
No lugar de Regueiros, na parroquia de Oleiros do concello de Salvaterra está Galipor. Eles son unha empresa de dedicada á reparación e mantemento de maquinaria industrial con 8 anos de idade, pero cuxos propietarios levan toda a vida nun sector que dominan, queren e ao que dedican o mellor de si mesmos para construír día a día unha empresa que aos poucos estase a converter en todo un referente na nosa comarca. Nós falamos con Cristina unha das socias propietarias da empresa.
Cristina Vieira
“ Galipor é a empresa da miña vida”
Cristina, canto tempo de vida ten Galipor?
Estivemos de aniversario hai pouco, cumprimos 8 anos no mes de xullo. Abrimos no ano 2014.
Onde estamos situados?
Na parroquia de Oleiros en Salvaterra de Miño.
Cales son os servizos que ofrece Galipor?
Reparamos maquinaria industrial dedicada á obra pública da marca alemá Liebherr.
O que vexo é que as máquinas que reparades son inmensas?
Pequenas non son, non. Soen ser de 60 toneladas as máis pequenas
E as máis grandes?
É unha 996 e pode chegar ás 120 toneladas.
E como traes iso tan grande para reparar aquí?
Iso non se trae, iso repárase no sitio.
Só repararedes máquinas desta marca alemá?
Podemos facer mantemento dalgunha outra máquina, pero de clientes fixos que veñen a través de Liebherr.
Entón non só centrades en reparar avarías, tamén facedes mantemento?
Exacto, facemos mantemento e reparación de maquinaria
Galipor é unha empresa que levades ti e outra persoa. Cóntame a vosa historia: De que sector procededes?
Do mesmo. traballabamos nunha empresa da Coruña que se dedicaba ao mesmo e coa mesma marca. Co tema da crise, pechou. Así decidimos montar nolos dous Galipor. Como eramos nós os que tiñamos os contactos dos clientes, decidimos montar a empresa. Trouxemos aos nosos compañeiros de traballo, non a todos, porque algúns se retiraron, pero decidimos manter o persoal.
E traballabades na Coruña?
Non, tiñamos unha base en Ourense.
Entón por que decidides montar Galipor aquí en Salvaterra?
Porque a maior parte dos clientes eran a zona de Porriño e arredores, así que decidimos establecernos nun sitio próximo onde estaba a maior parte dos nosos clientes. Daquela a parcela industrial en Porriño estaba carísima, atopamos esta nave aquí en Salvaterra e aquí estamos, aínda que agora xa empeza a facérsenos pequena.
Cantos empregados ten Galipor?
Somos 5 persoas en persoal, 3 empregados, dous son mecánicos e un soldador, e nós os socios.
O abanico de clientes que zona abarca?
Maiormente o sur de Galicia, estamos en toda Pontevedra e atendemos á central de Meirama. Temos clientes que están a facer a demolición da central térmica. Tamén temos algún cliente que está desprazado de fóra de Galicia, de Palencia, Zamora e do Norte de Portugal ata Braga.
Que tipo de formación especializada teñen que telas persoas que traballan aquí convosco?
Pois ata temos xente que vén doutros sectores, pero aquí, unha vez na empresa, implantamos cursos especializados que se van complementando co tempo.
Como valoras estes 8 anos de vida de Galipor?
En xeral a valoración é moi positiva aínda que isto vai por ciclos: temos tempadas nas que escasea o traballo e isto faise difícil porque as facturas hainas que pagar igual, e temos tempadas que estamos angustiados porque hai exceso de traballo e non damos abasto.
En que momento estades agora?
Afortunadamente estamos nun momento de moito traballo
A subida xeneralizada de prezos que estamos a ter neste momento da vida afectouvos a vós?
Si, claro, ao traballar cunha marca alemá dependemos das súas tarifas e a vida en Alemaña é máis cara que aquí, os prezos van cambiando semana a semana, sempre subindo entre un 2 ou 3% semanal e faise complicado. De momento a única subida que lle estamos repercutindo ao cliente é a do material, a man de obra e o resto estamos a mantela no mesmo prezo.
Cristina, ti tes dous fillos. Esta é unha empresa para o futuro?
Si, teño dous xemelgos.
Eu creo que si. Levo 19 anos neste sector e supoño que, aínda que me queda moito tempo, xubilareime aquí. Gústame este sector e xa me vén de familia, empecei na outra empresa polo meu pai e el tamén se xubilou no sector.
Longa vida a Galipor e que nos sigamos vendo durante moito tempo.
Moitas grazas. Esperemos que si .