fai, estarase suicidando. E poderiamos chegar á hipótese terrible, nada descartable, de que no próximo goberno teñamos un ministro de traballo de Vox. A responsabilidade de Podemos e de IU non é mandarse recados na prensa.
Xa, pero entón o que está a facer Pablo Iglesias, de dispararlle publicamente a Yolanda Díaz paréceme suicida. Se o que poida representar a actual ministra de traballo, e o que represente Podemos chegan fracturados ás eleccións non vai ser posible evitar un goberno PP+VOX?
Eu prefiro non opinar sobre o que fai Pablo Iglesias porque realmente para min é un xornalista.