A adega Eido da Fonte. Desde Valeixe para o mundo

Adega Eido da Fonte

Galicia é un marabilloso país no que podemos atopar, en calquera dos seus currunchos, exemplos extraordinarios de persoas que dan o mellor de si para crear proxectos empresariais que permitan gañar a vida con dignidade amosando ao mundo enteiro a grande calidade dos produtos galegos. No concello da Cañiza, na parroquia de Valeixe no lugar das Tallos, está esta preciosa adega que a forza da vontade da familia Puga converteu na empresa de case unha decena de persoas, e que produce 150.000 litros ao ano duns viños de calidade sobresaínte. Nós falamos con Jesús, o seu propietario.

Jesús Puga. Propietario da adega

A nosa zona é a mellor para a produción do albariño”

Cóntanos a historia da bodega?

Na miña familia xa tiñamos experiencia bodegueira, pero esta bodega concretamente montámola no ano 2018.

Ti es a terceira xeración de bodegueiros, cóntanos a vosa experiencia familiar.

Eramos familia de colleiteiros, logo mudamos. Eu marchei fóra para traballar na hostalería. Tiñamos plantación de viñas pero os nosos traballos non nos permitían dedicarnos á bodega. Logo no ano 2012, co nacemento da bodega Señorío de Rubios, convertinme no seu socio e comecei a vender toda a miña uva para eles.

Decidín montar a marca Eido da Fonte e comecei a comercializala pero facendo todo o proceso nas bodegas de Señorío de Rubiós.

E como se che deu por montar adega no 2018?

Pois porque fomos crecendo coa marca Eido da Fonte, as vendas saían ben e decidimos crear a nosa propia bodega.

Como valoras estes 5 primeiros anos da vosa vida?

A pandemia, igual que a case todo o mundo, afectounos moito. Sen embargo as vendas seguen crecendo, pero non ao ritmo que poderían ter crecido. En calquera caso a valoración global é boa.

Se non fora pola pandemia a valoración sería moi boa?

Creo que estariamos fora da capacidade de produción da bodega. De feito tivemos que aumenta a bodega porque case triplicamos a capacidade de vendas. Xa temos tamén os permisos e todo o necesario para ampliar dez hectáreas máis de plantación tamén.

A bodega naceu cunha produción de uns 60.000 litros e estamos producindo xa 150.000 litros ao ano.

Que tipo de viño producides?

Producimos albariño na modalidade branca, e dous tintos.

Cales?

Sousón que é unha variedade de uva tinta moi antiga que se da en practicamente toda Galicia e Portugal. A outra é un plurivarietal con distintas variedades de uva como mencía, espadeiro, caíño… unhas seis ou sete variedades.

Como lle dades saída a todos este viño?

Temos un delegado de vendas por toda España. En Andalucía vendemos en todas as provincias e mesmo nas illas Baleares e Canarias, costa Valenciana, Murcia, Alacante, Cantábrico…

Das tres variedades que tedes, cal é que ten máis saída?

O noso produto estrela é o albariño. Cos tintos estamos comezando pero, os tintos galegos non teñen moi boa fama. Nunca se fixo nada por promocionalos pero penso que son viños que van medrar moito.

Eu teño amigos bodegueiros no Rosal que me din que os tintos galegos son bos pero que non teñen o empuxe suficiente.

Si, estou totalmente de acordo.

E poden competir en calidade cun Rioxa ou con un Ribera del Duero?

Son viños totalmente distintos. Os galegos son viños moi afroitados e moito máis frescos, cunha acidez máis elevada e unha graduación máis baixa.

Pero ten calidade e saída?

Si, moita calidade e esperamos ter máis saída con eles. Aínda temos que percorrer moito camiño para aumentar as vendas do tinto galego .

O voso albariño é de moita calidade?

Penso que a nosa zona é a mellor para a produción de albariño. De feito o Salnés está mercando aquí moita uva porque non ten tanta acidez, e ten unha mellor maduración cá deles.

E eu como particular que teño que facer para poder mercar do voso viño?

Vendemos a particulares, temos unha tenda online que funciona moi ben, onde non vendemos e nas tendas de alimentación.

Facedes visitas na bodega?

Aínda non comezamos a facer visitas guiadas. Temos previsto montar unha sala de catas para poder facelo.

Cantas persoas traballades aquí?

Traballando no campo cinco persoas, e na bodega tres persoas máis, comigo catro.

cantos anos tes ti?

Teño 62.

cando te tes previsto xubilarte?

Cando poida, risas…

Gústache este traballo?

Si, claro. Se non me gustase non me tivera metido a montar a bodega.

E cando te xubiles, que vai pasar coa bodega?

Eu seguirei estando por aquí ata que o corpo mo permita, e delegarei totalmente no meu fillo. Agora mesmo xa leva el máis a bodega ca min. Ten 29 anos e, de feito, o de montar a bodega foi por el. El fixo enoloxía e é o enólogo da bodega.

Como está o sector do viño en xeral, Jesús?

Penso que está ben. O consello regulador está funcionando , apóianos, estáselle dando nome a marca fóra de Galicia e de España. Mesmo nós temos desde o ano pasado un distribuidor en EEUU que está crecendo moitísimo. Leva tres estados neste país e quere levar tres máis, estamos en Suíza tamén. A relación co albariño e moi boa en moitos países.