Nacionalismo galego: E agora que?

Bandeira galega civil
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Galicia é un país colonizado. É un país porque constitúe un territorio con características xeográficas, culturais, lingüísticas, históricas e ata emocionais propias. É tan evidente que Galicia é un país que ata as propios redactores da constitución española o recoñeceron como tal ao cualificarnos como “ nacionalidade” termo que, en realidade, non é posible diferenciar en nada do concepto de nación porque a verdade é que significan exactamente o mesmo. É tan obvio que Galicia é un país que asi foi declarado en setembro de 1933 no IX congreso das Nacionalidades Europeas, organismo da Sociedade de Nacións, celebrado en Berna pois nese congreso Galicia foi recoñecida como nación.

Galicia é un país colonizado porque padece o dominio político, económico e cultural do estado español. Padece dominio político porque dependemos das decisións que se tomen en Madrid. Padece domino económico porque non podemos xestionar os nosos propios intereses, e padece dominio cultural porque sufrimos a imposición dunha cultura e dun idioma que non é noso.

O idioma castelán, grazas á nefasta política lingüística da administración autonómica, xa é a lingua máis falada en Galicia cun dominio abafador entre as galegas e galegos máis novos, pero malia que é o primeiro idioma de pouco máis da metade de galegos que o senten como o seu, non e o idioma de Galicia pois non xorde da evolución natural do latín neste curruncho do mundo senón que se fala de maneira natural por parte da poboación galega por dous motivos:1) pola imposición da forza bruta.2)polo proceso de diglosia, resultante da colonización política, que sofre o país galego.

Ante esta realidade, sermos un país colonizado, como ante calquera outra, existen tres posibles modos de actuación política:1) A submisión e a defensa alegre e colorida do discurso do colono, que é o que fai o Partido Popular de Galicia.2) Manter unha especie de inviable posición intermedia de si pero non, nin branco nin negro, nin fu nin fa, nin entro nin saio… que é o que fai PSdeG e especialmente a esquerda estatal á esquerda do PSdeG se chame como se chame nos vindeiros procesos electorais.3)Tratar de mudar o estado das cousas convencendo coa forza da palabra e da razón a máis galegos e galegas de que é obxectivamente mellor para as maiorías sociais do noso pobo xestionar nós mesmos os nosos propios intereses que os xestionen outros.

Esta última é a atinada liña política que ven desenvolvendo o BNG desde que a actual dirección, liderada por Ana Pontón, asumiu a responsabilidade de levar as rendas da formación política nacionalista. E o seu resultado é un éxito notable, un éxito sen matices e ten que servir para que a acción política do bloque non se desvíe un milímetro do camiño que está a andar porque é o único camiño posible para que a idea de que Galicia é un país de seu poida seguir existindo nas xeracións futuras.

En Galicia non hai 470.000 persoas que se senten nacionalistas, iso é indiscutible, pero ningunha das case 470.000 persoas que o pasado 18 de febreiro colleu a papeleta do BNG descoñece que o bloque é unha forza política nacionalista, xa que logo parece unha suposición verosímil considerar que a potencia de crecemento do nacionalismo no país galego non ten teito, e que aqueles que falaban de que os 19 escanos que tiña o BNG na anterior lexislatura constituían pouco menos que o seu cume estaban trabucados. Agora ten 25 un resultado que supera todos os seus teitos históricos.

Na valoración do resultado electoral o deputado do BNG Luis Bará dicía algo así como( falo de memoria):” o resultado foi extraordinario e malia que existían razoables expectativas de cambio a masa social nacionalista non debía de estar triste porque o futuro é noso”.Non teño facultades para adiviñar o futuro e non podo saber se será así ou non. Pero si teño a certeza de que este , gañar con tranquilidade respecto e firmeza, cada vez máis corazóns de galegos e galegas é o camiño correcto e a única vía posible para evitar que o país galego morra asasinado polo imperialismo duns e pola irresponsabilidade doutros. Que así sexa e que siga sendo así.