
Tino Lago
Desde os 7 anos , que aprendín, ata os 26, que faleceu o meu pai, fun un obsesivo practicante deste xogo. El e eu xogabamos centos ou se cadra milleiros de partidas,e pasabamos unha morea de horas tratando de resolver os problemas que aparecían daquela, non sei agora, nas seccións de xadrez dos distintos xornais. As circunstancias dunha vida profesional frenética que case impide ter un mínimo de tempo para o lecer, ou para calquera outro aspecto da vida persoal ,separáronme dos taboleiros, como cando un océano separa da súa familia a alguén que se ve obrigado a migrar para poder gañar a vida. Hoxe, 25 anos despois, a casualidade nos termos tan bonitos que describía Julio Cortazar déume a posibilidade de reenganchar a miña historia de amor cos taboleiros de xadrez, e non puiden evitar falar co meu vello amigo Roberto, director do xadrez galego
Roberto Paramos director do club vigués “ Xadrez Galego”
“Traballamos con 20 concellos da contorna, pero por desgraza non co de Vigo, pois malia térmolo intentado en múltiples ocasións eles non queren colaborar con nós”
“ A práctica do xadrez achega múltiples beneficios persoais aos xogadores e xogadoras”
Cando e por que naceu xadrez Galego?
Naceu no ano 2001 porque había xogadores do xadrez que aspiraban a ter un punto de encontro para poder xogar, aprender, e mellorar o xogo.
Roberto, como caíches no mundo do xadrez e porque dedicaches a túa vida profesional a isto?
Eu comecei dando clases extraescolares de xadrez no Colexio Marcote. Daquela xa era campión galego de xadrez, dúas veces na categoría cadete e dúas en xuvenil. Foi no ano 1990 cando constituímos a Escola Internacional de Xadrez Kaspárov- Marcote. Aquí tiña 18 anos e desde este momento a miña vida profesional foi sempre no mundo do xadrez. Combinaba a miña faceta de xogador, coa de adestrador do grupo de mozos talentos da escola Marcote e dirixente Da Escola Internacional Marcote Kaspárov da man de Kaspárov. Daquela quedei segundo no Campionato de España de Xadrez no ano 1992.
E contra quen perdiches, lémbraste?
O campión de España foi Óscar de La Riva, non cheguei a xogar directamente contra el. Eramos 100 xogadores e quedei a medio punto de poder desafialo para ser campión.
Como chegas a fundar este club?
No Marcote seguín unha segunda etapa con Paco Vallejo, un dos mellores xogador da historia no xadrez, leva 15 anos como Top 50 mundial. Convidámolo a traballar con nós aos 11 anos e con 18 convertémolo en campión do mundo. É de Menorca e vive en Mallorca.
Isto para min foi moi importante, eu xa era mestre internacional, no ano 93 pasei a competir a nivel nacional e internacional. Co Marcote fomos Campións de Clubs de España. Era candidato a grande mestre entre os 900 do mundo, sacrifiquei isto para quedar aquí, montar unha familia e seguir coa docencia do xadrez, foi cando no ano 2001, apoiado polos amigos e a familia, montei unha S.L. Nesta sede abrimos as portas na Rúa Reiseñor 15.
Como comezaches a funcionar estes anos?
Comezamos a traballar nos centros educativos entre semana e as fins de semana nas asociacións de veciños de 18 barrios de Vigo. Comezamos a escribir algúns libros, xa temos 11 na nosa editorial, sobre a ensinanza do xadrez de cero a grande mestre. O ano pasado fixemos un proxecto “ Xadrez e convivir” no CIFP Manuel Antonio do Meixueiro polo que nos deron un premio de innovación educativa.
Cantas persoas formades parte do xadrez galego?
Aquí traballamos 6 persoas.
E cantos alumnos ou socios tedes?
O club ten 150 membros dos cales 100 están na escola. Logo por fóra chegamos a máis de 250 entidades por toda a Provincia, tamén estamos fortes en internet a través de clases online. Chegamos a máis de 3000 novos xadrecistas dos que seguen activas unhas 800 persoas.
Entón chegades a estas 3000 persoas ao longo destes 21 anos a través de tres vías, esta sede, internet e o Club Lucena. Que é o Club Lucena?
É unha entidade de Vigo, con sede aquí, que comezou recollendo os froitos das escolas. Na actualidade é o club máis grande de Galicia e conta con 20 equipos de competición.
Que hai que facer para ser socio de xadrez galego?
Hai que pagar unha cota mensual.
De que importe?
De 21.€, esta é a cota máxima que che da acceso ás 50 horas semanais, que está aberta a sede.
Supoño que teredes apoio do Concello
O Concello de Vigo considera, a través do seu concelleiro de deportes, que o xadrez non é un deporte, que é como o parchís e non queren firmar ningún convenio de colaboración con nós
Vaia. Pero vós intentástelo?
Levamos 20 anos intentándoo. Somos a organización de xadrez máis forte de Galicia, e probablemente a de España, temos 48 xogadores dos que 33 son mulleres. Somos o grupo feminino máis grande de España. Pedímoslle ao alcalde unha sede oficial, que se implante en Vigo un proxecto de xadrez nas escolas E FOI TODO REXEITADO. Non traballamos co concello de Vigo pero si con 20 concellos da contorna coma Redondela, Porriño, Mos, Gondomar, Moaña…
Antes mencionaches a cota máxima. Cal é a mínima?
Os nenos que veñen un día a semana pagan 9€ ao mes.
Que horario de atención tedes na sede?
Estamos abertos de luns a sábado. De 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 21:00 horas. E ofertamos 24 horas ao mes de xadrez online para xogar, adestrar ou acceder a nosa aula virtual de balde. Podedes xogar ao xadrez a través de web lichess.org.
E si quere vir alguén que non sabe nin como se colocan as pezas no taboleiro ensinádeslle, pode vir aprender desde cero?
Temos unha invitación para estas persoas que dura 10 días para que veñan probar dúas ou tres veces cos nosos técnicos. O problema e que este espazo quedouse pequeno, temos 150 prazas e levamos 770 invitacións para poder probar. Temos unha lista de espera pero a esta xente ofrecémoslle unha serie de ferramentas gratuítas para que poidan desenvolverse nos libros de texto que temos á venda por 10€ en Amazon.
Estamos intentando cambiar de sede pero a inversión económica é importante e a falta de apoios na cidade fixo que o noso equipo tivera que disolverse e os nosos xogadores marcharan a outras cidades galegas. A colaboración do concello sería moi importante para mudar esta situación.
Un xogador de xadrez Roberto, nace ou pode facerse?
Eu escribín 11 libros de xadrez de máis de 200 páxinas cada un para explicar isto. Hai que comezar a xogar a partir dos 6,7,8 ou 9 anos e, despois dunha preparación técnica de 10, 12 anos, e se compites e analizas as túas partidas, calquera persoa pode chegar a ser un grande mestre de xadrez.
En Galicia agora mesmo hai tres grandes mestres e un foi alumno noso, naceu aquí nestas paredes froito do xadrez galego de Vigo, Manuel Pena. Está traballando como monitor de xadrez en Hong Kong.
Cal foi o xogador máis brillante co que te encontraches nestes anos?
Roi Reinaldo de Nigrán, Manuel Pena e Alex López.
Que beneficios aporta a un ser humano a práctica do deporte do xadrez?
Capacidades e habilidades como concentración, memoria metodoloxía matemática, cálculo, resolución de problemas e creatividade.
A nivel de valores axuda ao respecto, solidariedade, igualdade.
A nivel técnico na educación ten un potencial ilimitado, imos publicar agora a noso último libro sobre isto “Xadrez nas escolas”.
Reportaxe dedicada á miña amiga Ela , porque grazas á súa compañía puiden ilusionarme de novo coa práctica deste marabilloso xogo.