Arbo, capital mundial da lamprea: tradición e sabor nunha festa gastronómica única en Galicia”.
No corazón da provincia de Pontevedra, á beira do río Miño, a vila de Arbo prepárase para vivir unha das súas citas máis grandes, a LXVI Festa da Lamprea, que terá lugar os días 24, 25 e 26 de abril de 2026. Máis alá dunha celebración gastronómica, este evento consolidouse como un símbolo de identidade, historia e proxección internacional, situando a este pequena vila galega no mapa mundial da gastronomía.
A lamprea, protagonista indiscutible desta festa, é moito máis ca un manxar. Trátase dun animal prehistórico que leva habitando as augas do Miño desde hai millóns de anos, sobrevivindo a extinción dos dinosauros e mantendo intacta a súa esencia. En Arbo, este peixe é un emblema que define a vida, a economía e a tradición da vila. Non existe constancia de ningún outro municipio en toda España que teña unha tradición tan antiga e arraigada arredor deste peixe prehistórico e misterioso.
Son moitas as festas que se celebran por toda Galicia, pero a que podemos dicir que a máis antiga é a da Festa da Lamprea arbense.
A primeira Festa da Lamprea tivo lugar o día 16 de abril de 1961, e a organización da I Festa da Lamprea estivo a cargo da Comisión “Pro Homenaxe á Lamprea”, que tributaba a través desta xornada festiva o recoñecemento a unha riqueza antiga e inmemorial que o Río Miño proporcionaba. Desde esta primeira edición no ano 1961, os arbenses, atoparon un lugar no mundo e nos medios de comunicación, adquirindo para a posterioridade este produto do Miño tan excelente.
A idea inicial era facer unha festa que dese a coñecer e axudase a vender os estupendos viños que estas terras producían nestas terras así como comercializar outra materia prima excelente coa que contaba Arbo “A Lamprea”.
O 16 de abril de 1961, visitantes e convidados foron recibidos ás portas da Casa Consistorial cos balcóns engalanados e aos acordes dos gaiteiros. Ás 15:00 horas, na planta principal do edificio, preto de trescentos comensais degustaron lamprea rechea con salsa Miño, lamprea guisada, viño albariño e tinto do país.
Xa no ano 1965 a festa da Lamprea de Arbo foi declarada “Festa de Interese Turístico Nacional”, e cada ano conta milleiros de persoas que renden tributo e dan vida á Festa da lamprea coa súa presenza nos restaurantes da vila.
Para a promoción da festa deste ano, o Concello deu un paso máis alá de Galiza e presentou o evento en Barcelona, nunha xornada que reuniu a representantes institucionais, empresarios, medios de comunicación e profesionais do sector turístico.
Encabezada polo alcalde, Horacio Gil, a delegación arbense levou ata a cidade condal a esencia dunha festa recoñecida como de Interese Turístico Internacional desde o ano 2023. Durante os actos, destacouse a capacidade de Arbo para converter os seus recursos naturais e culturais nun motor de desenvolvemento sostible.
Nun discurso cargado de simbolismo, o rexedor subliñou que a Festa da Lamprea non é simplemente unha data no calendario, senón “soubemos converter a lamprea e o viño nun activo cultural, social e económico que hoxe nos sitúa con orgullo no mapa gastronómico internacional. Agardámosvos en Arbo para brindar polo futuro. Porque Arbo é sabor, é historia, pero sobre todo, Arbo son 365 días de oportunidades.”. Unha celebración que honra o traballo dos pescadores que, ano tras ano, desafían o Miño nas tradicionais pesqueiras, así como o labor dos viticultores que producen os prestixiosos viños da zona, especialmente os amparados pola Denominación de Orixe Rías Baixas.
A presentación en Barcelona incluíu tamén degustacións de lamprea elaborada ao estilo tradicional, acompañada de viños do Condado e Albariños, conquistando así o padal dos asistentes e reforzando a imaxe de Arbo como destino gastronómico de excelencia.
Un dos momentos máis esperados da festa será, sen dúbida, o Xantar da Lamprea, que se celebrará o sábado 25 de abril no restaurante Os Pirus. Este evento reúne cada ano a amantes da gastronomía chegados de distintos puntos de Galicia, España e mesmo do estranxeiro.
O menú deseñado para a ocasión é unha auténtica homenaxe á tradición culinaria arbense. Desde a empanada de lamprea como entrante ata o prato estrela —lamprea do Miño ao estilo Arbo con arroz e picatostes—, cada elaboración reflicte o saber facer transmitido de xeración en xeración.
Completan a proposta pratos de carne como o cabrito de San Fins e a tenreira galega ao forno, así como sobremesas tradicionais como o leite frito. Todo isto acompañado por viños da zona, que reforzan a estreita relación entre gastronomía e territorio.
Máis alá do menú, o Xantar da Lamprea representa unha experiencia sensorial e cultural que permite comprender a profunda conexión entre Arbo e este produto singular. Para o alcalde Horacio Gil, esta cita é tamén unha oportunidade para reivindicar o papel do municipio como “Capital Mundial da Lamprea”, unha denominación que, asegura, está avalada pola historia e pola calidade das súas elaboracións.
A Festa da Lamprea non se limita á degustación gastronómica. O Concello de Arbo aposta por ofrecer unha experiencia integral que combine sabor, cultura e coñecemento. Neste contexto, destacan as visitas guiadas ao Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea “Arabo”, unha das propostas culturais máis destacadas dentro da programación oficial da festa .
Estas visitas, de carácter gratuíto e cunha duración aproximada de 45 minutos, permiten aos asistentes mergullarse na historia da festa e na evolución da tradición lampreeira ao longo de máis de seis décadas. O museo ofrece un percorrido completo pola identidade do municipio, desde as súas raíces históricas ata a súa proxección actual.
O edificio, construído grazas á achega de emigrantes galegos noa década dos anos vinte do pasado século XX, alberga unha exposición distribuída en tres plantas. Na planta baixa, os visitantes atopan información sobre a festa e unha viñoteca cos viños das adegas locais. Na segunda planta, a historia de Arbo e o seu desenvolvemento económico e social ocupan o protagonismo. Finalmente, a última planta está dedicada integramente á lamprea, símbolo indiscutible da vila.
Estas visitas están dispoñibles en varios idiomas, co obxectivo de facilitar a participación de turistas internacionais e reforzar o carácter global do evento.
A Festa da Lamprea tradúcese nun impulso para sectores como a hostalería, o comercio local e o turismo activo. Ademais, a festa serve como escaparate para outros aspecto da vila como a natureza que oferta a contorna de Arbo. Rutas de sendeirismo, as actividades de aventura no río Miño ou o patrimonio histórico das pesqueiras son outro atractivo máis para non deixar de visitar este fermosa vila.
Para os veciños e veciñas de Arbo, a celebración representa tamén un motivo de orgullo colectivo. A lamprea non é só un alimento, senón un elemento identitario que define o carácter da comunidade e fortalece o sentimento de pertenza a un pobo e una comunidade.
Baixo o lema “onde o tempo se detén e a historia se saborea”, o municipio convida a visitantes de todas partes a descubrir un lugar único, onde a gastronomía se converte nunha porta de entrada á cultura, á paisaxe e á forma de vida galega.
A LXVI edición da Festa da Lamprea promete, unha vez máis, converter Arbo nun punto de encontro para amantes da boa mesa, da historia e das tradicións. Unha oportunidade para saborear non só un produto excepcional, senón tamén a esencia dun pobo que soubo facer da súa identidade un referente internacional.


Primer comentario