A Nova Peneira Parroquia a Parroquia: Santa María de Areas (Ponteareas)

Santa María de Areas(Ponteareas)

Na nosa andaina por todas as parroquias dos 32 Concellos nos que ten presenza A Nova Peneira desta volta mergullámonos en Santa María de Areas, unha parroquia moderna e con moita historia á vez situada na entrada da vila de Ponteareas, de feito a vila toma o seu nome do topónimo que denomina á esta entidade de poboación. Areas ten un problema serio pois a N120 fende parroquia e alén da ferida emocional que supón o corte físico en dúas partes da terra na que un naceu, o perigo de ser atropelado é tan importante que xa houbo varias persoas que faleceron nesta estrada. Areas ten un tecido asociativo moi importante; vivo e dinámico que pelexa por manter a súa identidade e as súas tradicións e representa a modo de metonimia o que é o Concello de Ponteareas na actualidade: unha localidade que sufriu durante décadas os gobernos da peor das dereitas e que agora goza dun goberno digno que dá todo o que ten e máis para converter o seu concello nun lugar amable para vivir e que poida ofrecer oportunidades de desenvolver un proxecto vital persoal ás novas xeracións de mozos e mozas de Ponteareas.

Areas é unha parroquia do concello de Ponteareas, no condado Paradanta. Ten uns 1000 habitantes entre homes e mulleres e conta con 9 barrios distribuídos por toda a parroquia. Estes son, Agualevada, Alemparte, A Cruz, Ganade, A Gándara, A Lomba, O Picoto e San Brais.

Da súa historia podemos dicir que esta parroquia foi entregada á Igrexa de Compostela polo Rey Alfonso III entre os anos 893 e 899.

Do seu patrimonio, o que máis destaca é a Igrexa de Santa María de Areas que foi construída en 1878, para substituír á antiga igrexa que estaba situada en Ganade e, que debido á súa proximidade ao río Tea, sufría frecuentes inundacións. Nesta igrexa sobresae un retablo de pedra dedicada á Virxe das Dores e da Paixón do Señor, obra do Canteiro José Cerviño García.

Salientar tamén a capela de San Brais do Século XVII e a de Santa Lucía do Século XVIII.

O Pazo Boa Vista, agora transformado na Granxa Escola e o Pazo de Porto Barreiro, que pertenceu a familia dos Ponce de León. Este Pazo está catalogado como Patrimonio Galego. Está situado no barrio de A Gándara e foi construído entre os Séculos XVI e XVIII. Consta dunha edificación de planta rectangular con engadidos posteriores feita en pedra granítica de boa factura. Posúe dúas altura, con cuberta a catro augas.
O acceso ao pazo permite ver unha fachada principal cunha escalinata de pedra de cantería. Destaca nel tamén o escudo nobiliario da familia. Actualmente é unha residencia privada e non se pode visitar.

Para coñecer máis desta parroquia de Ponteareas atravesada practicamente na súa metade pola estrada Nacional 120, que deixa espallados aos seus veciños e veciñas por ámbolos lados da estrada, conversamos con Hortensia, secretaria da asociación Cultural da parroquia:

Hortensia Bautista, secretaria da Asociación Cultural de Areas.

Tensi, cales son os lugares máis bonitos que merece a pena visitar e coñecer da túa parroquia?

Areas ten tres capelas, dúas con devoción do Santo que son, Santa Lucía de Ganade e San Brais. Tamén hai unha capela que pertencía a unha casa solariega ou pazo que lle chaman a Capela da Pesqueira.

Logo está igrexa de Areas. Esta é a máis impoñente de todo o concello e foi construída a finais do século 18.

Hai diversas casas solariegas pola parroquia coma o Pazo de Porto Barreiro, xunto ao campo de fútbol, ou o que agora é a Granxa Escola, instituto de formación agraria, antes era o Pazo Boa Vista, este foi requisado na guerra civil por Franco.

Destacar o barrio de Ganade que, aínda que agora estea cheo de estradas, sempre foi o barrio máis apartado do centro de Areas. Ten o parque da Bouza Vella, extrema coa marxe dereita do río Tea e sempre tivo moita conexión tanto con Ponteareas como con Angoares. De feito, o nome de Ponteareas vén da unión de Ponte, en referencia á ponte romana, tamén coñecida coma Ponte dos Remedios, e Areas, nome desta parroquia. Areas foi a sede do Arciprestado de Ribadetea, isto vén dunha delimitación eclesiástica antiga.

Cales son os principais problemas e necesidades que tedes aí en Areas?

O noso maior hándicap ou problema é que Areas é atravesada á metade pola Nacional 120 e isto provoca moitísimo tráfico. De feito, chegouse a chamar o matadoiro de Areas polos veciños e veciñas da parroquia que foron atropelados e moitos falecidos, ao tentar cruzar esta estrada. Non ten ao longo de todo o seu trazado pola parroquia nin un só paso peonil. Tanto a nivel de chan como paso elevado para poder transitar pola parroquia sen perigo. Problema que tamén ten o barrio veciño de Xinzo, e por isto no seu día houbo varias manifestacións polo que conseguimos que se limitará a velocidade. O reclamo que estamos a facer desde Areas como parroquia é que se humanice o tramo que vai desde Ponteareas a Xinzo, é unha necesidade para a convivencia da parroquia.

De feito, desde a casa cultural solicitamos ao concello que impedise o tráfico rodado nas dúas direccións por diante da casa cultural. O Google manda os coches cara á igrexa para ir a Guláns, ás veces pasan camións dunha envergadura tremenda.

Outro problema da parroquia foi a súa industrialización desordenada. Construíronse naves industriais aos dous lados da estrada, no seu día ilegais. Agora, co novo PXON, creo que quedan todas legalizadas, algunhas con actividades insalubres para a saúde dos nosos veciños e veciñas. Aquí existe o Polígono Industrial da Lomba pero este non tiña capacidade para asumir tanta industria. Aquí hai empresas moi potentes, cun gran peso económico para o concello. Consecuencia desta industrialización desordenada é que Areas non poida desenvolver a zona residencial que se merece, Areas podía ser unha das mellores zonas residenciais da entrada a Ponteareas, pero isto está moi complicado.

Como se porta o Goberno de Ponteareas coa parroquia?

Desde a Xunta Directiva non temos queixa, todo o que solicitamos para as actividades, concédesenos.

Si que temos carencias a nivel de infraestruturas. A casa cultural non ten ningún terreo adxacente para desenvolver ningún tipo de actividade fóra, por iso solicitamos o peche do vial que pasa por diante.

Como asociación cultural, cales son as principais actividades que desenvolvedes?

Organizamos cursos en colaboración coa Deputación Provincial e outros, de forma particular como asociación. Falamos de cursos como leterin, actividades en follato, risoterapia ou habilidades dixitais. Clases de pandeireta, de gaita e de percusión ou teatro.

Tamén temos unha programación cultural estable ao longo de todo o ano. Adoitamos facer de dúas a tres actividades culturais mensuais. Aquí hai obras de teatro, concertos de corais ou mesmo desfiles de traxes galegos, entre outras.

Tamén organizamos ou apoiamos actividades no verán con moito éxito. Este verán tivemos na parroquia a primeira edición da “Festa hortera”. Esta festa foi organizada polas mocidades de Areas coa que colaboramos en todo momento. Esperamos que poida seguir no tempo, pois tivo unha repercusión incrible.

O Rastrexo Nocturno de Areas tamén é moi importante. Antes da pandemia ía pola súa quinta edición. Despois do parón volveu facer outro, este Samaín, pero por causa do tempo xa non se puideron desenvolver a mesmas actividades, aínda así, participou moitísima xente. Esperamos que poida volver para os veráns, como sempre.

Tamén facemos a Festa das Cacharelas de San Xoán.

Contamos coa Coral de Santa María de Areas e co equipo de fútbol CD Cultural Areas, este chegou a ascender a Terceira División na temporada 2008-2009.

Non podo deixar de nomear tamén á Comunidade de Montes, que colabora moitísimo coas nosas actividades.

Como valoras a implicación dos veciños e veciñas de áreas coa asociación cultural?

Dos 1000 habitantes que ten Areas, 400 son socios da casa cultural. Temos bo apoio veciñal en canto a socios, pero botamos en falta que participen máis nas nosas actividades. Areas ten un enclave que está moi próximo a Ponteareas e a Porriño, coma tamén ao sur de Pontevedra. Agradecemos que toda esta xente apóienos e participe no que organizamos pero, queremos facer un chamamento aos nosos veciños e veciñas para que participen máis nas nosas actividades.