O secuestro do centro da cidade de Vigo

O secuestro do centro da cidade de Vigo
Tino Lago

Circular polo centro da nosa cidade é misión imposible case sempre, pero nestas datas nas que unha especie de delirio megalómano mergúllanos nun océano de vacuidade insubstancial, con moitas luces iso si, convértese nunha actividade perigosa para a saúde física, e letal para conservar un mínimo de equilibrio emocional.

E estou falando só das persoas que non vivimos na zona 0 da megalomanía, pero que ás veces non nos queda máis remedio que cruzar polo centro da nosa cidade para ir ás nosas casas, ao noso traballo ou para calquera outra circunstancia. Se nos cinguimos aos nosos veciños e veciñas que viven na contorna do epicentro da megalomanía: Praza de Compostela, Rosalía de Castro, García Barbón, Casco Vello …..non podo máis que sentir un océano de solidariedade, tenrura e empatía cara á sua situación, porque o disparate megalómano condénaos á non poder vivir con normalidade no que debe de ser o seu espazo íntimo e inviolable: os seus propios domicilios

Non sei o retorno económico que terán os 3.000.000 de € que se gasta o concello de Vigo no megalómano nadal da nosa cidade, nin a que segmentos de poboación beneficiará ese suposto retorno. Pero anque as cifras que espeta o moderno emperador de Vigo sexan certas, aínda que estiveran mil veces por debaixo da realidade, é ilexítimo, é inmoral facelo a costa de fastidiarlle a vida a unha parte dos nosos veciños e veciñas que:

-Non poden circular con normalidade a carón das súas casas

-Vense obrigados a soportar atascos estratosféricos

-Non poden sacar os seus propios coches en moitas ocasións

-Sofren riadas inmensas de persoas á beira das súas casas que impiden poder levar unha vida normal

-Vense sometidos a continuos ruídos que duplican, e incluso triplican os niveis máximos permitidos polo propio concello

-Vense condicionados a tomar as decisións sobre a súa vida cotiá en función das circunstancias que lles toque sufrir cada día

-Padecen olores nauseabundos

-Ven restrinxida notablemente a súa mobilidade todos e cada un dos veciños, pero no caso das persoas con algún tipo de dependencia a situación se volve estarrecedora

………..

E así hora tras hora, día tras día, todos e cada un dos días, tres meses cada ano. E así, de cada catro anos vividos un élles roubado a maior gloria do emperador de Vigo.

Paga a pena?

Desde logo que non. Toda a nosa solidariedade para os veciños e veciñas do centro de Vigo. Toda a nosa empatía para quen sofre calquera tipo de abuso e inxustiza, sempre.

Anque as nosas palabras sexan distintas

E ti negro e eu branco,

se temos semellantes as feridas

Como un irmán che falo……”

Celso Emilio Ferreiro.

Alba Novoa e Manuel Ramos voceira e voceiro da plataforma: Vecinos zona centro de Vigo

Só somos veciños e veciñas que nos organizamos para defendernos dun abuso que nos impide ter unha vida normal”

Entendo que ambos vivides na zona centro de Vigo?

Si, eu en Rosalía de Castro-di Alba- e eu en García Barbón -afirma Manuel-

Cando nace a plataforma?

Os primeiros pasos deunos unha veciña no ano 2019, cando lle espetan a noria na porta da súa casa. O ano pasado cando instalan as atraccións en Rosalía xa somos moitos e moitas os que comezamos a falar compartindo o noso malestar pola intolerable situación de non podermos ter unha vida normal. Este ano xa se sumou moita xente , e entre todas e todos decidimos que non abonda con manifestar o noso malestar, e é preciso pelexar para cambiar as cousas. Así naceu a plataforma, para poder defendernos do secuestro ao que estamos sometidos.

E tan angustiosa a vosa situación?

Estamos condenados a non poder ter unha vida normal durante case tres meses e a vivirmos durante ese tempo no medio do caos. Si, si que é angustiosa, ata o punto que non podemos movernos andando con normalidade.

Así de duro é¡: Non podedes movervos andando con normalidade a carón das vosas propias casas?

Si, é así de duro. As rúas están atafegadas de xente, os carrís de circulación cortados, cando saes da autoestrada podes tardar tranquilamente 40/ 45 minutos en chegar á túa casa( vivindo moi cerca como vivimos ), a xente, riadas de persoas, botase enriba dos coches, hai ruídos estridentes case permanentemente, olores nauseabundos con moita frecuencia, as fins de semana quitar o teu propio coche resulta misión imposible os taxis non chegan, as ambulancias xa están avisando de que poderían non chegar a tempo…..Que ocorra algunha traxedia é só cuestión do tempo

A plataforma ten algún tipo de adscrición política?, porque téñenvos acusado desde ser do PP ata ser do BNG

Desde logo que non a ten. Só somos veciños e veciñas que estamos a sufrir unha situación angustiosa e nos organizamos para defendernos. As afirmacións de que se somos dun ou doutro partido son absolutamente disparatadas.

As acusacións máis importantes son de que somos do PP, cando curiosamente ese partido nin está nin se lle espera. O BNG e a MAREA DE VIGO falaron con nós , interesáronse polos nosos problemas e tratan de axudarnos. O PP está desaparecido.

Entre nós nunca falamos de política e as simpatías ou antipatías políticas que poidan ter, ou non ter, as persoas da plataforma impórtannos nada, nada en absoluto

Supoño que se a situación é difícil para todos e todos , para as persoas maiores será case unha tortura?

Para a xente maior, para as familias con bebés e para as persoas con dependencia a situación é insostible. A miña nai, recentemente falecida, -di Manuel- o ano pasado estivo tres meses secuestrada, saíu o primeiro día e cando viu o panorama xa se volveu para casa e non puido saír ata finais de xaneiro

Canto tempo dura isto?

Arredor de tres meses. Desde que comezan a cortarnos os accesos ata que desmontan todo pasan tres meses.

Tres meses en catro anos é un ano enteiro das vosas vidas¡

É terrible, pero é verdade: un ano enteiro das nosas vidas( de momento) foinos literalmente roubado.

É todos os días?

Si, os 7 días da semana

A música é moi molesta?

Os días de semana soe soar 5 horas e as fins de semana bastante máis, comeza sobre as 12,30 da maña. Nin sequera respectan o momento da comida. Nós comemos a ritmo de cha cha cha.

Cando rematan as cancións?

Depende da zona, hai sitios en que arredor das 22,00 e nos que están postas as atraccións pois sobre a unha ou as dúas da mañá

Tedes feito algún tipo de audición?

Si, tanto en exterior como en interior. E podemos dicir que en exteriores duplica o propio límite para o ruído que establece a ordenanza do Concello.

Que receptividade encontrastes na veciñanza de Vigo Centro?

A día de hoxe 13/ 12 levamos 2.200 sinaturas de apoio. En xeral o sentimento que pulsamos pola rúa, agás excepcións moi puntuais, é de apoio total e absoluto. A vida na nosa área converteuse nun estrés constante, un día si e outro tamén.

Que accións tendes pensado desenvolver para protexer os vosos intereses?

De forma inmediata, antes de que remate o Nadal, a reclamación administrativa por vulneración de dereitos fundamentais.

Non é por desanimar pero a reclamación administrativa, ante o organismo que presuntamente incumpre as súas propias ordenanzas, non ten moita pinta de prosperar?

Sabémolo, pero é imprescindible. Non se pode facer doutro modo. E logo, se como parece cae en saco roto teremos que ir á vía xudicial. É surrealista pero probablemente nos vexamos na obriga de denunciar a quen ten a obriga de velar por que se cumpran as normas. Estas medidas que toma o Concello vulneran as normas que eles mesmos teñen emitido e se é necesario irmos ao xulgado iremos sen ningún tipo de dúbida

Pedistes algunha xuntanza co Concello?

Si, coas concellerías de festas e de medio ambiente

Fixéronvos caso?

Chamáronnos da concellería des festas para ver o que queriamos, nós dixémosllo, e desde ese día, o 29 de outubro, estamos á espera de que concreten o que nos dixeron

Que foi?

Xa lles chamaremos. Tamén fixemos 3 peticións de xuntanza co alcalde e igualmente nada. Por outra parte pediron no pleno o BNG e a MAREA distintos documentos como o plan de auto protección ou o de impacto acústico e seguen esperando

Á hora de buscar asesoramento xurídico, sobre impacto ambiental, acústico….. tivestes problemas?

Si, en grande medida tivemos que ir fóra de Vigo, porque na nosa cidade cando dis que é para reclamar ao concello moitos teñen medo e non se queren meter

Sentídesvos apoiados pola sociedade civil doutras zonas de Vigo?

Si, sen dúbida