Cando a comida depende do petroleo

Artigo de opinión A Nova Peneira
Óscar Lomba Álvarez

Unha crise silenciosa medra mentres a mirada colectiva permanece na superficie. Baixo o balbordo constante dos mercados enerxéticos e da xeopolítica, están a acumularse tensións máis profundas que ameazan algo moito máis esencial que o prezo do combustíbel.

O sistema alimentario global non foi concibido para garantir o dereito a comer, senón para maximizar beneficios nun contexto de estabilidade. Ese sistema depende de combustíbeis fósiles accesíbeis, de roteiros comerciais seguros e dun fluxo continuo de insumos industriais. Cando un destes piares falla, o equilibrio escacha. O peche dun enclave estratéxico como o estreito de Ormuz non só encarece a enerxía, senón que interrompe cadeas vitais para a agricultura mundial, entre elas as dos fertilizantes químicos que sosteñen boa parte dos rendementos actuais.

A dependencia é fonda e estrutural. Durante décadas, a agricultura industrial foi substituíndo procesos biolóxicos complexos por solucións químicas inmediatas. O resultado é un modelo altamente produtivo, porén tamén intensamente dependente. Sen fertilizantes sintéticos, millóns de hectáreas verían reducida drasticamente a súa capacidade de produción. E eses fertilizantes tampouco existen por si sós. Precisan gas, petróleo, transporte e estabilidade na política internacional. Xusto aquilo que comeza a fallar.

A esta fraxilidade engádese a concentración do poder oligopólico. Un número moi reducido de empresas dominan o comercio mundial do gran, mentres a diversidade agrícola foi quedando reducida a unhas poucas especies. Isto simplifica a produción, porén incrementa os riscos sistémicos. Se fallan os insumos ou se interrompen os roteiros comerciais, a capacidade de resposta é mínima. Os alimentos percorren miles de quilómetros antes de chegar á mesa, convertendo calquera ruptura loxística nun problema inmediato de acceso.

Porén, hai outra maneira de producir alimentos. O solo non é un soporte morto, senón un ecosistema vivo capaz de manter a fertilidade se se respectan os seus equilibrios. Microorganismos, fungos, fauna edáfica e raíces constrúen redes que reciclan nutrientes e os poñen ao alcance das plantas no momento preciso. Este funcionamento reduce a dependencia de insumos externos e reforza a resiliencia fronte á seca, á calor e ás perturbacións.

Reforzar estes procesos non é unha fantasía, senón unha vía avalada pola ciencia e por experiencias reais en moitos territorios. Supón relocalizar a produción, acurtar cadeas de subministración e revitalizar o tecido rural. Non abonda con cambiar técnicas, cómpre mudar prioridades. Alimentar á poboación require sistemas máis diversos, máis próximos e menos expostos á volatilidade externa. É necesaria a soberanía alimentaria.

A verdadeira ameaza non reside nunha escaseza puntual, senón en termos construído un modelo agroindustrial incapaz de adaptarse ás situacións críticas e cambiantes. E esa é unha decisión que, aínda hoxe, estamos a tempo de transformar.

Primer comentario

Deixa a túa opinión