Os rapaces e as rapazas da escola de artes marciais Loren
Un orgullo para Ponteareas
A ilusión a toneladas que desprenden todos os alumnos e alumnas desta escola de artes marciais da nosa vila, e os seus indubidables éxitos deportivos, así como o bo facer dos seus preparadores, tan preocupados en formalos como deportistas como en contribuír a darlles valores humanos que lles permitan afrontar a vida en mellores condicións, merecen o recoñecemento da sociedade ponteareá. Recoñecemento que A Nova Peneira lles quere brindar. Velaí vai a imaxe de todos e todas e unha breve conversa con 6 deles. Por desgraza o limitado do espazo non permite conversar con todos. E é algo que me gustaría moito pois paseino moi ben no rato que compartimos. Moita sorte para eles e elas nas súas carreiras como deportistas, e sobre todo na difícil carreira da vida.
Mario 12 anos
Que é o mellor das artes marciais para ti?
Os amigos que fas, os adestramentos e a emoción das competicións
Que tal levas cando perdes un combate?
Ao principio moi mal, non me gustaba nada.
Agora xa o levo moito mellor e trato de aprender dos meus erros.
Uxía 17 anos?
Que é o mellor das artes marciais para ti?
Compartir experiencias coas compañeiras e os compañeiras e practicar un deporte marabilloso que achega valores moi importantes para a vida
Ata onde che gustaría chegar?
Ata onde se poida. Por min ata o infinito
Bruno 9 anos
Que é o mellor das artes marciais para ti?
Coñecer a xente e ir aos campionatos.
E ti, cando perdes un combate como o levas Bruno?
A ver, un pouco si que me enfado, a verdade. Pero só un pouco. Moito non choro
Ángela 9 anos
Que é o mellor das artes marciais para ti?
Aprender a defenderme ben e facer amigas e amigos. O que menos me gusta é cando non podo vir a adestrar e tampouco me gusta perder un combate
E que che gustaría conseguir a ti coas artes marciais?
Sería feliz se consigo chegar a ser adestradora
Noa 9 anos
Que é o que máis che gusta deste deporte?
A cantidade de cousas que aprendo. O que máis me gusta é aprender
Ata onde che gustaría chegar Noa?
A ser a número 1 de España
Luz 53 anos
E por último falamos coa veterana do grupo
Vaia sorpresa, non esperaba atopar unha alumna da miña xeración?
Nunca é tarde para chegar a este mundo. Eu comecei hai catro anos un pouco de broma e estou contentísima
Eu só teño un ano menos ca ti. Recoméndasmo?.
Absolutamente. Se o practicas vaste sentir moito mellor en todos os campos da túa vida