A saúde do BNG na comarca de Vigo

Manolo Caride BNG

A pouco máis dun ano para que afrontemos un novo proceso de eleccións municipais quixemos coñecer polo miúdo a saúde do nacionalismo na nosa comarca. Así pois conversamos co responsable comarcal do BNG de Vigo , Manuel Caride, con quen analizamos pormenorizadamente como está o bloque en cada un dos 8 concellos que abrangue a comarca de Vigo para esta organización política. En sucesivas edicións faremos o mesmo nas distintas comarcas da nosa área de influencia

Manuel Caride responsable comarcal de Vigo

A saúde do BNG na nosa comarca é moi boa a afiliación non para de crecer , as perspectivas de medre non se estancan, e temos a convicción de que nas municipais do ano próximo estaremos a un nivel como nunca na nosa historia”

Canto tempo levas como responsable comarcal?

Este é o meu 4º mandato. Estiven 3 ordinarios e 1 que, polas circunstancias políticas, foi moi breve, de arredor dun ano

Xa levas bastantes anos nunha responsabilidade difícil. Non estás canso?

Todas as responsabilidades teñen o seu nivel de dificultade, pero o compromiso que quen a asuma teña é o que vai marcar o ánimo con que a afronte. E eu estou absolutamente comprometido co proxecto do BNG. Non, non estou canso. Estou moi ilusionado e agradecido aos compañeiros e compañeiras pola súa confianza.

En todos estes anos cales foron os momentos políticos máis amargos?

Coincidiron cos momentos máis complicados que pasou o BNG. Cando perdemos a representación no concello de Vigo e cando nos auguraban que incluso poderiamos desaparecer do parlamento galego. Algo que afortunadamente non aconteceu

E os máis doces?

Eu levo arredor de 30 anos militando no BNG. E se boto a vista atrás podo falar de moitos instantes de felicidade, pero quixera salientar dous; cando acadamos a alcaldía de Vigo e cando con Ana Pontón ao fronte asumimos o liderado da oposición no parlamento galego.

A comarca de Vigo na vosa organización interna abrangue 8 concellos. Quero que me digas como está a súa saúde en liñas xerais e logo pasarei a preguntarche concello a concello

A saúde da nosa comarca é en liñas xerais boa. Nos dous últimos anos incrementamos un 30% a nosa afiliación. Un termómetro, creo eu, relevante do estado das cousas. A tendencia ascendente non dá síntomas de estancamento e asemade algo que me produce unha enorme alegría é que bastantes desas persoas son mozos e mozas.

Ben imos entón a analizar as distintas localidades

MOS

Como está a saúde do BNG de Mos?

Con toda a humildade creo que se pode dicir que Gustavo Barcia lidera a oposición do Concello de Mos. A organización non para de crecer e a cohesión e fortaleza interna que amosan, unido ao gran traballo político no concello e nas rúas de Mos vainos converter na auténtica alternativa ao nefasto goberno que padece ese concello.

Que o BNG de Mos vai ter unha suba moi importante non o cuestiona ninguén nos camiños de Mos. Pero poderán darse as circunstancias necesarias para que o PP perda a maioría absoluta?

Eu confío en que haxa unha maioría de veciños e veciñas que perciban que pode haber unha alternativa ao goberno que representa o PP de Mos. Son consciente tamén da dificultade que supón os comportamentos censurables de parte da oposición, con 4 procesos de transfuguismo nos dous últimos mandatos. Pero Mos precisa un cambio e o BNG está en disposición e con vontade de lideralo.

Todo indica que GañaMos non se vai volver presentar. Eles acadaron dous concelleiros. Ese votante, que no seu momento confiou nesa plataforma, pode sentirse cerca do proxecto do BNG?

O BNG é un proxecto serio e rigoroso que non se move en función de conxunturas. Sempre vai estar aí na defensa do interese do pobo galego en xeral e das súas clases populares en particular. Eu pido a ese segmento de votantes, polo que me preguntas, que nos dean un voto de confianza. Nós nin lles imos deixar tirados a metade de mandato, nin imos ir o concello a sacarnos a foto. Imos ir defender os seus intereses.

REDONDELA

Segues considerando acertada a decisión tomada tres anos atrás de non entrardes no goberno de Redondela?

Esa pregunta é máis adecuado, creo eu, que a respondan os e as compañeiras de Redondela. Eu, con toda humildade e desde fóra, considéroa acertadísima. Nin moitas das decisións tomadas ata o momento, nin a actitude política do goberno de Redondela fan adecuada a nosa presenza alí

A saúde do BNG desa vila como a ves?

A verdade é para sentirse moi orgulloso da súa militancia. En todos os conflitos da localidade: AP9, Aucosa, Bacharelato de artes…a militancia do bloque sempre, sen excepción, está en primeira liña

No caso de GañaMos está claro que non se van volver presentar. No que respecta a AER o seu futuro non semella fácil de albiscar. Cal é a túa opinión?

Prefiro non valorar as circunstancias de outras formacións políticas. Carezo de información ao respecto

As perspectivas para o 23 como as ves ?

Eu estou seguro que a referencia da oposición no concello é o BNG. Agardo qua haxa unha importante porcentaxe de veciños que sexan capaces de velo e nos fagan merecedores da súa confianza. Imos ter unha suba moi relevante.

FORNELOS DE MONTES

Valora o goberno do PSOE en Fornelos?

Ao meu xuízo ten riscos moi semellantes aos gobernos autoritarios e caciquís do PP. En realidade distínguese moi pouco

Algún exemplo dese suposto autoritarismo?

Cada vez que o BNG leva algunha moción a pleno é votada sistematicamente en contra polo goberno municipal

O BNG leva un voto moi estable nese concello. Sempre ten máis ou menos o mesmo número de votos que lle dan para unha acta pero non logrades subir. Por que?

Fornelos é un concello moi pequeno no que todo o mundo se coñece. O voto poderiamos dicir que case se traballa casa por casa e contra ese modus operandi é moi difícil loitar. É un concello moi complicado e o traballo da nosa concelleira Mila Casal, total e absolutamente voluntario, ten un mérito xigantesco.

PAZOS DE BORBÉN

Cando se vai arranxar a situación do nacionalismo en Pazos?

A única formación nacionalista que hai en Pazos é o BNG

Xa, pero nese concello hai unha formación, AV, que parte dos seus membros, incluído o seu cabeza de lista, proceden do BNG e que recibe unha parte de voto nacionalista. Por que non se trata de amañar esa anomalía?

Eu non vin, por parte de alternativa, ningún intento de arranxalo. Por outra parte cando o seu cabeza de lista marchou do BNG o seu comportamento tampouco foi moi correcto pois non entregou a acta á formación política pola que foi elixido

Como valoras o traballo do portavoz local Xurxo Pardo?

Non o teñen fácil, pois ao estar fóra da corporación é complicado facer política. Pero están facendo un traballo moi importante de contacto directo coa veciñanza e confío en que obteña resultados moi pronto.

Nas autonómicas do 2.020 o BNG tivo en Pazos un resultado espectacular con máis do 25% dos votos. Que fai falta para que ese caudal de electores, que non teñen medo de votar bloque, poida facelo tamén nas municipais?

Non son procesos que se poidan extrapolar. Cada un ten as súas propias dinámicas. Desde logo a nosa teima está en atinar coas nosas propostas para podermos conectar sempre con esa parte do electorado que, nestas autonómicas que mencionas, nos deu a súa confianza

GONDOMAR

Que lle pasa .a vosa concelleira que seica non pode facer preguntas nos plenos?

Eu creo que o alcalde deste concello ten certos tics autoritarios e non sabe gardar as formas. Este tipo de abusos levan a situacións censurables. A nosa compañeira Manuela é vítima en moitas ocasións desa clase de actitudes

Que tipo de oposición fai Manuela?

Manuela lidera claramente a oposición de Gondomar. É máis, eu creo que se pode dicir que Manuela é a oposición de Gondomar. Non hai ningunha outra formación política co nivel de actividade que ten o BNG, nin co grao de implicación nos movementos sociais e no tecido asociativo que temos nós

Ides facer algún intento de achega a Antonio Arauxo e a Manifesto Miñor?

Nós imos tratar de facer o mellor traballo político posible para tratar de responder ás expectativas dos e das votantes de Manifesto Miñor, e que se poidan interesar no BNG.

Que perspectivas temos para o 23?

Eu confío nun moi importante ascenso de apoios

NIGRÁN

Nas municipais do 2019 perdestes a representación que tiñades neste concello e quedastes fóra. Por que?

Non só a perdemos nós. A maioría hiperabsoluta que conseguiu o partido socialista afectou a todas as forzas que nos movemos á súa esquerda. Quero dicir ao respecto deste resultado dúas cousas:- Creo que foi inxusto pois Xavier no anterior mandato fixera un moi bo traballo-E recoñezo que foi un golpe duro

Como está a saúde do BNG de Nigrán agora mesmo?

Pois fíxate, desde o punto de vista organizativo nunca estivo tan ben. A afiliación aumentou moito, a motivación é elevadísima e o clima de traballo é excelente. Agora tócanos facelo ben para conseguir trasladar á sociedade o noso traballo.

A maioría absoluta do PSOE é incontestable, pois ten 13 de 17.Hai oco para poderse facer sitio?

Desde logo que si .É certo que o alcalde unha persoa moi amable e de moi bo trato. Pero iso só non abonda. A súa xestión é manifestamente mellorable

Cales son as perspectivas para o 23?

Recuperar a confianza de quen nalgún outro momento confiou en nós, e volver a entrar na corporación

BAIONA

A entrada do BNG no goberno de Baiona como a valoras?

Eu coñezo moi ben, e valoro de forma moi positiva, o traballo dos compañeiros no goberno de Baiona. Malia que non é un traballo fácil. Estamos nun tripartito e levamos unhas áreas, como por exemplo participación cidadá, cuxa xestión vese seriamente afectada pola pandemia

Baiona é unha vila tradicionalmente de dereitas, na que o PP ten gañado moi claramente. Este é un dos concellos que está en risco de ser recuperado pola dereita?

Haberá que agardar o veredicto das urnas, pero coincido contigo en que esta é unha vila complexa cun prognóstico difícil. Hai unha forza independente que, como nós, ten dúas actas e non se sabe moi ben o que pasará con ese espazo.

Cales son as perspectivas realistas do BNG de Baiona?

Nas municipais quitamos algo máis de 700 votos e nas autonómicas pasamos dos 1.200.Agardo que o traballo da nosa xente , tanto na corporación como nas rúas, sexa merecedor da confianza para podérmonos achegar a boa parte deses votantes que no proceso autonómico confiaron en nós e poidamos non só en Baiona senón en todo o Val Miñor, aos poucos , construír unha situación análoga á que temos no Baixo Miño.

En Baiona, unha terra tan conservadora, tamén crecedes en afiliación?

Si, xa che digo que se crece en todos os sitios

VIGO

E na cidade máis importante da comarca e nunha das máis importantes do país, como estades?

Se as condicións políticas xerais da comarca son difíciles as de Vigo son extraordinariamente complexas .E Xabier ten moito mérito pois partindo de 0 conseguiu situar e facer visible o BNG na corporación e fóra dela tamén.

Non debe de ser fácil facer oposición estando contra unha maioría inmensamente absoluta como ten o PSOE en Vigo, e contra un perfil tan peculiar como o do seu alcalde?

No claro, non o é. Pero nós non facemos oposición por facer oposición senón que achegamos propostas sempre en positivo. Outra cousa á que non nolas atendan nunca, porque falar co goberno de Vigo é como falar cun valado. Nunca escoitan.

O alcalde de Vigo fai caso omiso sempre da opinión dos demais?

Á vista está que é así. O alcalde é un ególatra autoritario que nunca atende opinións alleas

As perspectivas realistas cara ao 2023?

Acabo esta sesión de prognósticos apostando se cadra coa maior rotundidade da que son capaz porque aquí imos ter un medre moi relevante.