O comité anti Otan de de Vigo

Manolo Garrido, portavoz do Comité Anti-OTAN de Vigo

No contexto político da recente xuntanza da Otan, na que os USA obrigan a todos os países membros a destinar un 5% do seu PIB a mercar armas, e o seu presidente ameaza a España con estrangular a súa economía, pois parece ser ser o único estado que manifestou a súa oposición, pareceunos apropiado conversar co comité anti Otan de Vigo, para lembrar a súa opinión ao respecto desta organización militar, que xa nos anos 90 do século pasado foi cualificada polo académico británico Peter Gowan como “ A organización máis perigosa do mundo”.

Manolo González Garrido, membro do comité anti Otan de Vigo

A forma máis segura de acadar a seguridade e a paz e saír da Otan”

Fagamos un pouco de memoria:Cando naceu o comité?

En febreiro de 1981.Nacemos ao abeiro da polémica referente ao “ Otan de entrada no”, que era a posición inicial do partido socialista ao respecto deste asunto, posición que logo mudou ao Otan si, e que facilitou que agora esteamos dentro. Quen nos axudou a darlle pulo ao comité foi Fernando Sagaceta

Deputado Canario, verdade?

Si, e un orador impresionante, de feito o seu alcume era “ O predicador”.Tiña unha enorme influencia nas illas Canarias, tanto é así que este foi un dos poucos territorios do estado nos que gañou o non á Otan.

En que outras zonas gañou o non?

Alén de Canarias; Euskadi, Navarra e Catalunya. Ben, e no caso do noso país en Ponteareas tamén gañou o non, o que tivo moito mérito sen dúbida.

Cando se celebrou aquel referendo( 1986) eu era un rapaz de 16 anos, pero lembro que a vitoria do si foi absolutamente inesperada, polo menos no meu contexto, e que a desolación que produciu aquel resultado foi terrible.

É verdade, si. Eu tamén o lembro. Pero a campaña polo si que fixo Felipe González, presentando a dicotomía de ou si ou o caos, foi tan abafadora que a moita xente lle entrou medo e votou condicionada por ese medo.

Eu creo que no PSOE, desde Suresnes, nunca deixou de haber unha parte do partido que parece que traballa contra o propio partido, para favorecer os intereses da dereita, non te parece?

É evidente que é así. E están liderados polos que gañaron ese congreso de Suresnes. Lembra que unha das súas primeiras medidas foi eliminar o marxismo dos presupostos teóricos do partido. Esa parte do PSOE nunca deixou de existir, e sempre se manifesta nos momentos de especial tensión política de maneira favorable ás teses do PP.

É PSOE dos GAL que agora asina manifestos pedindo eleccións igual que pide o PP, Vox ou a conferencia episcopal.

O comité anti Otan de Vigo tivo unha actividade relevante ata o referendo do 86 e logo para. Por que?

Pola falta dun partido comunista que tivera a paz como un dos eixos de acción política na defensa dos intereses da clase obreira.

Cando retomastes á actividade?

Despois da reunión da OTAN en Madrid no ano 2022 cando deciden que a guerra global é o seu plan estratéxico de actuación.

Todos os conflitos armados que asolan ao mundo son parte da mesma estratexia de guerra global?

Ao meu xuízo, si.

A agresión de Israel a Irán foi consensuada cos EEUU?

Israel ten arredor de 22.000 quilómetros cadrados de superficie e Irán ten aproximadamente 1,5 millóns. En Israel viven sobre 10 millóns de persoas e en Irán máis de 90 millóns. É absolutamente imposible que Israel se lance a ese conflito bélico, que non ten posibilidade de gañar, sen o apoio dos americanos. De feito os propios americanos participaron despois no bombardeo ao estado iraniano.

Israel é unha creación do imperialismo occidental e non fai outra cousa que servir aos seus intereses.

Compartes aquel pensamento de Gramsci de “ O vello mundo morre, o novo non dá nacido, e no medio xorden os monstros”?

Si, claro que o comparto. O vello mundo, que é o capitalismo, acabará por morrer indiscutiblemente. Non sabemos cando pero morrerá,non é viable de maneira permanente no tempo. Nese sentido considero especialmente interesante a visión de Augusto Zamora,ex embaixador de Nicaragua, que considera que arredor do ano 2050 os BRICS superarán económica e socialmente ao mundo occidental.

Para quen non o saiba: Que son os BRICS?

Son un intento de construír un mundo multipolar compartido e en equilibrio. Foi Chávez a cabeza pensante. Inicialmente son Brasil, Rusia,India, China e Surafrica. Agora incorporáronse 10 países máis.

Que opinas da petición/orde dos USA a Europa para destinar o 5% do seu PIB a gasto militar?

Se Europa tivera dirixentes decentes escoitaría menos a EEUU e máis a si mesma. O sensato é o razoable é construír un espazo compartido de seguridade europea que integrase a Rusia. EEUU é o país máis endebedado do planeta, non poden responder por todos os dólares que teñen impresos e circulando. E eles están intentando manter o imperio sexa como sexa.

Poderá resistir o estado español, como afirma o presidente Sánchez, sen subir ao 5%? ou non lle quedará outra que tragar?

Haberá que ver como evolucionen os acontecementos pero eu vexo difícil que poida aguantar. Será de maneira progresiva, pero será. As máis importantes empresas de fabricación de armamento do mundo son norteamericanas, xa que logo aos USA vaille interesar manter a guerra de maneira permanente.

O membros do comité tedes previsto continuar coas vosas actividades?

Si, claro que si. Na medida das nosas posibilidades continuaremos denunciando a actividade dunha organización enormemente perigosa para a paz mundial, que non é nada máis que un axente armado que protexe os intereses do imperialismo capitalista. Tratamos de concienciar á maior cantidade de xente posible de que saír da OTAN é a forma máis segura de acadar seguridade e paz.

O que si quixera dicir é que o movemento pola paz e contra a guerra debe de ser encabezada pola clase obreira, e boto de menos unha posición máis contundente do BNG ao respecto.

Acabamos Manolo:Como cres que rematará o conflito de Ucraína?

É moi difícil de saber. De momento non parece que vaia rematar. Supoño que terminará cando a OTAN queira que termine.

E a paz en Palestina para cando?

Cando desapareza o estado de Israel. Non vexo posible outra solución.