Rafael Pérez Castro delegado da CIG en Barreras despedido polo estaleiro despois de 23 anos de servizos

Delegado CIG Barreras

A situación do sector naval na ría de Vigo é enormemente preocupante. A nosa comarca non se pode entender sen o naval, non sería o que é sen un sector tan importante na historia da bisbarra viguesa. Os dous estaleiros privados máis importantes de todo o estado son vigueses, o segundo, Vulcano, está case morto. E o primeiro, Barreras, atravesa unha situación enormemente delicada e non é en absoluto descartable, de feito é probable, que siga o mesmo camiño que a factoría de Teis. Barreras é agora mesmo propiedade do grupo Ritz-Carlton e a súa actitude na xestión parece apuntar que non teñen ningún interese na continuidade da actividade empresarial na centenaria empresa viguesa. Semella que o están deixando morrer por inanición sen facer nada para evitar a súa morte, máis ben dando pequenos pasos para aos poucos conducir á empresa ao concurso de acredores.

Rafa é delegado da CIG no estaleiro. El leva 23 anos traballando en Barreras, máis da metade da súa vida, ten 45 anos, sen unha soa mancha na súa folla de servizos, sen unha soa sanción previa, sen unha soa amoestación anterior en 23 anos. Porén o pasado 2 de xullo foi sometido a despedimento disciplinario de maneira fulminante de xeito inexplicable. Nós falamos con el. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Estou seguro de que a propiedade do estaleiro non ten ningún interese en proseguir coa actividade, e o meu despedimento é un chanzo máis na súa intención de desfacerse de Barreras”

Cantos anos levas traballando en Barreras?

23 anos e medio

Fagamos un pouco de memoria. Como chegaches a entrar a traballar no estaleiro?

Entrei en 1.998. Daquela Barreras era aínda unha empresa pública. E naquel momento fixeron unha convocatoria que tiña por obxecto rexuvenecer o persoal. Arredor de 70 persoas marchaban por xubilación e despois de superar unha especie de oposición entramos máis ou menos o mesmo número. Presentámonos moitos aspirantes, se non lembro mal sobre 1.200

Debeu ser aos poucos de entrares cando se privatizou o estaleiro verdade?

Si, eu creo que foi ese mesmo ano, despois da vitoria electoral de Jose María Aznar. De feito non fomos os únicos que privatizou

Unha vez privatizada a factoría Pucho Viñas foi o seu director durante moitos anos. Que recordas ti da época de Viñas como máximo responsable da empresa?

Foron tempos bastante bos, primeiro porque cando nos privatizaron déronnos carga de traballo para varios anos e, por outra parte porque Pucho Viñas, tería moitos defectos pero era un magnífico comercial .A captación de clientes dábaselle moi ben

Cando e por que se produciu a saída de Pucho Viñas?

Non recordo exactamente o ano, creo que foi no 2.010, pero foi motivada pola crise do tax lease que como sabes levounos ao concurso de acredores. Naquel momento ante a imposibilidade de contratar, Barreras queda nunha situación moi delicada, porque Pucho, como che dixen antes, era moi bo comercial pero semella que xestionar non se lle daba tan ben. Tamén teño que dicir que era un home moi traballador. Eu teño chegado ás 7 da mañá á empresa e xa estar el alí traballando.

Ben, sae Pucho e entran Pemex e García Costas?

Si. García Costas xa era un accionista moi importante do estaleiro pero no momento en que na famosa operación de Feijóo con Pemex os mexicanos fanse co 51% das accións, non sei como, chegan á conclusión de nomear a García Costas máximo responsable da empresa

Como valoras a xestión de García Costas?

El tiña un paquete de accións pero non era o dono de Barreras. El era o propietario de varias empresas auxiliares que traballaban para Barreras. E, ao meu xuízo, a súa política estivo orientada a que as súas empresas gañasen cartos non a procurar a solvencia económica do estaleiro. Moitas das compras, que podería ter feito directamente Barreras, facíanse a través de empresas do grupo Costas

Entón parece, insisto parece, que se pode dicir que a xestión de García Costas ao fronte do estaleiro foi como pouco neglixente?

Para min si.

Agora mesmo Barreras está nunha situación de enorme dificultade. A súa nova propiedade é a dun grupo empresarial que son os armadores do barco que estades rematando en Santander. Eu lembro ter falado contigo o ano pasado e non tiñas claro se accedían á propiedade coa intención de apostar en serio pola construción naval ou se o facían porque non lles quedaba máis remedio para poder rematar o seu barco e logo irse coa música a outra parte. Agora mesmo cal é a túa opinión ao respecto?

Por desgraza creo que se confirman os peores temores. Penso que o que queren é rematar o seu barco e marchar. Na negociación do ERTE actual vimos as contas do 2.020 e resulta que a compra da empresa é unha compra “virtual”, fixéronse coa factoría sen pagar un €.E agora mesmo din que fan falta 50 millóns de € para rematar o barco. A verdade eu teño serías dúbidas de que se remate.

A nova dirección que trae a actual propiedade ten idea do que é a construción naval?

Agás dous ingleses que si teñen algo de idea, un xa non está, o resto non tiñan ni idea do sector

Hai algún indicio sólido que vos leve a considerar que a intención da propiedade non é apostar pola construción naval?

Hai moitos, pero cando o presidente que nomea a nova propiedade , Douglas Prothero,( xa destituído pola consultoría á que á propiedade lle deu poderes de xestión) sae publicamente a dicir que non é capaz de rematar o barco aquí, penso que é máis ca un indicio

Ben, semella que a situación xeral do estaleiro é moi complicada. Falemos do teu caso persoal. Levas 23 anos na empresa e es delegado sindical da CIG verdade?

Si, son membro do comité

Que distribución aritmética ten o comité?

6 UXT, 2 CCOO e eu son único da CIG

Cantos anos levas afiliado á CIG?

Sobre 20 anos

Nestes 23 anos como traballador tiveches algún tipo de sanción ou advertencia da empresa por facer mal o teu traballo ou por manter algún tipo de conducta neglixente?

Non, nunca xamais

Nalgunha ocasión a túa actividade sindical, nestes 20 anos, orixinou algún tipo de problema ou queixa por parte da empresa?

Non, nunca xamais

Entón que é o que supostamente fixeches para que sexas sometido a un despedimento disciplinario de hoxe para mañá?

A verdade quedei abraiado. Foi unha sorpresa brutal. Como che dixen antes nós estamos seguros de que a propiedade de Barreras non quere saber nada da construción naval e o meu despedimento é un chanzo máis na súa intención de desfacerse da empresa. Fíxate a persoa que o asina, Aguilera, xa non está na empresa. El asina o meu despido e marcha. Que lle importa se xa non está?

Como foron os feitos?

O día 27 de maio a CIG fai unha ocupación simbólica dentro de Barreras. Entra na explanada coloca unhas faixas e fai unha pequena concentración. Eu estou traballando e sobre as 12,15 da mañá un compañeiro dime “ hai xente da CIG na entrada”

Ti eras coñecedor de que se ía producir esa acción sindical en Barreras?

Non, eu non sabía nada. Cando fun avisado de que estaban na factoría fun un momento ata alí a ver que pasaba

Moito tempo?

Entre 1 e 2 minutos. Vin que estaba o SC da CIG e el mesmo dime que me vaia pois o que estaban facendo eles non tiña nada que ver comigo. Volvo ao meu posto de traballo de contado. Ás 13,00 tiña unha reunión. Ás 12,55 diríxome á xuntanza que tiña cun dos responsables de persoal e ao pasar por onde estaban as persoas da CIG pregúntanme con quen poden falar para trasladarlle a opinión da CIG sobre que facer con Barreras e para coñecer as intencións de Barreras, e eu dígolles que a máxima autoridade que se encontra nese momento na empresa é o señor Aguilera. Iso foi todo, respondín ao que me preguntaron e fun á xuntanza que tiña co responsable de persoal

Iso foi todo?

Si.

E como se desenvolveron os acontecementos posteriores?

Un mes máis tarde chámanme para unha xuntanza e danme un aviso dunha sanción no que formulan dúas supostas faltas moi graves: o abandono do meu posto de traballo( falso radicalmente falso) e que colei a 4 persoas da CIG no edificio principal de Barreras( igualmente falso, absolutamente falso).Eu aleguei contra ambas falsidades e inicio as miñas vacacións. O día 2 de xullo convócanme a unha reunión, era un venres eu estaba de vacación e fóra de Vigo, e respondo que a partir do luns o que queiran cando queiran. Pero non tiven que agardar ao luns, ese mesmo venres xa me envían un correo electrónico comunicándome o meu despedimento.

Despídenche estando de vacacións?

Si, de feito eu estou aínda de vacacións ata o 23 de agosto. Eu estou cotizando. Estarei en situación do desemprego o 24 de agosto

E non intentaches falar con algún responsable?

Si claro, tanto eu como o meu sindicato. Pero non fomos atendidos

Pero ata que non se resolva o xuízo , e que a sentenza sexa firme, ti seguirás sendo membro do comité de empresa, aínda que esteas en desemprego por despedimento desde o 24 de agosto?

Si, ata que non haxa sentenza firme eu sigo sendo membro do comité mentres dure o noso mandato.

Que reacción encontraches nos teus compañeiros de Barreras?

En xeral boa, expresáronme apoio e solidariedade?

E en particular?

A xente que ten que ver coa CIG e COOO moi ben. As que teñen que ver con UGT todo o contrario

Non me digas

Tal cal cho digo. A parte maioritaria do comité, UGT, é máis empresa que a propia empresa, especialmente o señor Gálvez, presidente do comité. Non podo dicir que UXT tivera algo que ver no meu despedimento porque non o sei, pero que non fixeron nada, pero nada en absoluto por evitalo, seguro

Algún compañeiro de UXT expresouche o seu apoio?

Só 1.

Ti cres que na negociación do ERTE actual, se UXT esixira a túa readmisión como condición para asinalo, ti estarías dentro?

Estou seguro.

A vosa posición é contraria ao ERTE por que?

Nós non compartimos un ERTE a tan longo prazo sen un plan de viabilidade que asegure o futuro da empresa. Por outra parte entendemos que o barco que temos debemos rematalo nós e non hai motivo para levalo a outro sitio. Nós propuxemos que o ERTE fose de 3 meses e que ao final estiveramos todos traballando no barco.

As vosas expectativas futuras?

Non son nada boas. Nós cremos que por desgraza antes que acabe este ERTE( é dun ano), entramos en lei concursal

Os 23 millóns que anunciou o presidente Feijóo non cambian algo a cousa?

Eses cartos, aínda que os anunciara Feijóo, veñen de Madrid, e non, non cambian nada. É un diñeiro finalista para pagar débedas que ten Barreras coas auxiliares. Está moi ben para quen o cobre claro, pero son cartos que parchean problemas pasados pero que non serven en absoluto para o futuro.

O SMAC telo o 18.Ti cres que a empresa vaise presentar?

Non o sei, pero penso que non

E se, como parece, vas a xuízo que che din os avogados da CIG?

Dinme que o despedimento non vai a ningún sitio. Pero que cando entras nun proceso xudicial nunca sabes como vai rematar.

Rematamos Rafa, que tal eses ánimos e os da túa familia?

Hai días mellores e días peores. Non é nada fácil