
Di a canción que 20 anos non son nada pero esa composición musical non di a verdade. Si que son, son moito para a vida dunha persoa , pois en dúas décadas dá tempo a acumular infinidade de experiencias vitais, a navegar polos mares do éxito e a transitar polo deserto da frustración e o fracaso. A nosa protagonista desta humilde homenaxe, a nevense Remedios Rivero, non leva 20 anos no universo da hostalaría, leva 24. Os 9 primeiros tivo o Bule Bule en Ponteareas e os últimos 15 o casa Rivero , marabilloso local que estivo inicialmente en Mondariz Balneario e que desde o 29 de decembro de 2020, en pleno ano 0 da pandemia, está na parroquia de Bugarín no concello de Ponteareas.


Reme e todo o seu equipo son excelentes profesionais e calquera cousa boa que se diga do servizo que ofrece Casa Rivero quedaríase corta. Só é preciso que quen busque calidade, trato exquisito e un lugar con encanto para gozar dunha comida ou cea desas que deixan pegada na alma, se achegue a casa Rivero e indefectiblemente o restaurante de Bugarín acabará convertido nun dos seus lugares de referencia.
Pero Reme é, sobre todo, aquilo que cantaba Antonio Machado:
“ Un verso que brota de manancial sereno;
e, máis que unha persoa ao
uso que sabe a súa doutrina,
é, no bo sentido da
palabra, boa”.
Eu aprécioa moito, e o pasado 29 de xuño, malia a miña axenda de tolos con actos por toda a provincia de Pontevedra, fixen un oco para asistir encantado á celebración do seu 15 aniversario no que gozamos dun exquisito menú degustación no seu local de Bugarín. Non me queda máis que erguer simbolicamente a miña copa para brindar por unha longa vida para Casa Rivero e para agradecer que as circunstancias permitiran que o seu camiño e o de A Nova Peneira se cruzaran xa hai máis de 10 anos. Parabéns Reme polos 15 primeiros anos de casa Rivero e os meus mellores desexos para ti e para todo o teu equipo. Agardo que a vida vos premie coa luz e felicidade que merecedes ti e os teus.