Despois de ter cotizado toda a etapa laboral, o dereito a recibir unha pensión de xubilación digna, que nos permita gozar da tranquilidade económica necesaria, nos últimos anos da nosa vida, para poder dedicar o noso tempo ao lecer e á compañía dos nosos seres queridos, debera de estar garantido de maneira tan sólida que estivera a salvo de calquera conxuntura económica. Non é un regalo. É un dereito conquistado a través das loitas obreiras, que cada traballador e traballadora paga relixiosamente mes a mes nas súas nóminas ao longo de toda a súa vida laboral.
A dereita, nunca ten nada que ofrecer beneficioso para o conxunto das maiorías sociais e só pode gañar eleccións polarizando e crispando á sociedade, xa sabemos como funciona á hora de baixar á realidade dos feitos: para gañar axita as bandeiras e busca remover as pulsións máis escuras dos individuos, e cando gaña recorta ás maiorías para garantir os intereses das minorías que son os que lle mandan. O PSOE que é o punto máis á esquerda ao que o poder económico permite chegar sen rompelo todo, pois algo mellor é. No que respecta á sensibilidade social é de feito bastante mellor có PP, pero no que se refire ás políticas macroeconómicas tampouco é que se diferencien demasiado. De feito ata a un político digno como o ex presidente Zapatero non lle quedou outra que tragar e mudar o artigo 135 da constitución pola vía rápida, para priorizar o pago da débeda, cando o poder económico da UE así llo demandou.
No estado español é posible acollerse á xubilación anticipada ata 24 meses antes da idade legal para poderse xubilar, se esta xubilación é voluntaria, e ata 48 meses antes se esa xubilación é involuntaria e forzosa. Porén, xubilarse anticipadamente ten un custe moi importante en forma de penalizacións económicas que lles amosamos na táboa que aparece ao final deste artigo. Así por exemplo quixera referirme a un caso real dun operario do naval que comeza a traballar aos 18 anos, e despois de 45 anos de traballo ininterrompido en condicións moi duras decide xubilarse aos 63 porque o seu corpo xa non dá máis, pois resulta que ve recortada a súa pensión nun 13%.O dereito conquistado de máis de catro décadas no ferro e no eléctrodo, na chuvia e no frío, nos cascos e nas tubaxes dos barcos ,queda reducido en 13 puntos porque uns señores en Madrid deciden que o sistema non sería sustentable se quen cotizou toda a súa vida pode gozar de toda a súa pensión.
No sei cantos miles de millóns de € vai supor o delirio do gasto militar que nos obrigan a asumir para que a UE, unha entidade política de máis de 500 millóns de habitantes se protexa do suposto intento expansionista de Rusia, un estado que non chega aos 150 millóns de persoas,pero se se van gastar en armas é porque se poden e se queren gastar. E se non se van gastar en eliminar os inxustos coeficientes redutores das pensións de xubilación é porque si se podería, pero non se fai porque non hai vontade política de facelo.
No estado español houbo dúas reformas do sistema de pensións tremendamente lesivas para as maiorías sociais. A primeira aprobada en novembro do 2011, o último mes de goberno de Zapatero. Nesa modificación legal auméntase de maneira progresiva a idade de xubilación desde os 65 ata os 67 anos completándose no ano 2027.Igualmente o período do cálculo da base reguladora da pensión amplíase desde os 15 ata o 25 anos.
Na reforma do ano 2013 o goberno de Mariano Rajoy establece unha disposición legal aínda máis perigosa: A revalorización condicionada que consiste en que a actualización das pensións dependa da situación financeira da SS. Se as súas contas entran nunha conxuntura de déficit as pensións só poderían aumentar un 0,25%.
Unha recente proposición parlamentar de Podemos busca eliminar os coeficientes redutores para as persoas que teñen máis de 40 anos cotizados. En breve haberá que debatela no parlamento e veremos cal é o resultado desa votación. Non teño dúbida de que a extrema dereita, os defensores de “ A España que madruga” van votar en contra, pois a eles só lles importan eles mesmos e a defensa dos intereses das elites económicas. E teño moito interese en saber que votarán, e sobre todo que argumentarán o PP e o PSOE. Eliminar os coeficientes redutores ás persoas con máis de 40 anos de cotización é unha proposta moi xusta, necesaria pero non é que sexa precisamente de ultra esquerda. É unha proposta xusta pero insuficiente. O nacionalismo galego amósase moito máis ambicioso na defensa dos intereses das clases traballadoras que as partes supostamente máis á esquerda da esquerda española. Así por exemplo o BNG demanda a eliminación da penalización na xubilación anticipada en longas carreiras de cotización. Por outra parte consideran a posibilidade de avanzar no recoñecemento do dereito á xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras e sectores. O BNG defendeu no seu momento ante o pacto de Toledo que se incorporara unha recomendación para establecer a xubilación voluntaria ao cumprirse 35 anos de cotización á SS reais ou compensados pola aplicación de coeficientes redutores naquelas profesións que os teñan asignados, sen penalización. Por outra parte a CIG defende entre outras cousas:
-A derrogación completa das reformas das pensións do 2011 e 2013.
-Fixación por lei dunha pensión mínima igual ao salario mínimo.
-A revalorización por lei das pensións de acordo ao IPC.
-Cálculo da base reguladora nun período de 10 anos. Período que sería elixido pola persoa beneficiaria.
-Xubilación aos 65 anos, e voluntaria a partir dos 35 anos cotizados.
En definitiva: quen queira adoptar unha posición intelectual baseada só na realidade empírica dos feitos, non pode máis que recoñecer que á hora de defender o ben común das maiorías sociais é o nacionalismo galego o que sempre está presente.
Táboa de penalizacións
| Período cotizado: menos de 38 anos e 6 meses | Período cotizado:igual ou superiora 38 anos e 6 meses e inferior a 41 anos e 6 meses | Período cotizado:igual ou superior a 41 anos e 6 meses e inferior a 44 anos e 6 meses | Período cotizado:igual ou superior a 44 anos e 6 meses | |
| Meses que se adianta a xubilación | % redución | % redución | % redución | %redución |
| 24 | 21,00 | 19,00 | 17,00 | 13,00 |
| 23 | 17,60 | 16,50 | 15,00 | 12,00 |
| 22 | 14,65 | 14,00 | 13,33 | 11,00 |
| 21 | 12,57 | 12,00 | 11,43 | 10,00 |
| 20 | 11,00 | 10,50 | 10,00 | 9,20 |
| 19 | 9,78 | 9,33 | 8,89 | 8,40 |
| 18 | 8,80 | 8,40 | 8,00 | 7,60 |
| 17 | 8,00 | 7,64 | 7,27 | 6,91 |
| 16 | 7,33 | 7,00 | 6,67 | 6,33 |
| 15 | 6,77 | 6,46 | 6,15 | 5,85 |
| 14 | 6,29 | 6,00 | 5,71 | 5,43 |
| 13 | 5,87 | 5,60 | 5,33 | 5,07 |
| 12 | 5,50 | 5,25 | 5,00 | 4,75 |
| 11 | 5,18 | 4,94 | 4,71 | 4,47 |
| 10 | 4,89 | 4,67 | 4,44 | 4,22 |
| 9 | 4,63 | 4,42 | 4,21 | 4,00 |
| 8 | 4,40 | 4,20 | 4,00 | 3,80 |
| 7 | 4,19 | 4,00 | 3,81 | 3,62 |
| 6 | 4,00 | 3,82 | 3,64 | 3,45 |
| 5 | 3,83 | 3,65 | 3,48 | 3,30 |
| 4 | 3,67 | 3,50 | 3,33 | 3,17 |
| 3 | 3,52 | 3,36 | 3,20 | 3,04 |
| 2 | 3,38 | 3,23 | 3,08 | 2,92 |
| 1 | 3,26 | 3,11 | 2,96 | 2,81 |
Fonte: Tesourería da SS
