En xuño do ano pasado as obras que iniciaba o concello de Arbo nunha rúa próxima á casa de Sonia e Arbo, o matrimonio afectado, presuntamente desviaron unha veta de auga que foi parar ao domicilio deste matrimonio. Desde aquel momento, hai xa 10 meses, a auga entra de maneira permanente, todos e cada un dos días na casa desta familia. Hai uns meses iniciáronse unhas obras de drenaxe que parecía que solucionarían o problema, de feito durante uns días o volume de entrada de auga descendeu notablemente, pero lamentablemente só foi un espellismo e na casa de Sonia e Marco continúa a entrada diaria de cantidades moi importantes de auga. A día de hoxe non parecen existir expectativas razoables dunha solución a curto prazo, e Sonia e Marco manifestan estar desesperados pois o grave problema non só lle está a afectar seriamente ao seu domicilio senón tamén á súa saúde. Nós conversamos con Sonia.
Sonia Barca, afectada.
“No seu último informe o perito da compañía de seguros recomenda instalar unhas bombas de achique pois no caso contrario a auga vai seguir entrando na nosa casa toda a puta vida”
Fagamos memoria. Cando comezou todo?
O nove de xuño do 2023. Levamos 10 meses de pesadelo constante e ininterrompido.
E despois de terdes sofrido durante tanto tempo, de ter tratado de arranxalo problema de todas as formas e maneiras posibles, de tervos dirixido a todo aquel que vos quixera atender , agora mesmo, dez meses despois, seguimos igual?
Si. Nun principio, cando se orixinou o problema, a administración municipal non nos fixo nin caso, ninguén parecía querer escoitarnos nin asumir responsabilidades nun grave problema que afecta a nosa vida diaria , que nós non creamos pero que si sufrimos, día tras día, todos e cada un dos días. Cando a presión social comezou a ser notable, cando a vaga de solidariedade dos nosos veciños e veciñas comezou a se espallar por todo o concello, cando o BNG nos brindou a súa axuda levando ao parlamento o noso problema , cando comezou a saír na prensa , pois foi nese momento cando si pareceu que nos facían caso e semellaba que se ía solucionar o asunto. Pero por desgraza non foi así.
Cóntanos por que parecía que se ía solucionar o problema, e por que finalmente non foi así?
Non lembro exactamente a data, pero hai uns meses, pode ser a finais do ano pasado ou a principios deste, fixeron unha drenaxe que presuntamente ía acabar co problema. E nun principio parecía que así podería ser pois o volume de auga que entraba na nosa casa diminuíu, tamén é certo que coincidiu cuns días nos que fixo moi bo tempo, pero pronto comprobamos que non era máis que un espellismo pois a auga que asolaga a nosa casa volveu nas mesmas cantidades que antes da drenaxe.
Entón, en realidade,a drenaxe non solucionou absolutamente nada?, seguimos co mesmo volume de auga que ao principio?
Si,é terrible pero si, non solucionou absolutamente nada.
Algunha vez chegou a desaparecer a entrada de auga?
Non, nunca.
A día de hoxe, seis de abril, temos algunha novidade que nos sitúe ante a esperanza dunha solución a curto prazo?
A única novidade que teño é que o perito da compañía de seguros propón que nos instalen unhas bombas de achique porque no caso contrario íamos ter auga na nosa casa toda a puta vida. E perdoa a crueza na expresión pero é que estamos desesperados.
Da Xunta temos algunha noticia?
Enviáronnos unha carta pedindo o título da propiedade e o noso número de conta. Pero claro a min de nada me vale que me indemnicen polos estragos que sufriu e segue a sufrir a nosa casa, se o problema continúa aí. Eu quero que me arranxen o baixo e que me indemnicen polos estragos, claro que si, pero sobre todo quero que arranxen o problema dunha vez para que non volva entrar auga na nosa casa. É que é tan difícil de entender??
De momento non cobraches ningún tipo de indemnización?
Non, non cobrei nin un só €.
Co alcalde Horacio Gil tes algún tipo de trato?
No momento de que a auga volveu entrar en gran cantidade na nosa casa chamei ao encargado da obra para que o vise, e tamén chamei ao alcalde para que se achegase.
E que che dixo o alcalde?
“ Non Sonia, non vou ir, porque eu quixen axudarche pero ti colliches o camiño equivocado”
Asombroso. E cal é o camiño equivocado?
Non o sei, supoño que se refire a que é o Bng o que me está a axudar. Pero é que el non me fixo nin caso. Xa sei que nin o Concello nin o alcalde causaron o problema adrede, pero é que non fixeron nada para solucionalo e este asunto fodeume a casa, a vida e a saúde que é o peor de todo.
Si? a saúde tamén?
Absolutamente si. Estou con graves problemas de saúde a consecuencia desta situación. Con tratamento e todo a miña saúde emocional está seriamente afectada.