Como cada ano facemos unha radiografía da situación política de Tui falando con algúns representantes das forzas políticas tudenses. Desta volta comezamos conversando con Carme Núñez, a voceira do BNG. Xa falei moitas veces con Carme e tamén moitas veces de Carme,e nesta ocasión só me vou referir a unha cuestión: Dede que teño a honra de dirixir ANP o noso medio de comunicación fai de maneira bienal unha gala de entrega de premios na que procuramos recoñecer o compromiso con este país, o talento, a xenerosidade, e calquera tipo de mérito que incida positivamente no ben común. O pasado mes de febreiro celebramos a V edición da nosa gala, e como sempre, antes de decidir as persoas e colectivos premiados , xuntámonos todo o equipo que facemos ANP para decidir a quen recoñecemos. En todas as ocasións anteriores, e nesta tamén, xorde un intenso debate pois hai propostas moi diversas, todas elas moi meritorias, e tratamos de acadar un consenso. Porén, desta volta houbo un premio que se decidiu nun minuto: O premio “ Boa e Xenerosa “ da V Gala de entrega de premios A Nova Peneira foi para Carme Núñez Méndez. Ela foi a primeira persoa proposta e o si foi unánime. E foino porque Carme é, en verdade, boa e xenerosa, alén de brillante. Estou convencido de que se ten a oportunidade de ser alcaldesa, será capaz de facerse un oco na historia das milenarias pedras da antiga capital de Galicia.
“Este goberno parece que aínda non se deu de conta de que está en minoría. Carece de vontade de consenso”
Esta é a primeira vez que conversamos este ano e penso, Carme, que é obrigado iniciar a entrevista honrando a memoria do voso compañeiro “Tato”
Eu estou encantada de honrar a súa memoria unha e mil veces. Tato era unha desas persoas que ás veces nos cruzamos no camiño da vida que fan mellor á humanidade. Era un home bo e xeneroso, sempre estaba cando se lle necesitaba, e foi un compañeiro excelente. Foi o máis leal dos compañeiros. A época na que ambos formamos parte do goberno foi emocionalmente moi dura, e puiden levala grazas á súa amabilidade, bondade e xenerosidade. A súa morte foi terrible para o BNG, e a súa pegada sempre, absolutamente sempre, vai estar no meu corazón.
Quen o substituíu na corporación?
O noso compañeiro Ernesto. Seguimos sendo 4 persoas: Ernesto, Ánxela,Josué e eu mesma.
No concello de Tui hai unha clara maioría de esquerdas, 6 o PSOE e 4 vós, fronte aos 7 asentos que ten a dereita, 6 o PP e 1 Converxencia. Porén goberna o PSOE en minoría. Non houbo negociacións para intentar formar goberno?
Si, si que as houbo. E nós puxemos todo da nosa parte para tratar de pechar un pacto. Pero non puidemos chegar a ningún acordo por dous puntos do noso programa moi importantes para nós, e nos que o PSOE non se quixo mover nin un milímetro.
Cales eran eses puntos
A apertura da Rúa Ourense e o aparcadoiro soterrado. Decidimos non entrar no goberno por eses dous motivos.
Eses dous temaseran liñas vermellas para vós?
Exacto, si que o eran.
Vós considerades que non se debería de abrir a Rúa Ourense?
Non, non é necesario. E non só iso, senón que é, ao noso xuízo, prexudicial para Tui, tanto no urbanismo no seu conxunto, como no estado no que deixa o tráfico. Cambia totalmente o urbanismo. Non teñen organizado o tráfico, nin saben como se van a dirixir as rúas. A apertura da rúa custa unha barbaridade de cartos e posiblemente haxa que modificar. Planifícase unha rotonda na Rúa Ourense cunha entrada que é estreita que se pasa un autobús vai ter que invadir o carril contrario. O proxecto tampouco leva arborado, están convertendo a Tui no paraíso do cemento. En definitiva: O urbanismo de Tui vai en dirección contraria á do sentido común e ao urbanismo das cidades máis avanzadas de Europa
No outro punto no que discrepabades; o do aparcadoiro soterrado, si que cedeu o PSOE?
Si, pero non cedeu por convencemento. Fíxoo polo incremento do custe, que non era asumible para o Concello. Xa tiñan un acordo cunha empresa, tiñan a obra licitada, e o concello volveuse atrás polo substancial incremento do prezo, e agora teñen que darlle a esta empresa unha indemnización de 200.000€, que incluso pode que sexa maior. Aínda con isto o equipo de goberno segue coa idea de facer o aparcadoiro soterrado.
Como está sendo a oposición que estades desenvolvendo?
Nós facemos unha oposición en positivo, con propostas para mellorar a vida da veciñanza. Se baixamos á realidade dos feitos podemos ver como asinamos dous grandes acordos co goberno.
Explícanos o primeiro?
En xullo do 2023 votamos a favor de 5 dedicacións exclusivas para os membros do goberno a cambio de catro puntos:
-Dedicar o edificio Camilo José Cela para a policía local.
-O edificio Cam-Fram sería para as asociacións culturais e para a mocidade.
-Poñer en marcha un estudo nas parroquias para tratar de montar un transporte circular.
-Unificar a alameda cuns terreos próximos que están abandonados, e se poderían conseguir a un prezo razoable para o uso de toda a veciñanza
O resultado do acordo?
O goberno incumpriu todos os puntos.
Explícanos o segundo acordo?
Un ano despois, sen ningún avance nestes puntos, volvéronos a chamar para votar a favor dos orzamentos. Entendemos que era importante que se aprobaran porque había cuestións relevantes para Tui. Démoslle o si aos orzamentos, a cambio de impulsar os catro puntos do acordo anterior.
Aínda non se fixera nada?
Non, houbo un par de reunións pero nada en concreto e nada efectivo. Neste pacto, a maiores do anterior acordamos ampliar os terreos do CEIP Número 1, que están en tramitación, arranxar os parques infantís de Malvas, Pexegueiro e Montiño. E un último punto que é facer un plan de mellora do arborado urbano e de zonas verdes comezando no polígono de Areas.
Este pacto está asinado desde agosto do 2024 .Materializouse algún dos puntos do acordo?
O alcalde xa dixo en prensa que non vai rehabilitar o edificio Camilo José Cela porque é moi custoso. Este edificio xa o estaban rehabilitando cando firmamos o pacto pero para uso de asociacións porque lles concederon unha achega e non poden cambiar o seu uso. Xa o sabían cando asinaron o pacto con nós.
O do transporte público das parroquias tamén comunicou que é inviable, e no tema das fincas houbo algunha reunión pero non se avanzou nada.
Sentimos que nos tomaron o pelo claramente. Gobernan, teñen dedicacións exclusivas e non fixeron absolutamente nada do que pactaron con nós. Podían non firmalos, pois nós estabamos dispostos a negociar outros puntos, pero asinaron e se comprometeron.
Incumpriron os pactos dúas veces. Isto provocou algún tipo de reacción pola vosa parte?
Xa decidimos que non imos a negociar absolutamente nada máis ata que cumpran os puntos asinados.
Hai algún indicio de que os van cumprir?
Non, que va. Por isto non vamos a negociar nada máis e votaremos segundo consideremos.
Estades nesa fase?
Si.
Se non contan co voso apoio a verdade téñeno moi complicado para gobernar.
Están en minoría pero parece que non se dan de conta. Este equipo de goberno non está para nada polo consenso e levan asuntos aos plenos sen negociar absolutamente nada. Penso que hai pouco compromiso para buscar solucións acordadas entre todos, e gobernando en minoría non teñen intención de chegar a acordos con ninguén.
Enrique Cabaleiro non é de fiar?
Ás probas me remito, teñen un pacto asinado que non cumpren.
Outra cuestión da que fixestes forza foi pola campaña de ascensor no instituto, como está este tema?
É o instituto de San Paio, levan desde novembro sen ascensor porque se avariou e era moi custoso arranxalo. Sexa o custe que sexa hai que arranxalo, tanto pais e nais como profesores fixeron moitas protestas. Isto depende da consellería e levouse unha moción ao Parlamento de Galicia. Nós desde aquí apoiamos as concentracións que facían todos os xoves a comunidade educativa.
Hai algún mozo ou moza con mobilidade reducida?
Había un par de rapazas con muletas, unha profesora en cadeira de rodas e o persoal de limpeza que tiña que subir os cubos polas escaleiras.
Outra cuestión é a xestión do tráfico, sempre dis que é moi deficiente a súa xestión, é así?
Si, por desgraza é así. O problema é que non hai ningunha planificación. Neste mandato estanse investindo moitísimos cartos, pero case todo no casco urbano e non fan planificación para o futuro. Un exemplo: Non se pode abrir a rúa Ourense sen saber onde se vai emprazar o aparcadoiro. Non hai ningún estudo de direccións únicas, o que se fai é suprimir prazas de aparcamento humanizando rúas secundarias sen un plan de acción nin planificación.
Carme, o BNG segue pensando que o mercado non está ben onde está?
Estou convencida de que non está ben onde está.
Por que?
Porque no casco vello dinamizaba o comercio local e a hostalería da zona. Agora está practicamente agonizando. Hai moitas queixas do comercio local.
Desde o BNG formularías a hipótese de volver a trasladalo ao casco vello?
Si, de feito foi a nosa proposta nas últimas eleccións.
Que expectativas tes para estes dous anos que quedan antes das vindeiras elección do 27, tanto de acción de goberno como de acción de oposición?
Imos a seguir facendo a oposición como ata agora, en positivo e levando os problemas de Tui ao parlamento galego. Levamos o arranxo das estradas de Caldelas ou Ribadelouro. Levamos a petición para que o auditorio pase a mans da Xunta de Galicia. Este gasto é moi importante para o Concello e difícil de asumir. Seguiremos trasladando as necesidades que consideremos relevantes e traballando para intentar solucionalas onde sexa como o tema de transporte ferroviario, por exemplo.
Sobre a acción do goberno penso que pouco máis van dar. Van sobrevivir estes dous anos como poidan e rematar as obras que comezaron, pero entendo que non van solucionar problemas como o do aparcadoiro. Penso que nas vindeiras eleccións seguiremos falando disto. Desde que entrei en política no ano 2015 nunca deixamos de falar deste tema.
Ao teu xuízo Enrique Cabaleiro vaise volver presentar as vindeiras eleccións?
Non o sei.
Míralo cansado?
Non , míroo ben.
Como estás ti Carme?
Moi ben, moi ilusionada. Para min é moi importante o ben que funciona e o apoio que teño do consello local. Temos as tarefas divididas, reunímonos coas parroquias, cos veciños. Facemos un traballo constante e moi activo.
Notades que a sociedade vos responde?
Non sei que pasará nas eleccións, pero si que noto que a onda de simpatía que recibe o BNG dos nosos veciños e veciñas é cada vez maior.
Ti, vas ser novamente a candidata do BNG nas eleccións do 27?
Eu son militante do BNG, e as candidaturas do BNG decídeas a militancia do BNG. Son unha militante do BNG leal e respectuosa coa vontade das maiorías, e o meu lugar nesta organización será sempre no que me sitúen os meus compañeiros e compañeiras. O que si podo asegurar con certeza é que estea no lugar que estea vou tratar de dignificar a práctica política para que o exemplo e a memoria de persoas como o noso compañeiro Tato sexan semente de liberdade, igualdade , compromiso e xustiza social.
