O coronavirus a fraternidade e A Nova Peneira

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira

Escribo este artigo o 15 de Marzo, o primeiro día do estado de alarma decretado polo goberno do estado a causa da Pandemia ocasionado polo virus COVID19. E quixera compartir con vós amigos lectores e lectoras as seguintes consideracións:

-A Nova Peneira vaise seguir publicando con regularidade diaria na súa edición dixital.

-No caso do xornal en papel, teremos que agardar a que se restableza a normalidade. Tardemos o tempo que tardemos en superar isto, que o superaremos, a edición en papel, dos mínimo 12 números da nova Peneira, está garantida en calquera circunstancia, pero a situación de peche obrigado do comercio minorista ,e a nosa responsabilidade coa sociedade, nos obrigan a aprazar a próxima edición en papel da nosa publicación, o tempo que sexa necesario para que volva a normalidade.

-Quero expresar un inmenso agradecemento a todas as persoas que dun modo ou outro, teñen relación coa nosa casa; aos traballadores e traballadoras que só me ofreceron comprensión, acougo fraternidade, aos colaboradores e colaboradoras pola súa xenerosidade e fraternidade, aos subscritores e subscritoras pola súa paciencia e fraternidade, e, como non, a todas e todos os anunciantes que só nos ofreceron; fraternidade. Síntome absolutamente comprometido, con vós e quero reafirmar a miña vontade firme para que toda a sociedade galega que algunha vez viu algo en nós que lle resultou atractivo e nos prestou o tesouro máis grande que alguén lle pode prestar a alguén, a súa fraternidade, poida seguir contando con nós, estamos ao seu servizo.

-Non sei se esta situación se vai prolongar só as dúas semanas inicialmente previstas, ou será necesario prorrogala, en calquera caso non vai ser nada fácil, para case ninguén. Agás os segmentos máis privilexiados da sociedade, todos e todas imos notar o impacto emocional e económico en grado superlativo, como se unha bomba de incalculables efectos destrutivos caese de súpeto enriba nosa, sen estarmos preparados para defendernos. Quixera ter as palabras exactas, para na medida das miñas humildes posibilidades, contribuír fraternalmente ao alento, aos ánimos e a solidariedade, quixera saber trasladar o meu afecto, as miñas emocións máis íntimas a todas e todos vós, e non sei se saberei facelo. Só se me ocorre descender ata o máis profundo de min para compartir o máis fondo da miña persoa: Marzo é un mes que me trae os recordos máis dolorosos da miña vida, o 20 do 3 de 1.995 morría o meu querido irmán Claudio, a el matouno un citomegalovirus. A última vez que puiden conversar con el, pouco antes de que o baixasen á UVI mentres nos apretabamos a man díxome: “Non te rendas nunca, procura ser sempre fraternal cos teus semellantes, todos somos iguais”, non puiden evitar unha treboada de bágoas, e tal cousa sempre me atormentou, porque aínda que supoño que el xa era consciente de que ía morrer a miña incapacidade para ofrecerlle un último sorriso, un último aceno de esperanza e unhas últimas palabras de ánimo nunca deixaron de provocarme unha dor intensa. As últimas palabras do meu irmán, e cando digo as últimas falo literalmente porque eu fun a última persoa coa que falou antes de que o sedaran, son as que desexo para todas e todos vós, compañeiras, compañeiros, anunciantes, subscritoras, subscritores, lectoras, lectores, colaboradoras e colaboradores, por favor non vos rendades nunca, non caiades na desesperación, pelexade sempre ata o final, e por favor exerzamos a fraternidade entre todos e todas nós, en especial coas persoas ás que isto lles vai afectar máis.

PS.EN XANEIRO DO 2.021 CELEBRAREMOS A IV EDICIÓN DA NOSA GALA BIENAL, E SI OU SI, ALÍ, VOUVOS DAR UNHA APERTA FRATERNAL A TODAS E TODOS VÓS.

3 Comentarios

  1. Tino grazas polas túas verbas, sempre tan prudentes e cheas de esa grande solidaridade e emoción que te define. Forza e adiante, faremos nosas esas últimas palabras de teu irmán que a min emocionánrome.

  2. Non sei se morreremos antes ou despois, pero farémolo loitando ata o final. Unha forte aperta!!! Pablo.

Comments are closed.