Palestina vencerá!

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

É importante ter en conta que a resistencia palestina está formada por moitas forzas, non só “Hamas”, e que todos os grupos armados están unidos nesta ofensiva actual contra a ocupación e o xenocidio”, Jamil Mezher, Secretario Xeral adxunto da Frente Popular para a Liberación de Palestina. Mentres escrebo este texto o estado xenocida de Israel iniciou a ofensiva en Gaza e xa asasinou a 7.028 persoas, incluídos 2.913 nenos e nenas, e, cando sexa publicado este artigo, esta cifra será desgraciadamente moito maior. Podemos pensar que todo isto acontece ante a pasividade dos grandes defensores dos valores “occidentais” como a Unión Europea e os EEUU, pero iso non é certo, pois tanto a UE como EEUU son cómplices do que está acontecendo. Só temos que ver como se puxeron todos firmes e deron un paso á fronte para vender o relato de Israel repetindo até a saciedade que tiñan dereito a defenderse. A defenderse de quen? Dun pobo que non ten exército, que vive rodeado de postos de control e colónias ilegais, cheas de persoas armadas que acosan aos palestinos? Estamos asistindo a esta nova masacre retransmitida en directo sen que Pedro Sánchez, Von der Layen ou o resto dos presidentes dos países da UE se ruboricen ante o dantesco espectáculo dos corpos desfeitos polas bombas. É a Resistencia Palestina. En todos os medios de comunicación escoitamos as mesmas consignas repetidas unha e outra vez: a culpa é dos “terroristas de Hamas”. Nas institucións e nas súas declaracións públicas os políticos profesionais, de esquerdas e dereitas, repiten as mesmas condenas contra o “terrorismo de Hamas”. Demonizan a Hamas e identifican ao Pobo Palestino con esta organización para facilitar que a opinión pública asuma con máis facilidade os crimes de Israel. Non é Hamas, é a Resistencia Palestina a que o pasado 7 de outubro exerceu o seu lexítimo dereito á defensa e a resistencia fronte ao invasor e colonizador que ocupa a súa terra. O Pobo Palestino ten dereito a defenderse da ocupación. Ten dereito a resistirse ante as agresións, os asasinatos, as humillacións, os desaloxos das súas casas e terras, ten dereito a dicir basta e reaxir ante un lento e sistemático xenocidio ao que está sometido desde o ano 1948. Os medios menten e manipulan. Desde o chamado occidente colectivo repiten as mesmas consignas e mentiras unha e outra vez para moldear a opinión pública a favor de Israel, para branquear as masacres que padece o pobo palestino en Gaza e Cisxordánia. Desde os medios pretenden convencernos que todo comezou o pasado 7 de outubro cun “atentado terrorista”. Porén, igual que a guerra en Ucraína non é de fai dous días como nós queren facer crer, comezou no ano 2014 cun golpe de estado, o conflito Palestino non comezou o pasado 7 de outubro coa acción da Resistencia Palestina. Foi no ano 1948 cando o sionismo co apoio de países europeos criou un monstro chamado Israel. Un ente formado por migrantes europeus: polacos, alemáns, franceses… E hoxe tamén por rusos ou arxentinos. Xente que nunca tivo relación con Palestina. O mesmo din os xornais de “dereitas” que os xornais progres de “esquerdas”, as mesmas argumentacións que non poden ocultar o que mostran as imaxes de nenos e nenas mortas polas bombas estadounidenses que tiran os avións israelís. Por moitas mentiras que repitan non van ser suficientes para agochar os mortos palestinos. Non vale a equidistancia. Nos últimos tempos estamos asistindo á transformación da esquerda europea, se é que podemos chamala así, no parvo útil e domesticado do imperialismo ianqui. O histórico posicionamento a favor do pobo palestino transformouse hoxe en equidistancia e servilismo aos amos imperiais, uns amos que permiten a esta esquerda “responsábel” desfrutar das prebendas das institucións, de altos salarios, dietas e ventaxosas xubilacións. Resulta indignante que se leven ás institucións mocións e resolucións de condena ante as accións da Resistencia Palestina, que por puro oportunismo se asuma o discurso “oficial” e se condene ao que se levanta farto de humillacións. É indignante que forzas que se autodenominan nacionalistas asuman e aplaudan este discurso que considera á resistencia palestina como terrorista. Os pobos teñen dereito a loitar pola súa liberdade, os pobos colonizados teñen que ser solidarios e comprender a loita de outros pobos colonizados. Galiza como nación colonizada por España ten que ser solidaria coa loita do pobo palestino para a súa liberación. Non debemos equiparar ao opresor co oprimido, non debemos repetir o discurso do opresor para condenar ao oprimido. Iso é facerlle o xogo ao imperialismo asasino.

Marín, 28 de outubro de 2023

Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago

PD: No ano 2000 descubríronse grandes reservas de gas nas costas de Gaza.