Colectivo pro palestino de Redondela

Colectivo pro palestino de Redondela

Todos os luns un grupo de veciñas e veciños concéntranse a carón do noso concello pedindo a fin da brutal agresión do imperialismo israelí ao pobo palestino, solidarizándose coas vítimas palestinas e denunciando a impunidade coa que actúan os agresores israelís. Eles son o colectivo pro palestino de Redondela e nós fomos coñecelos. Falamos con catro dos seus representantes:Beatriz, Juanma, Morta e Claudia

A escusa da loita contra o “terrorismo” non é críbel. Israel pretende obrigar a marcharse de Gaza aos palestinos que queden vivos despois da agresión para colonizar as súas terras e roubarlle os seus recursos”

Como xorde o voso colectivo?

Xorde a raíz das convocatorias de concentracións nas prazas dos Concellos para expresar a solidariedade co pobo palestino. As convocatorias propiciaron que durante moitos luns nos fósemos encontrando persoas coa mesma sensibilidade e preocupación polo xenocidio ao que está a ser sometido o pobo palestino desde hai máis de 75 anos.

Sodes un colectivo numeroso?

Acabamos de nacer e en moi pouco tempo xa son bastantes as persoas que colaboran e que nos manifestaron o seu interese por coñecernos, e moitísimas máis as que nos expresan a súa simpatía e solidariedade.

Notades entón a simpatía da veciñanza?

Si, claramente si. Incluso o volume de persoas que asiste ás concentracións dos luns é moi interesante. Se cadra botamos en falta unha maior implicación da mocidade. A ver se somos quen de artellar algún tipo de iniciativa para darlles a coñecer a situación.

As vosas concentracións son sempre os luns?

Si, sempre os luns. Nós con independencia do que se decida noutros sitios preferimos manter unha liña regular co obxecto de evitar confusións e facilitar a asistencia.

Quedan moitos luns?

Oxalá que non.

As persoas que integrades o colectivo tedes algún tipo de adscrición ideolóxica concreta?

Somos xente que ten sensibilidade cara a un terrible drama ao que é condenado o pobo palestino , que nos une un sentimento de indignación ante a brutalidade do estado de Israel e que comparte as gañas de axudar ás vítimas e de denunciar aos agresores. Todo iso é o que nos vincula.

Como vedes a situación?

A palabra máis adecuada para definila é desesperante. Non vemos posible unha solución a curto prazo porque a vontade dos agresores é destruír, arrasar calquera infraestrutura incluso os hospitais ou universidades. Por moito que esgriman a escusa da loita contra Hamas, o obxectivo real é obrigar aos palestinos que queden vivos a irse de Gaza para podela colonizar os xudeus. A escusa de Hamas non é crible, tamén na Cisxordania os palestinos sofren detencións arbitrarias, redadas e execucións. E os israelís tamén pretenden roubar os recursos de Palestina, de feito Israel xa vendeu a explotación dos campos de gas que hai na costa de Gaza. O sionismo é un movemento supremacista e racista.

O peor de todo é que ninguén lle pon freo e a absoluta impunidade coa que actúa Israel.

Pódese facer algo desde aquí?

Si, claro que si. Desde aquí e desde calquera parte do mundo. Denunciar, denunciar e denunciar. A mobilización da sociedade civil en todo o planeta solidarizándose coas vítimas e denunciando aos agresores é unha forma de pórlles freo.

O que parece é que a Israel as protestas non é que lle importen moito?

Si, si que lle importan. A ninguén lle gusta verse sinalado. É que se non as houbese pensamos que a situación sería peor.

Por que a comunidade internacional ten unha actitude tan tépeda?

Ninguén quere enfrontarse aos EEUU. A sensación é que ante os seus intereses todos os mecanismos e institucións creados despois da segunda guerra mundial para protexer a paz e a legalidade internacional non serven para nada.

Como se debería, ao voso xuízo, solucionar este conflito?

Antes pensabamos que o correcto era a solución de dos estados, a medida que pasa o tempo o pensamos menos. Consideramos porén que esta hipótese si podería ser un principio de solución. O problema é o sionismo.