Juan Manuel Alfaya Ocampo , Maxistrado xubilado

Juanma Alfaya

Juanma Alfaya é un veciño de Redondela que goza da súa xubilación despois dunha longa e brillante carreira como xuíz. Conversar con el é dese tipo de cousas que me fan adorar o meu traballo de contador de historias da miña querida vila de Redondela nas páxinas de A Nova Peneira. Juan Manuel é un inmenso océano de lucidez, un conversador excelente que, imaxino que condicionado polo seu pasado como xurista, trata de armar os seus argumentos con rigor e de defendelos con solidez. Sería imposible para calquera persoa cun mínimo de honestidade intelectual , non contaminada por apriorismos de ningún tipo, despois de escoitar ou ler a Juan Manuel seguir a defender o esperpento da monarquía española.

Desde o punto de vista semántico nacionalidade e nación é o mesmo.”

Facemos esta entrevista o día na que a herdeira á xefatura do estado xura a constitución, corpus legal que estaría obrigada a cumprir?

En teoría si, claro. Todos os cidadáns do estado español estamos obrigados a cumprir a constitución, e o xefe ou xefa do estado tamén. Pero no seu caso dáse unha situación asombrosa pois como ese texto legal confírelle inviolabilidade xurídica, é dicir impunidade, podería facer calquera cousa contraria á constitución, incluso dar un golpe de estado , que non lle pasaría nada.

E ti que opinas desa interpretación sobre a inviolabilidade absoluta da xefatura do estado que fan os TS e TC españois?

Para min é insostible .Responde a unha concepción teocrática da xefatura do estado. A quen lle cabe na cabeza que o Rei puidera por exemplo violar a unha nena e estar exento de responsabilidades?.É absurdo.

Cal é a túa opinión xurídica sobre aquela entrevista a Adolfo Suárez na que recoñece que meteu a monarquía con calzador no medio do texto da lei para a reforma política, pois tiñan enquisas que prognosticaban que no caso dun referendo directo entre monarquía e República gañaría a opción republicana?

Aquel momento era moi perigoso e foi necesario o consenso. Eu votei a constitución pero iso non significa que me guste todo o que di. O que se debera facer é un referendo directo entre monarquía e República para que os españois puideramos opinar sobre a forma de estado que queremos.

Sobre o asunto da amnistía para os participantes do proceso independentista catalán do ano 17, cal é a túa opinión?.

O principal argumento dos que están en contra, dos que están en contra desta amnistía pois das amnistías fiscais non dixeron nada, é que é anticonstitucional. É un argumento falso. A constitución non a prohibe. A constitución non ten nada que ver coa amnistía. Debe regularse por unha lei orgánica parlamentaria segundo as circunstancias concretas de cada momento.

Existe un nacionalismo centralista español que nega as distintas nacionalidades do estado?

Existe o nacionalismo periférico e o nacionalismo centralista tamén, claro que si. De feito o maior comportamento secesionista é o que leva a cabo a comunidade de Madrid.

Dáme un exemplo para soster iso que dis?

Na época da pandemia facían unha política propia oposta á política sanitaria xeral de España para combater esta grave crise de saúde pública. En materia tributaria tamén van pola súa conta co que prexudican ás demais comunidades xa que moitas empresas deciden instalarse alí.

A constitución diferencia entre nacionalidades e rexións. Que entende por nacionalidades?

Evidentemente unha entidade diferente ás rexións pois no caso contrario non introduciría o termo e denominaría como rexións a todas as comunidades de España. A nacionalidade é un substantivo, non é un adxectivo. A propia constitución defende o autogoberno, un concepto vilipendiado polo nacionalismo español pero que é perfectamente legal.

A nacionalidade equivale á nación?

Hai dúas teorías sobre este asunto: A que di que é exactamente o mesmo, e a que di que non, que sería unha especie de estadio intermedio entre a rexión e a nación. Ao respecto disto quixer apuntar un asunto que é a todas luces chocante e que se refire a que determinados artigos do Estatuto de Catalunya son declarados inconstitucionais polo TC mentres que de artigos que son idénticos doutros estatutos de autonomía, como por exemplo o de Andalucía, non din nada en absoluto.

Se é exactamente o mesmo por que se utilizou ese termo e non directamente o termo nación?

Hai que situarse no contexto histórico para comprendelo .Estamos na década dos 70 e o aparato do franquismo estaba plenamente vivo. Entón buscan un termo deliberadamente ambiguo para non molestar en exceso aos que dicían que España era unha grande e libre. De feito eu teño unha anécdota sobre isto

Encantaríame coñecela?

Seica cando os redactores da constitución estaban a pechar ese artigo recibiron un escrito a man dunha “ forza extra parlamentaria” no que lles “ indicaban” que non se atreveran a utilizar a palabra nación. Entón transixiron e usaron o termo nacionalidade.

Cal era esa “ forza extra parlamentaria”?

Supostamente militares. Penso que se non houbera ese contexto pre bélico, enormemente perigoso, teríase empregado o termo nación. Desde o punto de vista semántico nacionalidade e nación é o mesmo. O propio Manuel Fraga di no diario de sesións “ Non é o momento de volver sobre o feito indiscutible de que nación e nacionalidade son o mesmo”

Sobre os pais da constitución creo que a ti o que te gusta é Herrero de Miñón?

El é un home moi interesante desde logo que si. Nun periódico chegou a dicir queEu creo que en España hai diversas nacionalidades, porque España é unha nación de nacións”.Neste mundo hai moita hipocrisía e moita mentira. Fíxate ti onde está situado agora mesmo Felipe González por exemplo. O mesmo Felipe González que o 27 de xullo do 2010 escribía un artigo en conxunto en El País con Carme Chacón no que dicía :” Cataluña é dos suxeitos políticos estatais denominados nacións sen estado, a concepción de España como nación de nacións fortalécenos a todos””

Rematamos : Galicia é unha nación?

Si, claro que si.